Breve historia da pesca en Galicia
Galicia
garda co mar unha verdadeira relación de osmose,
porque este penetra a terra polas mil rías e
enseadas
en que se quebra a nosa dilatada costa, posúe unha antiga e fonda tradición
mariñeira, reflectida en multitude de manifestacións materiais e espirituais.
A explotación do mar en
Galicia comezou pola simple recolleita nas praias de marisco ou pola pesca dende
a costa. O seguinte paso sería introducirse nunha embarcación e penetrar nas
rías ou fóra delas.Isto significou o desenvolvemento de embarcacións axeitadas
para a navegación nas nosas costas e a satisfacción das necesidades dos
mariñeiros.
A captura do froitos do mar para a alimentación data
de moi antigo en Galicia: existen vestixios do aproveitamento directo dos
recursos no mundo dos primeiros poboadores, logo viría o mundo castrexo e os
romanos, que serían os primeiros en darlle sona. Así iría pasando o tempo e
construíndose a historia ata os tempos modernos.
Na prehistoria todo parece indicar que a costa galega estaría poboada por
simples recolledores de moluscos nas rochas e na area durante a baixamar.
Na época da cultura castrexa é cando aparecen os primeiros sinais evidentes de actividade pesqueira e marisqueira. O achado de pesos de rede, anzois de bronce e ferro e os característicos concheiros son os principais indicios.
Nos tempos da dominación romana os productos mariños galegos eran moi apreciados en Roma, o que indica a existencia dunha actividade pesqueira que cubría non só o consumo interior, senón que existía un excedente que ía cara á metrópole, ben como intercambio comercial ben como pago de impostos. É probable cós romanos foron os que puxeron en explotación as primeiras técnicas de construcción de salinas, e das que derivaría o nome de 'Terra do Salnés'. Tamén implicaría o emprego dunha serie de aparellos productivos para a obtención de cantidades importantes de peixe.
Na Idade media, co crecente poder da Igrexa, a pesca colle un forte pulo, sobre todo, porque o peixe non rompía coa Coresma, sendo preciso fornecer deste producto ós pobos e mosteiros do interior do país. Atópase a primeira cita documental, nos textos desa época... "no ano 886, o rei Afonso III lle doa á Igrexa de Santiago as salinas e viveiros do Salnés, confiscados ó conde Hermenexildo Pérez".
Iníciase
o comercio masivo, tanto con Castela coma con outros pobos europeos e do
Mediterráneo, aparecendo as primeiras comunidades e gremios de mariñeiros e
pescadores con forte importancia social e económica. Créanse as ordenanzas sobre
os prezos e regulamento do mercado en Compostela do ano 1133, onde se fixan os
prezos de peixes e mariscos, entre outros productos.
Quizais sexa no século XVI cando a actividade pesqueira acada un dos puntos máis altos do seu desenvolvemento pola pesca de baleas e a exportación de peixe salgado, curado e en escabeche a Castela, Portugal, países do Mediterráneo e á Europa atlántica. En Pontevedra xorde o gremio de mareantes. Xorden outras actividades como a recolección de argazo para fertilizante das terras ou a extracción do sal. Todo isto redunda na consolidación da actividade pesqueira e mariñeira. Aparece a dorna.(embarcación característica das Rías Baixas).
Máis no séc. XVII principia a
decadencia: os desastres navais (sobre todo o da Armada Invencible), a perda de
hexemonía de Castela e a longa guerra con Portugal afectará gravemente ós
pescadores: os pobos mariñeiros sómense na miseria que os leva á alternancia coa
agricultura. Por todos lados se debían de ver esqueletos de barcos varados que
verdeaban de algas ó sol na baixamar.
Unha das grandes revolucións para a pesca galega foi a chegada dos fomentadores
cataláns. A súa presencia trastorna a producción pesqueira, a estructura de
actividades e os sistemas de elaboración e conservación do peixe coa
introducción dunha nova tecnoloxía máis productiva e rendible cá tradicional, á
que asestará un golpe mortal.
Aumenta notablemente a demanda de peixe, o que provoca
a necesidade de incrementa-la producción nas artes e embarcacións: aparece a
xávega, arte de arrastre que captura moito máis peixe e en menos
tempo có tradicional cerco real.
A industria tradicional queda
desprazada polos productos manufacturados que os propios cataláns traen do seu
país. Só uns cantos ilustrados, encabezados por Cornide
ou polo Pai Sarmiento, se enfrontan a ese xeito de
destrucción dos costumes tradicionais de producción e organización económica.
En 1841 en Oza (A Coruña) aparece a primeira fábrica de conservas. A partir de
1880 prodúcese unha grande expansión das conserveiras.
Co gallo da apertura dos camiños de ferro entre A
Coruña e Madrid, no ano 1883, e entre Vigo e Madrid, no 1885, orixínase o grande
auxe e desenvolvemento da pesca galega. Aparecen, en 1886, os primeiros barcos
movidos a vapor, que permitían un menor esforzo, unha maior autonomía e
capacidade de movemento e unha maior forza de arrastre.
No
primeiro tercio do século XX comeza unha etapa de prosperidade que xirará ó
redor do nacente sector de conservas de peixe e da demanda en fresco dende
diversos puntos do interior peninsular, cómpre dicir ca apertura das liñas dos
camiños de ferro xoga un papel importante. A flota de arrastre galega cobra un
gran pulo lanzándose ás pesqueiras en todo o mundo: Canarias, Portugal, Escocia
ou Terranova.
Na actualidade, o sector pesqueiro está formado por un subsector artesanal e costeiro (moitas embarcacións, pero envellecidas) e unha flota de altura (grandes embarcacións para os caladoiros internacionais).
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada: "Historia de galicia", ramón villares
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
