Ramón Suárez Picallo
O derradeiro desexo do político
galeguista, xornalísta, avogado e sindicalista foi, nas súas verbas:
"Eu quixera ir morrer a Veloy e que me enterrasen no Fiunchedo"
A 43 anos da súa morte e grazas a unha
morea de investigadores con apoio do Concello de Sada e a colaboración dun
herdeiro, repatria os restos do insigne galego en 2008. O governo municipal de
Sada declara para este acto ao ano 2008, como o Ano dos Irmán Suárez Picallo,
pois o seu irmán Antón tamén foi un destacado intelectual, asasinado polos
franquistas en 1936.
O número 14 do lugar de Veloi, en Sada, é unha humilde casa de dúas plantas na
que resaltan dúas placas colocadas no medio da fachada. Amáis recente foi
colocada polo sindicato CIG, a Fundación Castelao e a Federación de Sociedades
Galegas de Arxentina no centenario do seu nacemento, en 1994. A segunda estivo
agochada durante moitos anos dentro da casa. "Cando Fraga era ministro de
Información dixo que non se podía colocar porque no texto da placa poñía que
Picallo fora político, e por esa palabra estivo once anos sen colgar", explica
Ramón Tenreiro Suárez, sobriño e o último descendente directo de Picallo, que
vive na casa familiar de Veloi.
Esta segunda praca foi unha homenaxe dos galegos emigrados na América no ano
1965. Cando se trouxo de Bos Aires, fíxose unha grande festa na eira, diante da
casa. A praca lembra ao "bo e xeneroso" Suárez Picallo que morreu "de saudade" e
"soñando con repousar no Fiunchedo".
"Suárez Picallo foi moi amigo de meu pai. Eu estiven con el a ntes e despois da
guerra, en América, onde me dixo que quería enterrarse en Sada, pero non se
cumpriu a súa vontade aínda que ao principio as autoridades aceptaran facelo",
recordaba Isaac Díaz Pardo neste xornal en 2004. Este artista sempre denunciou o
esquecemento no que caeu este ilustre sadense.
FONTE: http://revirate.nireblog.com
RAMÓN SUÁREZ PICALLO
Ramón Suárez Picallo, nado en Veloi,
Sada, en 1894 e falecido en Bos Aires o 14 de outubro de 1964 foi un
xornalista e político galeguista.
Biografía
Suárez Picallo comezou a
traballar na terra aos sete anos, e aos catorce acompañaba seu pai como
mariñeiro. Emigrou el só á Arxentina con dezasete anos. Ali tivo unha activa
participación na vida sindical e política. En 1917 a Revolución Rusa levouno
a posicións máis radicais. En 1918 foi candidato a concelleiro en Bos Aires
e un ano despois candidato a senador pola provincia de San Juan.
Foise
afastando da militancia comunista para se dedicar de cheo á vida sindical e
gañar a vida en distintos oficios. Foi secretario de redacción do semanario
Correo de Galicia de Bos Aires desde abril de 1926 até o 16 de maio de 1931.
Influenciado pola obra do Seminario de Estudos Galegos e as publicacións Nós
e A Nosa Terra, colaborou na creación da Federación de Sociedades Gallegas,
Agrarias y Culturales, de ideoloxía republicada federal e socialista, da que
chegou a ser presidente. Organizou mitíns contra a ditadura de Primo de
Rivera e durante varios anos a "Semana Galega" en homenaxe a Pardo de Cela.
Foi secretario de redacción e colaborador asiduo do seu órgano quincenal, El
Despertar Gallego. O 30 de setembro de 1924 saíu á rúa o primeiro número da
revista Céltiga impulsada por Domingo Rial Seijo e baixo a dirección
colexiada de Ramón Suárez Picallo, Eduardo Blanco Amor e Eliseo Pulpeiro.
O 18 de agosto de 1925 estreou a súa obra teatral patriótica Marola no
Teatro Mayo de Bos Aires, con música de Paz Hermo e asesoría teatral de
Eduardo Blanco Amor.
En 1926 viaxou a Europa para participar no congreso
anual da Organización Internacional do Traballo que se celebrou en Xenebra.
Entre os seus cometidos estaba visitar Galiza como correspondente de Céltiga
e contactar cos círculos políticos daquela época. O 21 de agosto falou no
Círculo de Artesáns da Coruña sobre o xurdimento do nacionalismo galego en
América, acto no que foi presentado por Antón Vilar Ponte, un dos fundadores
das Irmandades da Fala. O 29 estas ofrecéronlle un xantar en San Pedro de
Nós, un día antes de coller o barco para a Arxentina. Durante a súa estadía
en Galiza Picallo establecería unha fonda amizade política con Antón Vilar
Ponte, e posteriormente de ORGA.
De regreso a Bos Aires, fundou unha
sección da ORGA. A Federación de Sociedades Gallegas, Agrarias y Culturales,
xunto coa ORGA, resolveu enviar como delegados á Asemblea Republicana da
Coruña a Ramón Suárez Picallo, Antón Alonso Ríos e Sigüenza.
Suárez
Picallo chegou a Galiza o 4 de xuño xusto para participar o día 5 nos actos
que se celebraon nos salóns do Teatro Principal da Coruña. Durante a
asemblea ambos os delegados da emigración xogarían un papel moi activo.
Alonso Ríos foi elixido presidente da mesma e Suárez Picallo foi proposto
como candidato a deputado constituínte. Durante a campaña electoral
percorreu unha chea de vilas e aldeas da Coruña. O 28 de xuño Picallo
recibiu 55.054 votos, sendo elixido deputado.
En decembro de 1931
participou da fundación do Partido Galeguista, obxectivo este que se
marcaran desde a emigración. Rapidamente Picallo se converteu xunto a
Castelao na imaxe pública deste partido, pasando a liderar dentro do mesmo a
corrente de esquerda nacionalista. Foi a presión de Picallo a que definiu a
política de alianzas progresista do Partido Galeguista cos partidos que
posteriormente conformaron a Frente Popular.
Picallo tivo unha activa
participación parlamentaria sendo elixido membro da comisión de Traballo e
Previsión. Entre as intervencións máis destacadas de Picallo estiveron a
situación dos emigrantes españois na República Arxentina e a súa
repatriación e o proxecto de Constitución. Nas eleccións de 1933, ainda co
retroceso electoral, obtivo 78.000 votos, que non lle chegaron para ser
elixido deputado. Aproveitou para facer o bacharelato no Instituto de
Ensinanza Secundaria de Lugo e posteriormente a carreira de Dereito na
Universidade de Santiago de Compostela.
En 1934 foi detido e encarderado,
acusado de alentar a folga xeral de Asturias.
Durante estes anos Picallo
foi o director de A Nosa Terra, dirixiu SER, un semanario de esquerdas, foi
o vicedirector de Claridad de Santiago de Compostela, e escribiu en
Vanguardia Gallega de Lugo. Os seus artigos foron impresos por distintos
xornais de cidades españolas como El Sol de Madrid, Le Humanite de Barcelona
e El Ideal Vasco.
Co triunfo da Frente Popular o 16 de febreiro de 1936,
Picallo obtivo unha acta de deputado en representación do Partido Galeguista
pola provincia da Coruña, obtendo 162.000 votos. Formou parte da comisión
que levou Estatuto de Autonomía de Galicia a Madrid, co que o Alzamento
Nacional o sorprendeu ali. O seu irmán Antonio foi paseado en Sada.
Acompañou a Castelao a Barcelona e alí responsabilizouse da edición do Nova
Galicia, Boletín quincenal dos Escritores Galegos Antifascistas, xornal de
difusión do galeguismo durante a contenda civil.
Derrotada a República
Picallo esperou ata o último momento para partir ao desterro. Con Marcial
Fernández dirixiuse a Darnius, o cruce da fronteira francesa, e desde alí
ata Perpignan. Logo trasladouse a Cherburgo, onde se embarcou no Queen Mary
rumo a Nova York.
En xullo de 1939 marchou á República Dominicana e alí
exerceu durante un ano o xornalismo como director do diario La Nación.
Abandonou o país cara Chile debido ás presións políticas do goberno de
Trujillo. Alí comezou traballando no xornal La Opinión, para logo pasar a La
Hora, órgano oficial do Partido Radical, que gobernou Chile entre 1938 e
1951, El Mercurio e El Sur da cidade de Concepción de Chile, onde tiña unha
columna denominada "La Feria del Mundo". Foi a súa época máis prolífica como
escritor, xa que neste período produciu o 80% da súa obra.
O 15 de
novembro de 1944 participou na fundación en Montevideo do Consello de
Galiza, xunto con Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Elpidio Villaverde e
Antón Alonso Ríos. En 1954 viaxou por vez primeira a Bos Aires logo de
varios anos de exilio en Chile co obxecto de participar como figura
principal dos actos programados pola Comisión Intersocietaria con motivo do
18 aniversario do Plebiscito de Estatuto de Galiza. Abandonou a Arxentina
pola hostilidade do goberno de Perón. Voltou en 1956 para participar do
Primeiro Congreso da Emigración Galega, que se celebrou desde o 24 ao 31 de
xullo nos salóns do Centro Asturiano.
En 1959 Picallo fíxose cargo da
Cátedra de Cultura Galega do Centro Lucense de Bos Aires. En 1961 comezou
tamén o seu primeiro curso de xornalismo, que continuou impartindo ata 1962.
Nos últimos anos padeceu unha enfermidade cardíaca que o obrigou a ser
internado. Morreu no Sanatorio do Centro Galego de Bos Aires o 14 de outubro
de 1964. Foi soterrado en La Chacarita, o camposanto de Bos Aires. En 2008
anunciouse a repatriación dos seus restos para o cemiterio do Fiunchedo en
Sada, sendo enterrado alí o 14 de outubro de 2008.
FUENTE: A GALIPEDIA, A ENCICLOPEDIA LIBRE
www.galespa.com.ar