Manrique FERNÁNDEZ VÁZQUEZ
(Sistallo-Cospeito-Lugo, 1965)
Malia
que nado no corazón da comarca luguesa da Terra Chá
(Galicia-España), pasou a súa infancia en varias vilas galegas ata
que, moi novo, marchou a Madrid, onde permaneceu por espacio de
quince anos ata rematar os estudios de Xornalismo na Facultade de
Ciencias da Información da Universidade Complutense. Foi nesa época
cando tornou de novo a Galicia para iniciar a súa andaina
profesional.
Afincado inicialmente na Coruña, traballou en diversos medios de
comunicación galegos, tanto na prensa escrita como en radio e en
televisión, e ata chegou a fundar unha revista quincenal de
información cultural e de ocio na devandita ciudade. Pouco despois
trasladou a súa residencia a Ponteareas, onde vive na actualidade
compaxinando o traballo profesional coa súa meirande afición: a
literatura.
Os seus primeiros traballos literarios remóntanse a cando tiña só 14
anos, data na que resultou gañador nun concurso de poesía escolar
organizado polo seu mestre, o poeta gaditano Ángel García López. Foi
o seu despertar ó mundo da poesía e da literatura en xeral e dende
entón non deixou de escribir, malia que ningún deses traballos
iniciais foi publicado. O seu primeiro premio importante foi a
selección da letra para a cantata «Corpus en Ponteareas», á que lle
poría música o compositor ponteareán Rogelio Groba, nun concurso
organizado polo Concello ponteareán. A cantata foi estreada na vila
o 1 de xullo de 1998 pola Orquestra Sinfónica de Galicia e mailo
Coro da Comunidade de Madrid.
Dende entón estableceu unha importante colaboración co músico que
deu como froito a redacción da súa biografía («Rogelio Groba:
Meditacións en branco e negro», publicada pola editorial galega
Xerais en 2000), dúas óperas («Floralba», inspirada nunha lenda
popular ponteareana, e «Pedro Madruga, o noso Rei», sobre a curiosa
figura dun nobre galego do século XV), e máis unha canción de cuna
(«No meu colo»), adicada á súa filla, Iria.
O libreto da ópera «Floralba» e máis o poema longo que a inspirou,
foron publicados no ano 1999 pola editorial ponteareana «Egasur». En
2002 publicou tamén o libro, «Ponteareas máxica. Mitos, ritos e
lendas», no que se recollen o devandito poema e máis outras sete
lendas populares relacionadas co municipio de Ponteareas, que foi
editado pola Asociación de Comerciantes da vila como agasallo ós
clientes co gallo da festividade do Corpus Christi.
Os últimos traballos, inéditos polo de agora, foron sendas revisións
dos libretos de ópera para reconvertilos en pezas de teatro.
COMUNICARSE CO AUTOR
Podedes facelo ó seu enderezo electrónico, manrifer@arrakis.es, para suxerencias ou comentarios coma así tamén para calquera edición venal de "Ponteareas máxica" que poderá ser empregado libremente para uso particular ou docente acordándoo previamente co seu autor.
