SOPAS DA TERRA

SOPA CREMA DE GRELOS - RECEITA 1
Ingredientes: (4 persoas)
leite, 1 litro
grelos, 1 mañuzo
cebola, 1/2
porro, 1 (só a parte branca)
pataca, 1
sal
aceite
Preparación:
Córtase a cebola e o porro en finas febras e refóganse nun pouco aceite
quente, sen que se cheguen a dourar. Engádeselle a pataca cortada en
anacos e o leite. Déixase ferver ata que se comece a desfacer; logo,
bótanselle os grelos ós que se lles deu unha fervura. Cando todo estea
cocido, pásase polo batedor.
Restaurante Casa Solla
SOPA DE MARISCOS - RECEITA 2
Ingredientes: (6 persoas)
boi de Francia, 1 kg.
nécoras, 4
gambas, 1/4 kg.
mexillóns, 12 pezas
berberechos, 12
ameixas, 12
cebola, 1
allo, 4 dentes
azafrán en rama, un pouco
pemento doce, unha cullerada
fariña, un pouco
aceite, 1/4 litro
manteiga, Unha noz
pementos
Preparación:
Nunha cazola, faise un caldo de peixe. Para a súa preparación pódense
usa-las cabezas e espiñas, aínda que é aconsellable empregar algún anaco
de peixe como de peixe sapo ou de pescada. Por outra banda, prepárase un
mollo coas cabezas de marisco e as nécoras esmagadas e cribadas. Isto
daralle á sopa unha grande substancia. Preparado o caldo e o prebe,
faise un rustrido con base de cebolas, allos, azafrán, pementos, aceite,
manteiga e fariña. Unha vez que o rustrido vai callando, engádeselle
lentamente o caldo de peixe e o prebe de marisco esmagado. Móvese para
que pouco a pouco vaia espesando e, cando comece a espesar, bótaselle as
gambas, os mexillóns, o boi de Francia, os berberechos e as ameixas. Ó
longo duns 10 minutos, déixase que se coza e a sopa estará lista.
Para servir, aconsellamos preparar uns pequenos tropezóns.
Restaurante Sanmiguel
SOPA DE OSTRAS - RECEITA 3
Ingredientes: (6 persoas)
caldo de peixe, 1,500 l.
ostras, 18
xemas de ovo, 2
crema de leite, 15 cl.
auga
Preparación:
Primeiro escalfámo-las ostras uns tres minutos. Despois escorrémolas.
Reducimos a auga á metade e xuntámola co caldo de peixe. Deixamos ferver
e ligamos este caldo coas xemas e a crema. A continuación, poñémoslle as
ostras.
Con esta sopa servimos á parte unhas rebandas de pan con manteiga.
Restaurante Casa Vilas
