Don Ramón Mª Aller Ulloa, o astrónomo galego
por María Seijas Montero
Un cráter na Lúa e varias estrelas levan o nome de Aller. Sacerdote, matemático e astrónomo alcanzou un gran renome na Europa da súa época. Difícil e tratar de resumir a traxectoria profesional dun home que chegou a ser unha recoñecida autoridade no campo da Astronomía. Doutor en Teoloxía e en Ciencias Exactas, construíu en Lalín, en 1912, o primeiro observatorio astronómico de Galicia.
Naceu
no pazo de Filgueiroa na parroquia de Santa María de Donramiro, (Lalín) o día 3
de febreiro de 1878 e faleceu o 28 de marzo de 1966 en Lalín, ós oitenta anos de
idade.
Comezou os estudios sacerdotais no Seminario de Lugo (1894). Dous anos antes de doutorarse en teoloxía, recibiu da súa avoa materna un "anteollo". Rexeitou calquera cargo eclesiástico e cobrar servicios relixiosos, e oficiaba misa todos os días, as dez.
Dedicou todo o seu tempo á paixón científica e publicou o seu primeiro traballo en 1912 sobre un cometa. A ninguén debe escapar que traballou con escasos medios técnicos, nembargantes os resultados foron óptimos e xa en 1939 foi profesor da Universidade de Santiago de Compostela e introduciu, como unha constante nos estudios peninsulares, o das estrelas dobres.
En 1941 foi nomeado membro da Real Academia Galega. Mercé ós seus oficios e
desinterese creouse a cátedra de astronomía na Facultade de Ciencias cara a
1944. Catedrático extraordinario da Universidade, en 1960 foi nomeado fillo
predilecto de Lalín.
D. Ramón M. Aller era todo bondade e modestia. A súa tenacidade e regularidade
no traballo eran motivo de admiración non menos que de asomo. Os seus artigos
foron publicados por revistas estranxeiras especializadas como L´Astronomíe ou
Astronomisch Nachrichten. O astrónomo inglés P. Wilkins, que confeccionou un
mapa da Lúa, bautizou un pequeno cráter co nome do sabio lalinense.
O seus conterráneos fixeron levantar un monumento o sabio, obra de Asorey, o
lado da igrexa do seu pobo. O recordo de D. Ramón tamén está presente no Museo
Municipal de Lalín, inaugurado o día 30 de novembro de 1989 adaptándose para tal
fin o edificio do século XIX con xardín que pertenceu ó sabio astrónomo, e onde
se emprazou no ano 1911 o xermolo do que sería o primeiro Observatorio
Astronómico da Galicia. Este edificio foi adquirido polo Concello de Lalín á
morte de D. Ramón Mª Aller co fin de convertelo en museo.
Na actualidade na casa-museo de D. Ramón expóñense obras e obxectos relacionados con este personaxe sendo esta colección a orixe dos fondos do museo. Estas testemuñas perpetúan a memoria deste paisano de Lalín que vestía sotana, levaba lentes redondas e contaba cunha singular personalidade, a de quen fixo da súa vida un heroico exemplo da busca da perfección.
O persoeiro no seu contexto
Galicia na década de 1910
O sistema ideado por Antonio Cánovas del Castillo, e que coñecemos como
Restauración, comeza a dar síntomas de flaqueza. O sistema de quenda, polo que
se dirixía a política española amosa as súas flaquezas. En Galicia en 1913 é
elixido un concellal socialista na cidade de Vigo. Na Coruña a maioría
republicana é un feito desde fai anos, e no agro o agrarismo irrumpe con forza a
través das encendidas proclamas do cura Basilio Álvarez. As grandes familias
políticas de Galicia ven chegar os últimos días; é a de Montero Ríos en
Santiago, Gasset en Padrón e Noia ou os Riestra que se repartiran Pontevedra.
As remesas dos emigrantes seguen chegando as nosas vilas, e a súa pegada nótase
en cada unha delas: Hospital-Asilo de Lalín ou a Biblioteca América de Santiago
de Compostela.
No mundo político, o rexionalismo dá paso ó nacionalismo das Irmandades da Fala
que condensará Vicente Risco na súa Teoría do Nacionalismo en 1920. Antes, en
1915 Aurelio Ribalta dirixe a revista Estudios Galegos, cunha forte campaña a
prol do idioma galego, e logo Antón Villar Ponte continúa este labor desde La
Voz de Galicia. A primeira irmandade que apareceu foi a da Coruña en 1916, e
logo surxen outras en diferentes vilas: Santiago, Monforte, Pontevedra,
Ourense... En 1917 hai contactos cos nacionalistas cataláns, concretamente con
Cambó. Nas eleccións de 1917 non se presentan ás eleccións, e nas de 1918
preséntanse candidaturas galeguistas, fracasando estrepitosamente. En novembro
dese ano as diferentes ideoloxías que había nas irmandades coindicen nun
programa político, é a Asamblea Nacionalista de Lugo.
Fonte: www.culturagalega.org
