|
|
Letras Galegas 2004 : Xaquín Lorenzo, "Xocas"
O carro
«O feito máis interesante na historia do carro é a persistencia da súa
estrutura, que demostra, ó noso ver, non un primitivismo senón unha
perfección.»
«O carrexo», en A Terra, p. 321.
«Máis complicada aínda é a nomenclatura. Os nomes das pezas do carro
teñen un enorme número de variantes dun alto interés filolóxico mais que
non son deste intre. Nós imos usa-la nomenclatura máis corrente
indicando, cando sexa preciso, algunhas das variantes.»
«O carrexo», en A Terra, p. 322.
«O carro consta de dúas partes: o chedeiro e o rodado. Forman o primeiro
a mesa do carro coa lanza e os artellamentos do eixe, e o segundo o eixe
coas rodas.
O chedeiro consiste nunha grade formada por dous langueiros, as chedas,
vergadas por un extremo no que empatan noutro largueiro que avanza por
diante, o cabezallo, e chega, anque non sempre, até a traseira. Estes
tres elementos consolídanse por medio dunhas travesas, cadeas, tamén de
madeira. As chedas e o anaco de cabezallo que queda entre elas, coas
cadeas correspondentes, fan a grade, que vai cuberta con táboas,
formando un piso, sollo ou sellao. O cabezallo ten unha ou dúas furas no
extremo dianteiro e alí métese un pau atravesado, a chavella, vertical
nuns sitios e horizontal noutros, que serve para o xunguir. Algúns
carros levan unha entalladura en troques da chavella; esta entalladura
chámase mosa. As chedas levan cada unha catro ou cinco furas nas que
entran outros tantos estadullos ou fumeiros, estacas de madeira que
rematan en punta. Por entre os estadullos pódense pór dúas táboas,
ladrais, ou dúas armadillas tecidas de vergas, canizos para que a carga
non se caia. Algúns canizos son dunha soa peza, domeándose por diante
para da-la volta ó chedeiro; detrás pode levar unha comporta, recadén,
que pecha totalmente o chedeiro convertíndoo nunha caixa.»
«O carrexo», en A Terra, pp. 322-323.
Fonte:
Biblioteca Virtual Galega
Volver a:
Xocas, homenaxeado das Letras Galegas 2004
|