Sociedade e costumes: as fontes e os pozos de auga
A
abundancia de augas subterráneas propicia en Galicia a proliferación de
fontes e pozos, que sempre deron unha fisionomía moi peculiar nos campos e
nas moitas prazas e rúas de vilas e cidades.
As fontes son, en tanto no medio rural coma no urbano, comunais ou públicas, de utilización conxunta por tódolos veciños.
Nas aldeas son moi correntes as chamadas " fontes de cabaliño", cunha parede na que se encontran un ou dous canos de pedra. Adoitan estar rematadas por unha cruz ou dous pináculos e a auga é recollida no bebedoiro para servicio do gando.
As fontes noutros tempos
As fontes, na actualidade, terminaron coa función que tiñan que desempeñar noutros tempos : abastecer de auga á poboación das vilas e aldeas.Cando a rede da traída de augas foise instalando nas vivendas, a misión das fontes deuse por cumprida. Como a súa situación non era xeralmente en lugares adecuados para que serviran como elementos decorativos; por iso, a maior parte delas, hoxe son un mero recordo para as persoas de maior idade.
As fontes, tiñan, en xeral, un ou dous canos e a elas acudían toda a xente da zona en procura de auga.
Ir buscar auga á fonte era un traballo
diario e duro e significaba unha gran perda de tempo. Os
recipientes
que se utilizaban para transporta-la auga da fonte á casa eran bastante pesados,
quizais pesara máis o recipiente que o peso neto en si; é dicir, a auga que
levaba.
Tratábase de caldeiros de aro, feitos dun material galvanizado polo xeral. Se a persoa que ía á fonte era adulta acostumaba levar dous caldeiros, un en cada man; e se se trataba de nenos levaban só un, que normalmente era enchido ata a metade da súa capacidade para alixeira-lo peso. Ademais, o que pasaba era que se se enchía totalmente, a casa chegaba só a metade pois entre o movemento propios do andar e as paradas para descansar ó longo do camiño, a auga íase vertendo pouco a pouco.
Ademais dos cubos utilizábanse as selas de zinc (estas eran pouco pesadas) e as
ferradas, é dicir, as famosas selas de madeira de teca e aros de metal amarelo
(isto era especialmente cando os donos dos mesmos eran xente acomodada).
Algunhas persoas levaban a sela tapada coa súa bonita e pesada tapa, tamén
de metal. Dende logo, todos estes pesados obxectos, hoxe,
serven de elementos decorativos.
Tamén levábanse á fonte os chamados "bidóns" que tiñan máis capacidade, e xa se
sabe a máis auga máis peso. (Estes bidóns servían de envase ó carburo). Estaban
os bidóns normais, que eran caldeiros grandes, pero en forma de balde.
Os bidóns e as selas, transportábanse na cabeza e era asombroso o equilibrio co
que os levaban as mulleres que facían uso destes recipientes. Enriba da cabeza e
debaixo dos mesmos poñían o que se chama o “molido” ou “rodal”, que viña a
ser un real de tela retorcido e logo dobrado en forma de círculo. O “molido” era
posto para protexe-la cabeza do roce que lles podían ocasiona-las selas e os
bidóns.
Para coller auga na fonte había que espera-la rolda, se é que alí había máis
dunha persoa. O de " ágora me toca a min" moitas veces , daba lugar a máis dunha
discusión, xa que algunhas persoas en vez de espera-la súa quenda , trataban de
adiantarse e as persoas que estaban esperando e que tiñan dereito a facer uso da
fonte antes que elas non llo permitían. Se a persoa á que lle tocaba a quenda,
tiña dous recipientes para levar e facía uso ó mesmo tempo dos dous canos,
estaba exposto a oír unha reprimenda por parte de algunha das persoas que
esperaba a vez, xa que segundo o horario desta nos se podían ocupar os dous
canos, se non que había que deixar un libre e enche-los dous recipientes no
mesmo cano.
En fin, nas fontes, como noutros sitios había xente de tódalas condicións. Persoas que non lles importaba cede-la vez, xa fora por bondade, xa porque non tiñan presa e pasábano ben conversando cos demais compañeiros. Outros por educación non recriminaban á que se colaba con toda a cara, sen esperar quenda, aínda que non por isto se deixaban pasar por parvos; de aí que lle dixeran "agora tócame a min, pero bueno". Logo habías as inconformistas que protestaban por todo...
Pero non sempre había pelexas. Como alí había que acudir tódolos días e ás veces varias veces o día, pódese dicir que tamén ir á fonte supoñía ir de reunión o xuntanza, pois mentres se esperaba a vez en algo había que pasa-lo o tempo.
As persoas que non tiñan a paciencia de
espera-la súa quenda e que tampouco lles gustaba a xuntanza, acudían á fonte a
primeiras horas da mañá ou ben a partir das doce da noite. Algunhas persoas
tamén ían a esas horas, porque lles parecía unha baixeza ir á fonte e non tiñan
os suficientes cartos para pagar unha "augadeira".
As "augadeiras" é outro oficio, hoxe en día, xa desaparecido.
Cantas cousas poderían contarnos as vellas fontes, se puideran falar.
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada: "galicia 2000: Cultura popular", Xunta de Galicia.
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
