Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

ALVARO CUNQUEIRO

 

Era Saltaparedes un grande brincador, e non se lle resistía parede, por moi alta que fose. Era coma pelota, botaba: de corpo era manteigoso, e na pel non tiña nin pelo.

Como codia de queixo de San Simón, lisa e amarela, así tiña a pel. Tiña dous olliños pequeniños, e de noite mamaba nas vacas. Unha noite de lúa chea atopouno o golpe nunha encrucillada, e crendo que era un queixo perdido, papouno. O golpe sorprendeuse de que indo andando, tras come-lo queixo, a par del ía a sombra do comido.

Quixo meterlle o dente, pero non puido. Pero o golpe, que é malicioso, despois de pensalo un pouco, caeu na conta de que podía aproveitarse da sombra do saltaparedes que o seguía a toda parte.

 

 

 

Quen puidera namorala Quen puidera namorala

No niño novo do vento
hai unha pomba dourada;
quen puidera namorala,
quen puidera namorala,
meu amigo.

Canta o luar e o amencer
en frauta de verde olivo;
quen puidera namorala,
quen puidera namorala,
meu amigo.

Ten ás de flor recente
cousas de recén casada;
quen puidera namorala,
quen puidera namorala,
meu amigo.

Tamén ten sombra de sombra
e andar de primeiro río
quen puidera namorala,
quen puidera namorala,
meu amigo.