Camino de Santiago
Volver...
por Teresa MÁRQUEZ SANMARTÍN
Publicado en el boletín de la Asociación Valenciana de amigos del Camino de
Santiago, 2002.

Volver á terra, volver ó camiño. Retoma-lo vieiro algunha vez perdido. Atopa-lo
rumbo. Segui-los sinais que ás veces se agochan.
Volver implica, quizais, perder e atopar. Polos opostos dunha mesma acción, que nalgún tempo han de tocarse, coma o día e a noite, coma o ceo e a terra, copulando as súas forzas e recobrando o sentido.
Cando estaba por deixar Arxentina, unha das miñas alumnas díxome, sen ton de reproche: "Deberías escribir sobre a túa decisión de deixar este país que tanto che dou".
A idea ficou latexando pero custábame. Hoxe, a un mes de ter chegado, podo poñerme a escribir algo. Meses antes de partir, cando a decisión estaba tomada, ideas, pensamentos e lembranzas amoreábanse na miña mente. Pasado, presente e futuro mesturábanse sen descanso.
Unha e outra vez acudían os recordos da miña infancia. Daquel afastado setembro, cando o barco levaba áncoras dende o porto de Marín, cara ó novo mundo, cargado de soños, de esperanzas, máis a mágoa das despedidas.
Cóntame miña nai que aprendín a camiñar nesa viaxe. ¡Bo inicio para unha
peregrina errante! ¿Será por iso que me custa tanto botar raíces nalgún paraxe?
Meus pais souberon transmitirme o amor pola terra e medrei coa nostalxia da
distancia. Transitei por moitos camiños, pedras e vales, ríos e montañas;
sementando e colleitando; moldeando o meu tempero, agudizando o meu enxeño;
aceptando o que a vida me foi dando.
Sempre soñei con volver á miña terra, vivir uns anos, deixar as miñas pegadas;
mirando cara adiante, coma no Camiño de Santiago, segura de chegar á meta, ó meu
"Santiago".
O 25 de outubro do 2002 aterrei en Valencia. Unha vez máis comprobo que os soños se cumpren cando non se deixa de soña-los.
No ano 2000 camiñei a Santiago. ¡Outro soño cumprido! Dende entón non podo
deixar de comparar a miña vida co Camiño. Subidas e baixadas; encontros e
despedidas; dores e ledicias; soidades e presencia divina.
Quen non comprenda a súa vida que camiñe a Santiago e poderá vela sen mentiras.
Porque o Camiño amosa, reafirma, enaltece, reconforta, contén, acubilla,
comprende, perdoa. O Camiño ensinoume a mirar cara atrás sen a dor polo que se
vai deixando, atesourando recordos moi preto da alma.
Agora teño unha nova terra, afastada e moi querida: ¡Arxentina! Arxentina non me botou, despediume co máis tenro aperta, como a un dos seus fillos.
Sinto que España recibiume da mesma maneira, co afectuoso aperta que se lle dá ó
fillo cando retorna.
Teño un soño novo: borrar da miña vida tempos, distancias e fronteiras.
¡Ultreia! Bo Camiño...
--Queremos agradecer á profesora
Teresa Márquez Sanmartín por achegarnos este material.
Para contactarse coa autora podedes facelo a :
peregrinosdelcamino@yahoo.com.ar
Volver a: Experiencias do camiño
