O Reino de Galicia e o Marechal Pero Pardo de Cela
"O Marechal Pero Pardo de Cela Aguiar e Ribadeneyra" (o bretoñés defensor da
soberanía do Reino de Galicia) naceu en Castro d’Ouro. Era fillo dunha das máis
nobres linaxes do Reino de Galicia, os Señores de Cela e de Violante de Aguiar.
Intimo amigo dos Condes de Monterrei e de Lemos, casou con Dona Isabel de
Castro, filla da Condesa Beatriz e de Don Pedro de Osorio, vencellándose así cos
poderosos Condes de Lemos e con outras importantes linaxes do Reino de Galicia.
En
1464, Pero Pardo é xa encomendeiro do bispado de Mondoñedo (xa fora o seu pai
Juan Núñez Pardo) e alcalde de Viveiro polo Rei, cargo que lle será confirmado o
ano seguinte, por parte de Enrique IV, ó pasar a vila á Coroa. Os seus ingresos
compleméntanse coas alcabalas dunha grande parte do bispado de Mondoñedo.
O Reino de Galicia encontrábase daquela nunha situación política delicada tras
sufrir dúas Guerras Civís Irmandiñas e máis a secesión do sur do Reino, o
recente Portugal.
Asasinado con veneno o rei Henrique IV, estoupou a guerra
sucesoria entre galegos e casteláns, declarando estes raiña , a Doña Isabel La
Católica, en tanto que Galicia defendía o lexítimo trono da filla de Henrique
IV, Dona Xohana "A Beltranexa" , e o seu esposo, o rei Afonso de Portugal.
Reorganizado o poder político de Castela, os "Reyes Católicos" emprenden a
anexión do Reino de Galicia asasinando as principais familias nobres galegas.
O Marechal Pero Pardo de Cela, descendente de Don Fadrique o irmanasco do rei
Pedro I, declárase fiel á soberanía do Reino de Galicia e rebelde á submisión ó
Reino de Castela.
Así, os Reyes casteláns enviaron outro exército a Galicia para derrotar a Pardo
de Cela, a mando de Mudarra. Este contixente eliminou toda a última resistencia
que encontrou ó seu paso. O cronista dos Reyes Católicos dicía "que ya parecía
crueldad, y era entonces necesaria; y por eso se hacían muchas carnecerias de
hombres".
A loita entre galegos e casteláns mantívose durante 3 longos anos nas terras de
Britonia. Pardo de Cela fíxose forte na Provincia de Mondoñedo. No resto do
Reino de Galicia, a nobreza galega asasinada empezaba a ser substituída pola
nobreza castelá e os Reyes Catolicos dictaban as primeiras medidas da "Doma y
Castración del Reyno de Galicia". Certamente, co tempo a integración plena de
Galicia no novo Estado entraña a centralización, a dependencia e a marxinación ,
do idioma galego en primeiro lugar.
Tras reiterados fracasos militares Mudarra contactou con vasalos do Marechal
dubidosos do resultado final da guerra, ós que lles ofreceu un grande tesouro e
o perdón pola súa rebeldía.
Os desleais vasalos abriron logo as portas do castelo de "A Frouxeira" ós
casteláns aproveitando a estancia de Pardo de Cela no castelo de Castro d’Ouro,
onde o Marechal estaba a visitar ó leal Señor Pero de Miranda.
De volta á Frouxeira o 7 decembro 1483, o exército de Mudarra prendeu por
sorpresa no salón do castelo ó Marechal e o seu fillo e máis a Don Pero de
Miranda, levándoos a Mondoñedo para execución pública exemplar.

O Marechal Pero Pardo de Cela foi condenado a execución pública, logo de ser prendido o 7 decembro 1483 tras 3 anos de belixerancia militar contra os Reyes Católicos, en Mondoñedo, que daquela era a rebelde capital de provincia do Reino de Galicia.
Foi apresado xunto ó seu fillo e ó nobre e leal Señor Pero de Miranda. As tropas de Isabel A Católica tomaron a fortaleza da Frouxeira (morada de Pardo de Cela) debido á traizón dos seus servos.
FOTO: Catedral de Mondoñedo
A Ponte do Pasatempo
Dona Isabel de Castro, a muller do Marechal, marchou de seguido a unha audiencia coa súa parente a castelá Reina Isabel na cidade de Valladolid, para obter un indulto condicional para os tres nobres galegos que estaban condenados a morte. A raíña castelá concede o perdón e Isabel de Castro marcha cara a Mondoñedo.
Cando estaba a chegar á cidade , e moi pouco antes da execución do Marechal ,
logo de dez días de viaxe ininterrompida, Dona Isabel foi recibida na entrada da
cidade polos homes do Bispo de Mondoñedo, Fadrique de Guzmán. O bispo era un
home ambicioso dunha mellor carreira político-eclesiástica baixo o reinado dos
Reyes Católicos e que ademais sentía un odio terrible por Pardo de Cela
debido a que O Marechal nunca acatara as ordes do seu poder, e non lle deu
algúns bens que el quixera. Entón, o bispo traidor fixo entreter a Isabel de
Castro precisamente, na ponte da entrada da cidade... Por iso a esa ponte
déuselle o nome de "Ponte de Pasatempo", aínda que tamén é coñecida co
nome da “ponte dos Ruzos”.
Mentres Isabel era distraída na ponte ,e así evitar que chegase a tempo de
impedi-lo veredicto dos Reyes Católicos, na praza de Mondoñedo disponse todo
para a execución.
A execución do Marechal
Era o día 17 de decembro de 1483... Diante dunha multitude que esperaba o
indulto para o seu Señor, de quen fora o ultimo defensor da soberanía do Reino
de Galicia, e mentres Isabel pasaba a ponte, a cabeza de Pardo de Cela, caía no
chan e tras rebotar tres veces quedou á porta da catedral.
O verdugo tivo tanta présa en cortar a cabeza que non lle deu tempo a remata-lo
Credo, polo que ó tempo que rebotaba, a cabeza dixo por tres veces:
- CREDO!, CREDO!, CREDO!
O corpo de Pero Pardo de Cela e do seu fillo foron feitos desaparecer para
evita-la veneración dos heroes galegos, e o castelo da Frouxeira foi destruído.
Mais a filla do Marechal, Constanza de Castro, quen tamén loitou pola
soberanía do Reino de Galicia desde o castelo de Caldaloba, repousa hoxe no
Convento de San Francisco de Viveiro, onde foi enterrada.
Segundo di a "Carta Executoria", tal foi a indignación que causou en
Galicia a traizón a Pardo de Cela que os desleais e máis os seus descendentes
foron declaralos inhábiles para testemuñas en calquera información.
Tralo 17 decembro 1483 caeron en mans do Reino de Castela outros nobres galegos
leais á soberanía de Galicia, moitos deles vasalos do Marechal, ata terminar co
sitio de Ponferrada, a última cidade galega en resisti-los exércitos dos Reyes
Católicos. Aquela data marca o comezo da decadencia e depresión do Reino
de Galicia, a perda da súa soberanía como nación próspera, comercial e influinte
en Europa, e inicio dunha persistente colonización económica, emigración e
censura cultural.
Actualmente consérvanse os principais restos históricos destes sucesos: as
ruínas do Castelo de A Frouxeira e a Ponte do Pasatempo. No Museo Provincial de
Lugo exhíbense as cadeas que suxeitaron os pes de Pardo de Cela na prisión antes
da súa execución.
Ler máis: O Lamento da Frouxeira
Mónica B. Suárez Groba
Bibliografía consultada: "Historia de Galicia", de Ramón Villares.
