Antón Avilés de Taramancos
1935-1992 Homenaxeado das Letras Galegas do ano 2003
Foi comerciante, domador de cabalos, contrabandista.... e rematou a súa vida poñendo chatos de viño na súa Taberna de Noia. Pero Avilés de Taramancos foi, ademais de todo isto, un dos grandes poetas. Deses que marcarán a historia da literatura galega coa súa obra. Un saber facer que se lle recoñeceu demasiado tarde, en parte polo seu carácter, e en parte porque o seu talante nacionalista obrigouno a emigrar a Colombia onde estivo vinte anos.
Antón Avilés Vinagre naceu en
Taramancos, preto de Noia, dunha familia agraria e mariñeira. Imposible
contar aqui sequera un resume da súa biografia de emigrante: nos paises
andinos foi
labrador, contrabandista, cazador, traficante de cabezas reducidas, nunha
vida de incrible novela.
Baste dicir que antes da súa marcha tratou na Coruña cun grupo de xentes de
esquerda e nacionalistas coas que traballou a reo pola recuperación do
galego, e que os seus últimos anos volto das Américas, gañou a súa vida como
taberneiro en Noia, e militou no nacionalismo cultural e político de
esquerdas.
A súa obra poética iniciouse con As moradías do vento (1955), e A frauta y o
garamelo (1959). Durante a súa estadía americana non tivo máis contacto co
mundo literario galego ca algunha correspondencia con Salvador
García-Bodaño, que fixo publicar en Gríal (1971) algúns seus novos poemas
precedidos dunha noticia. Volto en 1980, publícase dous anos despois O tempo
no espello, incluíndo os dous libros xa éditos e tres inéditos. En 1985
edítanse os Cantos caucanos, en 1989 As torres no ar, e -xa póstumo- "Última
fuxida a Harar".
A súa volta a Galicia significou, ademais do seu renacer como figura
literaria, como colaborador intenso en medios como Grial, Dorna ou Luzes de
Galicia, mesmo chegou a ser elexido presidente da Asociación de Escritores
en lingua Galega.
Poeta de verso férreo e cristalino, épico e elexíaco, Avilés de Taramancos
constrúe unha poesía poderosísima, grandiosa e coral. O amor, a ira
nacionalista, a nostalxia imposible do home de dous mundos, flúen cunha
forza arrebatadora nos poemas dun home rabiosamente vital que amou sen
mesura a vida, a patria, a liberdade, a materia.
VER: ESCOLMA POÉTICA
"O ULISES QUE PARTIU DE TARAMANCOS", por Manrique Fernández (A peneira, Ponteareas)
ESCOLMA POÉTICA REALIZADA por Manrique Fernández
FONTES DE INFORMACIÓN:
REVISTA " A NOSA GALIZA", EDICIÓN DO ANO 1998.
http://membres.lycos.fr/ang/revista.htm
www.galiciadigital.com
