XANTAR DE TRASNOS NO MAGOSTO - A CORNICABRA

A Cornicabra
Unha
moza loira, moi fermosa e aínda non muller, vivía nun castro e perdeuse nunha
fraga na procura de herbas mediciñais e andoas. Levaba xa tres días sen rumbo
cando topou cunha fada metamorfoseada en cabuxa cun só corno cara abaixo que lle
ofreceu ensinarlle o rueiro de volta, se non comía das castañas dun souto por
onde tiña que pasar para chegar ó seu castro e prometía levarlle uns abruños. A
rapaza aceptou agradecida e a fada díxolle que lle arrincara o corno porque el
lle ía indicar por onde ir, e que se tiña fame ou sede tirara o corno ó chan e
pensara en algo de comer, pois logo aparecería a comida á carón dil. A rapariga,
coa ledicia de saber que voltaba para casa, pola fame e con frío, esqueceuse do
que lle pedira a fada e prendeu un lume para asar castañas do souto, que eran
moi grandes e moi saboridas. Despois fartouse de abruños e morangos que saíran
do corno e sentiuse con forzas para reinicia-lo camiño de volta, entón decatouse
do tremendo erro e da maldición que lle acababa de caer enriba. Dende aquela, a
Cornicabra anda perdida polas fragas tentando atopa-lo castro onde chegou a vida
ó seu corpo hai séculos. para desface-lo feitizo precísase dun mozo que apañe
castañas do castiñeiro onde se faga o Xantar do Souto de Demos e llas ofreza á
Cornicabra. A sabeduría popular, coñecedora da súa pesadume, bautizou co seu
nome unha variedade de pera galega.
Agora, cada vez que pousa o corno no chan só saen cogumelos, e se pasa por un milleiral collen caruncho as mazarocas, ou cornecelo no caso do centeo. Cando Inzo, os Cirnos e algún Esparapapillado mudan de casa e topan coa Cornicabra quítanlle o corno de cabuxa e póñense a xogar á bilarda con il. Ese ano recóllense moitos e moi bos cogumelos. Quen a vexa no monte no outono sabe que vai topar andoas.
Voltar ó "Xantar de trasnos no magosto" , INICIO
Voltar ó Cultura gastronómica e etnografía galegas, a sección de Xavier Barreiro
