A Torre de Hércules, Patrimonio da Humanidade
Monumento a Breogán ( escultura de Xosé Cid ) coa Torre de Hércules atrás
Logo dunha absurda
espera, o faro activo máis antigo do mundo aínda en pé, a Torre de Hércules,
en A Coruña, foi declarado por unanimidade pola Unesco Patrimonio Cultural da
Humanidade.

O Faro coñecido como Torre de Hércules
A noticia en Vieiros:
A Torre de Hércules xa é Patrimonio da Humanidade
Logo dunha longa espera, a Unesco decidiu conceder esta distinción
ao faro coruñés, o único de orixe romana que se mantén activo.
Redacción - 18:35 27/06/2009
A decisión foi tomada por unanimidade de todos os países
participantes
A espera foi longa e os nervios foron constantes entre a delegación
galega que en Sevilla agardou pola decisión da Unesco. Mais,
finalmente, o Comité de Patrimonio Mundial da organización
internacional declarou á Torre de Hércules como monumento Patrimonio
da Humanidade. A decisión non tivo discusión, xa que foi refrendada
pola unanimidade de todos os países participantes, que cualificaron
o faro coruñés de "obra excepcional".
Única candidatura de todo o Estado Español, o faro da Coruña
converteuse no terceiro monumento galego en facerse acredor desta
distinción, logo do casco histórico de Santiago de Compostela e da
muralla romana de Lugo.
A Torre de Hércules é unha torre e faro situado na península da cidade da Coruña, que ten o privilexio de ser o único faro de orixe romana en funcionamento no mundo.
O 27 de xuño de 2009 foi proclamada Patrimonio da Humanidade en Sevilla pola Comisión do Patrimonio Mundial da UNESCO. Deste xeito converteuse no cuarto recoñecemento da UNESCO en Galicia xunto co Camiño de Santiago, a Muralla de Lugo e a Catedral de Santiago de Compostela.
Hai varias lendas relacionadas coa súa construción. Unha delas, narrada na Crónica Xeral de Afonso X, conta que Hércules chegou en barca ás costas que rodean actualmente a Torre, e que foi precisamente no lugar onde hoxe se sitúa esta que enterrou a cabeza do xigante Xerión, despois de vencelo en combate e liberar ás xentes do lugar da súa tiranía. Sobre o lugar no que enterrou a cabeza ergueu unha torre e mandou logo poboar unha cidade. Crunna foi a primeira muller en se presentar e dela tomará nome a vila. No escudo da cidade aparece a torre e, por baixo dela, a caveira de Xerión.
A outra lenda foi tomada do Libro das invasións de Irlanda durante o Rexurdimento: nel cóntase que o rei Breogán de Hispania ergueu unha torre desde a que o seu fillo Ith albiscou Irlanda; morreu no intento de conquistar a illa pero o seu irmán, Mil, si tivo éxito. Estatua de Breogán, o mítico héroe celta co faro chamado Torre de Hércules atrás
Fonte: Galipedia e Vieiros
