PONTEAREAS: O PRIMEIRO PASODOBRE GALEGO
Entre os nosos músicos está considerado como o segundo himno de Galicia,
polo moito que se interpreta no mundo. Tanto que ata a Banda Real Inglesa o
toca en ocasións durante o seu famoso Cambio da Garda. Pero onde sona o
pasodobre "Ponteareas" tódolos días do ano é na vila que lle dá nome.
Á unha do mediodía, as campás do reloxo do consistorio fan soar esta marcha,
o seu himno oficial.
A obra foi composta por Reveriano Soutullo, que a regalou ós seus
paisanos o 20 de outubro de 1929, día no que Ponteareas e os músicos
galegos lle tributaban unha afervoada homenaxe na praza de Abastos da
localidade, lugar que ocupa hoxe un auditorio que leva o seu nome. Aquel
día, do que agora se cumpren setenta anos, Soutullo estreou diante dos seus
veciños o paradigma dos nosos pasodobres, unha excelsa melodía coa que
inventaba unha extensión galega dun xénero tan castelán.
A composición constitúe un "verdadeiro pasodobre galego
"porque fundiu nel os xiros melódicos das alboradas e dos alalás", explica o
musicólogo Xaime Estévez, experto na obra de Soutullo e autor do libro
Reveriano Soutullo Otero. Estudio biográfico y musical. Segundo Estévez, "a
obra é dunha enorme riqueza melódica, rítmica e acústica e en Galicia
mitificouno como o músico ideal ó que había que emular". De similar opinión
é Xosé Luís Represas, director da Agrupación Instrumental "Armonía", que hai
pouco editou un disco con pasodobres de topónimos galegos, para quen
Soutullo "inaugurou un novo xeito de compoñer pasodobres; creou un
pasodobre con Denominación de Orixe".

FOTO: O mestre Soutullo no centro, con batuta, co Orfeón de
Galicia, de Tui, que dirixía en maio de 1897
Cando recibiu os agasallos da súa veciñanza en 1929, Soutullo xa era un dos mellores compositores españois de zarzuela.
Demostrou moi cedo as súas calidades musicais, ó dirixir con trece anos ó Orfeón de Tui. Pero a súa proxección comezou tralas súas brillantes cualificacións no Conservatorio de Música de Madrid e despois de perfeccionar os seus coñecementos no estranxeiro durante dous anos cunha bolsa do concello de Vigo.
Rematada esta xeira volveu a Madrid. Compuxo obras para banda e música coral e relixiosa cos pseudónimos L. Rals e L. Durán -quizais reservando a súa sinatura para composicións de maior envergadura- e instrumentou partituras de zarzuela para coñecidos empresarios teatrais. A súa consagración chegoulle na vizosa etapa de colaboración co valenciano Juan Vert. Entre 1919 e 1931 compuxeron varias obras de rotundo éxito ("El Capricho de una Reina", "La leyenda del beso", "La del soto del parral", "El último romántico" ou "Encarna la misterio") que os confirmaron como o máis célebre tándem de zarzuela da época.
Vert finou en 1931 e, ano e medio despois, en 1932, foi Soutullo quen non logrou superar unha broncopneumonía que lle apareceu mentres se recuperaba dunha operación de oído. Nese tempo, o músico ponteareán compuxo aínda tres obras que se estrearon postumamente: "Piso 5º, Letra C", "La Rosa de Flandes" e "Luces de verbena".
Antes de estrear o pasodobre "Ponteareas" na praza de Abastos da vila do Tea, Soutullo leu un discurso no que agradeceu o cariño de veciños e amigos e das corporacións de Ponteareas, Redondela e Vigo, que o axudaron na súa formación. A segunda parte do discurso tiña un ton inconformista. Neses parágrafos finais pedía apoio e protección para a música galega, o único xeito de fecundar obras maiores como a súa, que nesta mesma hora seguramente soa nalgunha parte do mundo.

FOTO:
VISTA DE PONTEAREAS (PROVINCIA DE PONTEVEDRA)
Artigo escrito por Jorge Castro, "Rias Baixas Magazine"
OUTUBRO 1999
MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
