A batalla naval de Rande
Lugar:
a ría de Vigo... Ano:1702.... Nesa
data librouse a
Batalla Naval de Rande, na que a flota
anglo-holandesa afundiu á armada española...
En 1702, as nosas costas foron escenario dun dos máis cruentos combates navais
que lembra a historia de Europa. Por aquel entón, o continente debatíase nun
conflicto de grandes dimensións, no que estaba en xogo a sucesión á Coroa de
España. A posibilidade de que Felipe de Anjou, neto do Rei Sol, accedese ó
trono español, provocou a enérxica reacción das demais potencias, temerosas
de ver unidos o poderío militar e económico francés co inmenso potencial do
Imperio colonial español.
O
11 de xuño deste mesmo ano levaba áncoras da Habana, rumbo a Cádiz, a Flota
de Indias: 19 galeóns españois, escoltados por 22 navíos franceses,
transportaban o máis valioso cargamento que xamais cruzara o Atlántico.Pero
mediada a travesía, descubriron que unha poderosísima escuadra
anglo-holandesa os estaba agardando no Cabo San Vicente.Así que o almirante
Manuel de Velasco, seguindo os consellos dun piloto galego, puxo rumbo á ría
de Vigo, na que entraron o 22 de setembro.O convoi buscou refuxio na Enseada
de San Simón, comezando inmediatamente os preparativos para a defensa: o
paso de Rande foi obstruído por unha barreira de toros, cables e pequenas
embarcacións, á vez que se recrutaban apresuradamente milicias para
reforza-los dous pequenos fortes existentes a cada lado do
estreito.Paralelamente, 1.200 carros do país foron requisados para
transporta-las mercadorías a Madrid.
Un mes foi exactamente o tempo que tardou Rooke en descubri-lo paradoiro da
Flota da Prata, e o 22 de outubro entraba na ría a escuadra máis grande
que por aquí se tivese visto. O primeiro cometido dos anglo-holandeses era
toma-los castelos de Rande e Corveiro, o que lograron o día seguinte sen
grandes dificultades.Entón, comezou a gran batalla. A artillería francesa
conseguiu conter ó adversario nos primeiros embates.Así foi ata que o "Torbay",
buque insignia británico, e armado con picos, logrou rompe-la barreira que
impedía o paso do estreito. A flota rival puido xa penetrar no fondo da ría,
onde a falla de espacio para as manobras non deixou outro recurso que a
abordaxe. A encarnizada loita corpo a corpo combinouse co uso de numerosos
materiais incendiarios, provocando un espectáculo dantesco e arrepiante.A
diferencia numérica entre unha escuadra e outra era moi grande, e aínda que
os franceses se bateron valorosamente, a derrota fíxose inevitable.Foi entón
cando o comandante da flota mercante española, que carecía de medios de
defensa, ordenou afundi-los buques para evitar que caesen en mans inimigas.
Moito se ten especulado sobre a posibilidade de que os galeóns españois se
fosen a pique cargados de incontables riquezas, cimentando así a lenda do "Tesouro
de Rande". Ata o día de hoxe, foron numerosas as expedicións que o
buscaron. É probable que a parte máis valiosa do cargamento tivese partido
xa cara a Meseta, durante o longo mes que estivo a flota na ría. Sen
embargo, non se pode descartar que unha parte importante permanecese aínda
nas adegas das naves. Iso parecen indicar os catro millóns de pesos que
levou o inimigo, e que xunto cos sete buques de guerra capturados e seis
galeóns, constituíron un considerable botín.
O
que si está fóra de toda dúbida é que a batalla de Rande foi unha
carnicería.Do bando franco-español caeron 2.000 homes, mentres que os mortos
ingleses e holandeses foron uns 800.Tamén está claro que foi un desastre
para os derrotados.Os franceses perderon os seus mellores buques de guerra,
e os españois quedáronse sen barcos para face-la carreira de Indias.E
mentres o noso país procurou esquecer axiña tan amarga derrota (ó que
contribuíu non pouco o relativo éxito no balance total da guerra, que
permitiu a consolidación dos Borbóns no trono), a victoria de Inglaterra e
Holanda acadou enorme difusión en toda Europa, e foi celebrada durante longo
tempo.A "Rúa de Vigo", en pleno centro londiniense, segue a lembrar ós
británicos a gran transcendencia que este feito de armas tivo, ó igual que
Xulio Verne inmortalizou os tesouros de Rande na súa novela "20.000 leguas
de viaxe submarina.
Mónica Beatriz Suárez Groba
- Bibliografía consultada: "historia de galicia", ramón villares.
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
