Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

A muller galega

Mulleres, nais, fillas, mozas, labregas, marisqueiras...

Mulleres que todo o facían cun sorriso nos beizos, mulleres que traballaban de sol a sol nas eiras, sementando e recollendo os froitos da terra, cruzando os montes neses chuviosos días de inverno, lavando roupa á beira do río, camiñando pola lama coa pesada carga ó lombo entre a brétema e o frío que chegaba ata ós osos, cociñando ricas comidas co pouco que tiñan... 

Mulleres que traballaban fóra e dentro da casa, 

usando a gadaña e o fouciño nas tareas agrícolas coas mesmas mans que acunaban ós fillos,  

cun canto de berce á calor da lareira.

Mulleres que todo o facían cantando, 

que daban todo polos demais, 

mulleres fortes por fóra pero cun corazón moi grande por dentro, 

viúvas de vivos e viúvas de mortos.

Mulleres que viron partir ós seus homes e fillos á emigración, quedando ó coidado das casas, esperando días e anos as cartas que traían as noticias de América,

deses seres amados que en moitos casos non viron nunca máis.

Mulleres que deron a vida polos seus seres queridos, pola súa terra, polos seus fogares.

Muller galega que non sei o teu nome, porque tes miles deles...

Muller, nai, filla, moza, labrega, marisqueira...

Para ti o meu recoñecemento e o meu recordo, para ti a miña sinxela homenaxe

 

Consuelo Groba Porto

 

FOTO: Consuelo Groba Porto:  unha das miñas bisavoas. Ela non emigrou, naceu e morreu en Guláns, Ponteareas, onde hoxe repousa para sempre.

Mónica B. Suárez Groba

 

"Este vaise i aquel vaise,
e todos, todos se van,
Galicia, sin homes quedas
que te poidan traballar.
Tés, en cambio, orfos e orfas
e campos de soledad,
e nais que non teñen fillos
e fillos que non tén pais.
E tés corazóns que sufren
longas ausencias mortás,
viudas de vivos e mortos
que ninguén consolará".

ROSALÍA DE CASTRO, "FOLLAS NOVAS", 1880.-