a importancia do lume na cultura galega
O
lume ocupa un lugar moi importante na cultura galega. Foi o
protagonista en moitas cerimonias que funden quizais as súas raíces na
prehistoria. Ten un carácter sagrado.
Antigamente o lume debía permanecer prendido todo
o ano no
lar,
procedía do lume da igrexa parroquial prendido o sábado santo á noitiña. O
lume presidía as veladas das noites de inverno, a onde podían acudir tamén
as almas dos mortos a través da cheminea, momento que se apreciaba nos
lixeiros movementos das chamas. Por iso non se podía varre-la cociña cara á
fóra, nin cuspir no lume. Debía permanecer aceso a noite do velorio dun
cadáver. Prendíanse velas ou lámpadas de aceite na mesa de noite de enfermos
graves.
A
candela traída da igrexa o día da
Candeloria (2 de febreiro) prendíase para
espanta-las tormentas e para encomenda-la alma dun agonizante. Con tormentas
fortes prendíase o lume e queimábanse follas de loureiro, que é árbore
protectora.
En
moitas comarcas de Galicia, a noite do 29 de abril ó 1 de maio invocábase o
lume recitando himnos para que protexese as sementeiras e dese froito
abundante, ó tempo que se esparexían cinzas arredor das leiras e se portaban
na man feixes de palla de centeo -fachicos- prendidos.
Na
petición de voda o noivo era recibido no lar da casa da noiva co lume
prendido. O día da voda, antes de entrar na casa dos pais do marido, collía
este á muller no colo na porta e levábaa ata o lar, onde estaba o lume
prendido, para que os sogros lle desen a benvida e lle ofrecesen a casa á
nora.
Prendíase lume no curral en caso de morte ou de enfermidade dun animal. Na
Candeloria prendíase ó lado dun romeiro tantas velas coma nenos morreran sen
bautizar, o romeiro é planta funeraria, que atrae as abellas, que son almas
procedentes da lúa. Tamén se acendía na horta no momento de enterrar un
animal e en días sucesivos. O lume é bo para escorrenta-los animais que
devoran as colleitas.
A crenza
no lume de san Telmo supón que é unha aparición
milagrosa que anuncia bonanza. Os lumes fatuos son almas ouveantes dos
mortos. A
Santa Compaña
tamén porta velas prendidas.
Habitualmente, prohíbeselles ós nenos xogar con lume por ser perigoso, sen
embargo, permitíaselles xogar co lume de certas festas cíclicas:
magosto ,
enterro da sardiña (celebración para concluí-lo entroido e
inicia- la coresma) ou San Xoán.
Nas
aldeas hai dous lumes moi importantes: no primeiro período nos días de
defuntos-magosto e entroido; no segundo período, o lume de
San Pedro Mártir (1 de maio) e o de San Xoán,
sen dúbida o máis importante.
O lume de sábado santo é o lume novo, orixe
de tódolos lumes, xa que representa a
Cristo resucitado, aínda que sobre aquel existan adherencias pagás
alleas ó cristianismo.
Os
momentos fortes do primeiro período son propicios á circulación e
comunicación entre os dous aspectos do mundo. Os tempos fortes do segundo
período son privilexiados para a convivencia entre ámbolos mundos xa que
atraen sobre os vivos a protección dos antepasados.
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada: "galicia 2001: etnografía espiritual", Xunta de
Galicia.
www.galespa.com.ar