ESCUDO DE GALICIA
A
heráldica xorde por motivos prácticos: o
combatente medieval, coa cabeza oculta polo
capuchón
da cota de mallas e o nasal do casco, tivo que usar signos para ser
recoñecido polos seus no combate. O escudo defensivo foi o primeiro soporte
natural para este tipo de expresión que contribuía á súa identificación. Da
transmisión hereditaria das figuras que alí figuraban e da creación de
regras que as rixen, naceu a heráldica.
Cando a heráldica se estendeu polo occidente europeo, o antigo reino de
Galicia estaba integrado xa na monarquía leonesa e os seus reis usaban
sinxelamente o león parlante. Esa dependencia foi a causa de que Galicia
carecera de símbolo heráldico dos séculos XII ó XIV.
A necesidade de utilizar unha figura que representase a Galicia provocou a
aparición do símbolo eucarístico no escudo por medio dun copón cuberto
durante o século XV, do cáliz cunha hostia encima no XVI e pola custodia a
partir do XVII. Esta figura aparece por un antiquísimo privilexio existente
na catedral lucense consistente na exposición constante do Santísimo
Sacramento ós seus fieles.
No Renacimento, o copón perdeu o seu carácter expresivo e, para insistir na
súa mensaxe, fíxose patente o pan eucarístico e cambiouse o copón polo
cáliz.
A aparición das cruces no escudo de Galicia vén de moi atrás e xurde das
preocupacións por encher o espacio baleiro. Elixíronse as cruces
fundamentalmente por motivos relixiosos, sendo as primeiras recrucetadas.
Foron seis durante todo o século XVII, pero a que remataba a custodia
rematou por facerse independente e as sete cruces resultantes foron
identificadas coas cabezas do antigo Reino de Galicia. Actualmente
caracterízanse pola súa sinxeleza.
A cor do campo do escudo será azul dende o século XV e actualidade as cruces
póñense, con preferencia, de plata. O cáliz aparece en ouro fundido á hostia
de plata. Entre os ornamentos exteriores, merece especial atención a coroa e
a cruz de Santiago. Non apareceu ata o XVII porque o seu uso estaba
reservado exclusivamente ós cabaleiros da orden. Hoxe en día só se mantén a
coroa.
Foi en 1972 cando a Real Academia Galega adoptou en sesión plenaria o modelo
definitivo deste símbolo que hoxe é considerado oficial.
Fonte consultada: Xunta de Galicia, www.xunta.es
