A muralla romana de Lugo
A Muralla de Lugo é moi posterior ó nacemento da cidade romana de Lucus Augusti. Mentres a cidade fundouse no ano 14 antes de Cristo, a Muralla non se ergueu deica finais do século III, cando Roma comezou senti-la ameaza bárbara.
Foi
construída entre os anos 260 e 310 da nosa era. A data do seu remate é un
enigma, pero crese que se ergueu nun só proxecto, aínda que non se sabe os anos
que durou este proceso. Pénsase cas últimas pedras debéronse colocar durante o
final do imperio de Constantino (337 d.C.) aínda que
moitos expertos non descartan un momento posterior, dentro do século IV d.C.
É a única de Europa que conserva enteiro o seu perímetro de máis de 2000 metros.
A súa altura oscila entre os 8 e 12 metros; contaba primitivamente con 85 cubos,
dos que se conservan na actualidade máis de 70. O seu trazado encerra a parte
antiga da cidade, á que se accede a través de dez portas, das que só catro son
de orixe romana. As outras fóronse abrindo a medida que o desenvolvemento urbano
da cidade as foi precisando.
Aínda que resta moito que avanzar no seu coñecemento, a Muralla semella ter sido
integrada nun auténtico complexo defensivo, formado por
foso, muralla e intervallum probablemente, realización que esixiría
un importante despregue de medios humanos e económicos. É de supor que a ruptura
da fronteira renana polos bárbaros causaría tanto medo na poboación que
probablemente a administración romana procedeu a realizar unha rede de
fortificacións no noroeste peninsular, comprendendo os núcleos urbanos de
Lugo,
Astorga, León,
Xixón
e Braga.
Lucus Augusti ocupaba unha situación
estratéxica, cun un papel moi importante nas comunicacións, relacións comerciais
e organización administrativa do Noroeste hispánico e tamén era a capital máis
achegada ó Fisterra romano, o último bastión das
fortificacións romanas.
A
construcción da Muralla supuxo un cambio enorme para a florecente Lucus Augusti.
Aínda hoxe descoñécese por qué a Muralla deixou no seu exterior barrios poboados
(como a zona de Recatelo) e en cambio
fortificou áreas de cultivo e despoboadas. Está documentado que o núcleo urbano
de Lucus Augusti era menor antes de construírse a Muralla que despois,
contrariamente ó que sucedeu no resto de cidades romanas, que se reduciron ó
fortificarse. Esta contradicción, "medrar malia deixar fóra unha parte de si
mesma", non é a única incógnita.
Topograficamente é tamén
difícil explicar o seu trazado: está asentada sobre un terreo irregular, en
descenso cara o sur, onde ficaron zonas abertas en pendente cara a propia
Muralla, algo pouco recomendable para as súas funcións defensivas.
Estes elementos semellan denotar que a razón que leva á súa erección non é a
estrictamente defensiva, aínda cando sería a principal, senón que contería moito
de prestixio á vista do alarde que despregaron os encargados de erguela, que
dispuxeron unha torre por cubo e no macizo de cada cubo embutiron unha
escaleira, todas enfuscadas e case que todas de tipo imperial, o que constitúe
un exemplo único neste tipo de acceso. 
O día 30 de novembro de 2000, a muralla romana de Lugo foi declarada pola
UNESCO
, Patrimonio da Humanidade.
A Muralla de Lugo cumpre os criterios para ser declarada coma "Ben integrante do Patrimonio da Humanidade" , porque xunta as tres categorías previstas no listado de dito Patrimonio: é un monumento, un conxunto e un lugar de interese arqueolóxico.
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada: "A Muralla de Lugo, Patrimonio da Humanidade", Concello de Lugo, 2001.
"Conociendo a Galicia", Xosé María Manteiga.
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
