Lois Pereiro, o poeta maldito
ACORDO
DA RAG
O Día das Letras 2011 estará adicado ao poeta
Lois Pereiro
A Academia decidiu homenaxear un autor de culto finado en 1996 e moi
reivindicado polas novas fornadas literarias.
En 1996 a morte levaba canda si un poeta que entraba en plena madurez literaria.
Catorce anos despois, na mesma cidade na que finou, A Coruña, o pleno da Real
Academia Galega decidiu homenaxear a obra deste autor dedicándolle o Día das
Letras 2011. Considerado por algúns como un poeta de culto (pouco coñecido
entre o gran público), Lois Pereiro foi especialmente reivindicado nos últimos
anos polos autores máis novos.
Nado en Monforte en 1958, o poeta sempre foi reticente á publicación individual
dos seus traballos. De feito, só viu dous deles publicados en vida: Poemas
1981/1991 (Edicións Positivas, 1992) e Poesía última de amor e enfermidade,
publicado na mesma editorial ters anos máis tarde.
Nun comunicado, a RAG sinala que Lois Pereiro “cartagrafou coma ninguén o
labirinto do mundo contemporáneo conciliadno para tal fin o individualismo
escéptico coas tradición demoledora do expresionismo centroeuropeo. A súa
proposta callou na sensibilidade emerxente, mergullada no posmodernismo, e
desexosa de atoparse nun discurso reflexivo, acuciante e non retardario.”
Elixido polos lectores de Vieiros en 2006
No ano 2006 Vieiros puxo en marcha en marcha unha enquisa entre os seus lectores
para que elixisen o autor a quen se lle debía adicar o Días das Letras. Lois
Pereiro gañou con moita diferenza. Catro anos despois, a RAG recoñece o que
moitos xa demandaban: un recoñecemento nacional a un autor que merece ser
popularizado.
Fonte: Vieiros.com
Vida e obra de Lois Pereiro
Lois Sánchez Pereiro, máis coñecido como Lois Pereiro, naceu en
Monforte de Lemos o 16 de febreiro de 1958 e morreu en A Coruña o 24 de maio de
1996. Escribiu en lingua galega.
No ano 2011 adicouselle o Día das Letras Galegas
A súa familia procedía de O Incio. Estudou no Colexio dos Escolapios e comezou a
escribir aos 15 anos. Tras rematar o COU marchou a Madrid onde comezou os
estudos universitarios de Ciencias Políticas e Socioloxía. Logo dunha estadía en
Monforte traballando na empresa familiar adicada ao vidro, retornou a Madrid
para estudar lingua inglesa, francesa e alemá. Alí fundou a revista Loia, con
Antón Patiño, Manuel Rivas e o seu irmán Xosé Manuel.
Logo en 1981 vai vivir á Coruña, onde se une a revista La Naval. Nesa época
entra en contacto con un grupo de poetas entre os que estaban Xavier Seoane,
Francisco Salinas Portugal e Xullo López Valcárcel, participando en varias
antoloxías como De amor e desamor ( 1984 ) y De amor e desamor II ( 1985 ), e
colaborando en revistas como La naval, Trilateral, Anima+l e Luzes de Galiza, na
cal publicaríanse en 1997 os oito capítulo da novela curta Náufragos do
Paradiso.
En 1983 y 1987 viaxou con Fernando Saco por Europa. Traballou como tradutor de
alemán, francés e inglés de dobraxe de cine e de televisión convencional (
episodios de Dallas e Kun Fu ) como porno.
Soamente publicou dous poemarios en vida, Poemas 1981/1991 ( 1992 ) e Poesía
última de amor e enfermidade ( 1995 ). En 1996, ano do seu pasamento, publicouse
Poemas para unha loia, que recolle obras da súa época madrileña, publicadas na
revista Loia e que inclúe o ensaio Modesta proposición para renunciar a facer
xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia, publicado
no número 27 de Luzes de Galiza.
Respecto ás causas da morte de Lois Pereiro, a pesar de padecer SIDA,
foron un cúmulo de enfermidades que remataron cunha insuficiencia hepática.
Oficialmente e a segundo unha sentencia da Audiencia Provincial de Lugo, por un
preito para que o Estado pagase o enterro, a causa da súa morte foi unha
intoxicación por aceite de colza desnaturalizado.
Recoñecemento
Durante anos reivindicouse a dedicación do Día das Letras Galegas a este poeta
monfortino; no marco desa campaña sitúase unha reedición da súa obra poética
traducida ao castelán, catalán e vasco, xunto cos orixinais en galego.
Finalmente, o 26 de xuño de 2010 la Real Academia Galega ( RAG ) publicou a súa
decisión de adicarlle o Día das Letras Galegas de 2011. A Academia apreciou:
"evidentes pegadas expresionistas, referencia á lingua xermánica e certos rasgos
de contracultura... unha imaxe e unha estética que fixeron de el un autor de
culto. Cartografou coma ninguén o labirinto do mundo contemporáneo conciliando
para tal fin o individualismo escéptico coa tradición demoledora do
expresionismo centroeuropeo."
En verbas do escritor e membro da real Academia galega, Manuel Rivas:
"Dedicarlle a Lois o Día das Letras 2011 foi unha decisión valente da Academia,
porque é un autor de culto, pero en canto se difunda a súa obra, será un autor
moi popular"
Exemplo da súa lírica
Como mostra da nudez da súa poesía, aquí ollaredes un párrafo de un dos seus
poemas, epitafio gravado en pedra en unha tumba de Santa Cristina de Viso, no
Incio:
Cuspídeme enriba cando pasedes por diante do lugar onde eu repouse, enviándome
unha húmida mensaxe de vida e de furia necesaria.
Obra
Poemas 1981/1991 (1992)
Poesía última de amor e enfermidade (1995)
Poemas para unha Loia (1997)
Conversa ultramarina (2010)
Náufragos do Paradiso (2011)
Antoloxía (2011)
Modesta proposición e outros ensaios (2011)
Obra poética completa (2011)
Obra completa (edición bilingüe) (2011)
Dos poemas Luz e sombras de amor resucitado
Tristemente convivo coa túa ausencia
sobrevivo á distancia que nos nega
mentres bordeo a fronteira entre dous mundos
sen decidir cal deles pode darme
a calma que me esixo para amarte
sen sufrir pola túa indiferencia
a miña retirada preventiva
dunha batalla que xa sei perdida
resolto a non entrar xamais en ti
pero non á tortura de evitarte.
Dos poemas póstumos
Somentes
intentaba conseguir
deixar na terra
algo de min que me sobrevivise
sabendo que deberia ter sabido
impedirme a min mesmo
descubrir que só fun un interludio
atroz entre dous muros de silencio
só puiden evitar vivindo á sombra
inocularlle para sempre a quen amaba
doses letais do amor que envelenaba
a súa alma cunha dor eterna
sustituíndo o desexo polo exilio
iniciei a viaxe sen retorno
deixándome levar sen resistencia
ó fondo dunha interna
aniquilación chea de nostalxia.
Cero a la izquierda
O corredor de fondo perde o alento
Fuxindo dunha vida inzada de renuncias
da súa liturxia obesa e oleosa,
mediocre nos seus comunais fracasos,
bágoas de xelo, indignación contida
non deu chegado a tempo de exercer
a súa rebelión,
nin de levar a cabo
a súa vinganza definitiva
contra un mundo inxusto, homicida, e cruel,
pola inutilidade da súa propia vida
solitario, enfermo e fatigado,
a morte anticipouse e chegou antes.
