A DESTRUCCIÓN DA VILA DE CANGAS POLOS TURCOS
En 1617,
tiveron lugar os feitos máis dramáticos que coñeceu Cangas ó
longo da súa dilatada historia. Un 4 de decembro, os habitantes da ría de
Vigo vían espantados como once navíos corsarios turco-berberiscos fondeaban
nas illas Cíes. Os seus propósitos non podían ser máis sanguinolentos:
causa-la maior desfeita posible nas posesións da Coroa Española, e
practica-la rapina e a pillaxe.
A
primeira poboación atacada foi a vila de Bouzas, á que deixaron totalmente
destruída con máis de cen mortos. Logo tentaron desembarcar en Vigo por
varios puntos, pero a teimuda resistencia que atoparon fíxolles desistir do
seu principal obxectivo. Así foi como o día 8 decidiron poñer rumbo á marxe
norte da ría, moito máis desprotexida. Na praia de Domaio (Moaña) unha
defensa tan heroica como inútil deixou sete cadáveres sobre a area, ó que
lle seguiu o espolio desta pequena parroquia.
Aínda trataron novamente os piratas de apoderarse de Vigo, infructuosamente,
antes de dirixir as súas proas contra Cangas, que daquela era unha humilde
vila de pescadores, totalmente desprotexida. A escasísima milicia non
dispuña de recinto fortificado algún no que resistir, nin tampouco de
artillería. A primeiras horas da mañá, tras un intenso bombardeo, uns 1.000
homes desembarcaron en Rodeira e na Punta de Balea, ante as aterrorizadas
xentes do lugar. Ás minguadas tropas uníronse numerosos veciños mal armados,
dando lugar a unha loita desesperada, cunha grande inferioridade numérica. O
maior heroísmo daqueles homes e mulleres estivo en que foi o sentido da
honra o que lles impediu abandona-los seus fogares ante o invasor, pois en
tales condicións era impensable a victoria.
Ás poucas horas, os que conseguiron fuxir ós montes pretos puideron contemplar
un espectáculo arrepiante: a vila ardía polos catro costados, incluída a
Colexiata e o Hospital, e ducias de cadáveres sementaban as rúas. Aínda se
dedicaron os turcos a saquea-los arredores durante tres días (nos que
queimaron tamén a igrexa de Darbo) antes de desaparecer co seu rastro de
morte. Con eles levaron un farturento botín, pero tamén a ducias de persoas
cara o cativerio de Alxer.
O pobo de Cangas tardou moito tempo en recuperarse daquel desastre. A súa
poboación quedou dezmada; a súa economía, estragada. Un novo azoute, a fame,
cebouse cos máis desfavorecidos, o que se vería agravado polas malas
colleitas durante os anos vindeiros. E logo tamén os tristes sucesos
provocados pola Inquisición
Aqueles terribles sucesos pola invasión dos turcos, deixaron na memoria
colectiva de Cangas fondas cicatrices de dor e de medo, que ó final quedaron
inmortalizadas pola tradición oral. É o caso dun famoso poema anónimo da
época, que nos di nunha das súas estrofas:
"…Viñeron os mouros arrenegados,
lá de moi lonxe, lonxe, lonxe.
Todo arrasaron e estaba el
Ala para moi lonxe, lonxe, lonxe,
¡Quen fora galgo,
quen fora paxaro,
quen fora vento!".
.
Mónica Beatriz Suárez Groba
- Bibliografía consultada: "historia de galicia", ramón villares.
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
