VIDA MARIÑEIRA TRADICIONAL GALEGA : OS PAPEIS DA MULLER E DO HOME
O papel da muller dentro da pesca
O papel tradicional da muller na sociedade mariñeira é variado: non fai falla
nin dicir que cumpría coas tarefas tradicionais que se lle ten outorgado á
muller, isto é, criadora dos fillos e responsable da súa educación e
administradora da casa.
Outra función típica da muller era o da venda do peixe. En canto o barco chegaba
ó porto os mariñeiros descargábano e, dende ese momento, desentendíanse del. Era
a muller quen tiña que vendelo, ben en lonxas, ben indo de aldea en aldea para
trocalo por cartos ou productos agrícolas. Isto convertíaa na dona dos cartos.
Tamén da despensa. O home só interviña se se trataba de compras maiores (a casa,
unha horta...) ou cando se trataba da compra de aparellos para a pesca.
Coa
chegada dos cataláns e dos almacéns da salga a muller vai adquirir un novo
papel, entrando a traballar como empregada, sobre todo nos oficios de
espichadora ou de estivadora. Hoxe en día conforman un importante papel como man
de obra nas conserveiras.
As atadeiras: o traballo de atadeira ou redeira é un dos de máis peso da muller
do litoral de Galicia. A súa función é a de compoñer novas redes ou a de
arranxar aquelas que chegan rotas ó porto polo seu uso.
A súa grande habilidade é a de saber manexar rapidamente as agullas para
adianta-lo máximo posible á hora de traballar cos panos das redes. Estes estaban
feitos sobre de liño, cánabo, algodón ou ticum.
Pero non só era ese o seu traballo, tamén se encargaban do duro traballo de
pisa-la casca para lle dar tinta ás redes. Este era un labor que se realizaba
nos píos dos cascadoiros e que tiña por obxecto obter unha tinta que se botaba
en auga a ferver. Logo, no resultante, somerxíanse as redes, de fibras naturais,
para que quedasen protexidas fronte ó efecto abrasivo da auga do mar
O papel do home dentro da pesca
Dende neno, e xa nos seus xogos, o home que nace nunha vila do litoral galego
vaise ir preparando para a vida que lle agarda: saltando dende as gamelas,
iniciándose na pesca nos peiraos, xogando con barquiños de madeira ou
familiarizándose co mundo dos barcos, as artes e resto dos aparellos mariñeiros.
O rapaz do barco: dende os 7-8 anos comeza a enrolarse e pasa a formar parte da
tripulación do barco. O seu traballo era variado e, dende logo, moi duro:
limpalo, levar leña para a cociña, aprovisionalo de patacas. Era o criado do
resto da tripulación. Como pagamento o único que recibía era a aprendizaxe do
oficio e o dereito de pescar para si. Segundo ía mellorando no seu coñecemento
pasaría a pescar para a comunidade, participando entón no reparto de ganancias.
Íaselle subindo conforme progresaba ata que xa, por decisión colectiva, pasaba á
categoría de mariñeiro.
O patrón: para selo non só facía falla ser un bo mariñeiro, senón tamén había
que te-los medios económicos suficientes para mercar un barco. Tamén era
imprescindible que tivera coñecementos sobre a superficie dos fondos mariños,
indispensable para coñecer onde pescar cada tipo de peixe ou saber dos mellores
sitios para a pesca. Para isto necesitaban unha moi boa memoria ou recorrer ós
derroteiros. Ademais, valorábase moito ter dotes de mando, saber levar con
seguridade a tripulación, os aparellos e o propio buque, ou ser xusto cos
mariñeiros ó seu cargo.
O mariñeiro: Ser mariñeiro implica un coñecemento total do traballo no barco. O
seu traballo no mar varía segundo o tipo de peixe ó que se estivera indo. Pero,
ademais da actividade a bordo, debería colaborar en traballos que se teñen que
facer en terra: limpeza dos aparellos, arranxo das redes (semellante ó feito
polas atadeiras) ou transporte destas do barco ás tendedeiras e viceversa. A súa
máxima aspiración dentro da escala social era chegar a ser dono do seu propio
buque, ou o que é o mesmo: ser patrón.
Cando o barco chegaba a porto o primeiro que se facía era apartar unha certa
cantidade de peixe ó que se chamaba "o peixe de comer". O reparto era
responsabilidade do patrón e cada tripulante podería vendelo ou levalo para a
súa casa. O resto vendíase polas canles normais de comercialización.
Reparto das ganancias: o día do reparto das ganancias era sábado ou domingo.
Facíanse ben nunha taberna, ben na casa do patrón. Na pesca traballábase "á
parte", é dicir, cóbrase unha parte da pesca recollida. Para iso, fanse dúas
partes: unha chamada "monte maior", que é para os gastos do barco, e outra
chamada "monte menor", que é para os tripulantes. Este monte menor repartíase en
partes, ada unha denominada "quiñón", segundo o número de mariñeiros e as partes
que cobraba cada un variaban segundo cada porto.
Fonte de información: www.crtvg.es
