A PONTE SOBRE O RÍO EUME E AS SÚAS LENDAS
O
concello de
Pontedeume (provincia da Coruña) está situado á beira meridional da
ría do seu nome, que tamén é chamada Ares e está formada polo río Eume; na outra
beira da mesma ría atópase o municipio de Cabanas. Ten un pouco máis de 9.100
habitantes.
Da época prerromana consérvanse só vestixios dalgúns castros, coma o que existiu
na punta Carboeira e o de Centroña. Este último tamén foi habitado polos
romanos. No ano 1959, descubriuse unha mansión romana que estaba invadida polas
mareas. Os seus mosaicos e outros obxectos están expostos no Museo Arqueolóxico
do Castelo de San Antón, na Coruña.
Asóciase a identificación de Pontedeume coa cidade de Pontumio (nome co
que se designa á batalla na que Froila
derrotou a Omar, apartando definitivamente ós mouros de Galicia).
No ano 1270 Afonso X 'O Sabio' concédelles ós veciños da comarca a autorización para construír unha cidade no lugar de Ponte do Eume. A mediados do século XVI unha herdeira dos Andrade casou con Pedro de Castro e desa maneira, quedaron unidas esta poderosa casa galega co señorío dos Andrade.
O desprazamento do señorío cara a familias alleas a Pontedeume e os incendios
devastadores contribuiron ó decaemento da vila ó longo do tempo.
A vila de Pontedeume conserva un primitivo núcleo de construccións interesantes,
de castelos e capelas antigas.
Os
monumentos máis destacados son: o pazo do Conde do que só se conserva a torre, a
igrexa parroquial de Santiago, construída no século XVI (no seu interior atópase
o sepulcro de Fernando de Andrade, un dos máis destacados políticos e militares
da España do XVI), o
Castelo de Andrade, que se alza a máis de 300 mts sobre o val de
Pontedeume e que foi construído por Fernán Pérez de Andrade en terras que eran
propiedade dos monxes de Sobrado.
Dicíase que existía un pasadizo secreto, o cal saía por algún lugar dos arredores e que se comunicaba co pazo dos condes de Pontedeume.
TORRE DOS ANDRADE
E outra construcción moi destacada de Pontedeume é a "ponte" que lle dá nome á
vila. Foi o viaducto máis importante de Galicia e o máis longo de España ata a
época moderna. Tivo varias reformas e transformacións ata na actualidade. Hoxe
en día ten 15 arcos de medio punto, pero nun principio tiña 79. Mais
existen lendas en torno a súa construcción.
Lendas da construcción da ponte sobre o río Eume
O símbolo da "ponte" na cultura occidental marca a "transición entre
dous mundos". A etimoloxía da palabra “pontífice” ("pontifex") supón a
idea de "quen constrúe unha ponte" , en xeral referido ó outro mundo, á
outra beira, é dicir á morte. Ó demo, chamado Lucifer (de "lux" e
"ferre" : o que leva a luz) se o ten tamén como constructor de pontes ,
usurpando as funcións do pontífice (representante da divindade). E na cultura
galega existen varias lendas que falan do "diaño" en tales tarefas. Tal é o caso
do Pontedeume.
Hai
unha lenda que di que a ponte sobre o río Eume foi feita por Satán soamente
nunha noite. A historia conta que un rapaz chamado Ledán afogara no río, nunha
noite de treboada, cando o atravesaba nadando para ir ver á súa moza. Ela,
chamábase Minla e era filla dos condes de Andrade e tamén moi fermosa. Ó
escoita-los berros de agonía de Ledán e dándose conta do que lle pasara, promete
a súa alma ó diabo en troca que este construíse unha ponte para pode cruza-lo
río e dese xeito ve-lo corpo do seu amado morto.
Lucifer aparéceselle e confirma que o fará... Entón, Minla impón unha condición
: que a ponte ten que estar rematada antes de que cante o galo do curral dos
Andrade, pois non desexaba que as xentes coñecesen a verdade. O demo comeza a
construcción da ponte e cando o galo canta aínda lle falta construír un arco,
pero o arco que falta non impide que Minla poida pasar á outra beira. Mais ó non
cumprir exactamente o compromiso, o demo non pode posuír a alma da doncela… A
etimoloxía lendaria tenta que aquela ponte foi chamada por tal acontecemento
"Ponte do Demo", pasando posteriormente pola forma "Pontedemo" , ata chegar á
actual "Pontedeume". Din que en lembranza deste acontecemento ergueron os
Andrade a capela e o hospital de peregrinos.
Hai
tamén outra versión da lenda que atribúe unha orixe diferente á devandita ponte…
Segundo esta, unha fermosa e rica dona de Pontedeume cruzou nunha ocasión á
outra beira do río. Cando ela quixo volver, o río crecera de tal maneira cá
barca e os remeiros que nela ían desapareceran. A muller blasfemou en voz alta e
naquel mesmo intre apareceu Lucifer na forma dun mozo garrido. Ofrécese a pasala
á beira contraria, pero impondo unha condición : ela tiña que asinar co selo do
seu anel un pergamiño que lle tendía.
Así o fixo a dona e ó instante, apareceu a ponte construida sobre o Eume. Ámbolos dous comezaron a pasar, mais ó chegaren xusto ó medio da ponte, o demo mostrou o documento que a muller asinara. Segundo este documento, ela entregaba a súa alma ó adversario, quen podería esixirlla cando lle petase. E naquel mesmo intre, era cando o demo llo esixía. A dona, asustada, invocou á virxe que a acudiu, fuxindo nese mesmo momento Satán.
Cóntase que en conmemoración e agradecemento foi erguida unha capela (hoxe inexistente) no centro da ponte.
