|
a santa compaña
A
SANTA COMPAÑA
quizais sexa, unha das crenzas míticas máis arraigadas no rural galego.
Coñécese tamén en Galicia con varios nomes :
Estadea,
Estantiga, Rolda,
As da noite, Pantalla,
Avisóns,
Pantaruxada.
Todos eles son termos que nos indican a presencia dun colectivo de
mortos no mundo dos vivos.
Son varias as versións que na bibliografía podemos atopar sobre a Santa
Compaña, de aí a dificultade para poder definila con exactitude. Agás
excepcións, hai unha serie de trazos xerais nos que coinciden a meirande
parte dos autores ó se referiren a ela:
"procesión de mortos
ou almas en pena que nas brétemas da noite (a partir das doce) percorren
errantes as sendas e camiños dunha parroquia".
Esta procesión vai encabezada por un vivo portando unha cruz e un
caldeiro de auga bendita seguido de tódalas ánimas con velas acesas, non
sempre visibles, notándose a súa presencia polo cheiro a cera e o vento
que levanta ó seu paso.
O
portador da cruz non pode en ningún momento volve-la vista atrás nin
renunciar ós seus cargos precedendo a Santa Compaña.
Só quedará liberado cando encontre outra persoa a quen lle entrega-la
cruz e o caldeiro.
Para se salvar desta obrigación a persoa que vexa pasa-la Santa Compaña
debe trazar un círculo no chan e meterse dentro del ou ben botarse boca
abaixo.
Aínda que na maioría das historias sobre a Santa Compaña esta realiza a
súas aparicións de noite, tamén hai casos citados nos que se fala de
saídas diúrnas.
A persoa viva que precede a procesión pode ser home ou muller,
dependendo se o patrón da súa parroquia é santo ou santa.
En definitiva, considérase a Santa Compaña como unha anunciadora da
morte. A súa misión é visitar todas aquelas casas nas que axiña haberá
un pasamento.
Dentro nas crenzas galegas, existe tamén outra procesión moi semellante
á Santa Compaña pero que se diferencia desta en que non son pantasmas de
mortos os que van nela, senón pantasmas de individuos vivos. Leva o nome
de
"procesión das Xans".
Marchan
en dúas fileiras e levan un cadaleito. Canto máis á beira do cadaleito
vaian os membros das ringleiras, máis axiña morren. Os que van máis
lonxe poden tardar ata tres ou catro anos. Quen atopa esta procesión,
vea, mais non a sente. O encontro case sempre se dá nas encrucilladas
dos camiños, onde é costume deterse cos defuntos para que os cregos
boten responsos.
Se o que a atopa é amigo dos que van na procesión, o único que fan con
el é levalo polo aire a outra parte; se é inimigo, danlle unha gran
malleira e arrástrano polas silveiras. Son poucas as persoas que ven a
procesión das Xans, pois para iso
precisa posuír unha destas condicións: que o padriño de quen a ve,
rezase mal o credo cando o bautizaron, ou que o crego cambiase os santos
óleos confundindo os da extrema unción cos do bautismo. Tal erro pódese
remediar bautizándose de novo
Ó impresionante
culto dos mortos
ou dos devanceiros únese en Galicia a crenza das almas en pena, da
ánimas peregrinas, que integran a Santa Compaña; por iso en moitas
encrucilladas dos camiños se
erguen os
cruceiros
e os
petos de ánimas,
onde se depositan as ofrendas piadosas en tributo ós que xa están na
eternidade
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada: "Breviario Enciclopédico", Eladio Rodríguez Gónzalez.
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
|