María Pita, unha muller á defensa da cidade da Coruña
"Chamábase María Maior Fernández da Cámara e
Pita... Esta muller inmortalizada a través dos séculos é coñecida polo seu
nome abreviado, María Pita e foi quen personificou o valor heroico e abriu
unha páxina gloriosa na historia da cidade da Coruña, cando no ano 1589, o
famoso ex corsario e máis tarde almirante Drake coa armada inglesa tentou
invadir estas costas...
Non se sabe exactamente o ano do seu nacemento, pero foi probablemente entre
os anos 1562 e 1568 en Sigrás. Estivo casada catro veces e tivo catro
fillos, dous deles seguiron a carreira militar.
O
día 4 de maio, a escuadra inglesa chegou á Coruña , e iniciou o seu ataque
na Pescadería o día 5. A superioridade das forzas atacantes era moi grande,
e chegaron a abrir unha fenda na muralla pola que tentaron penetrar na
Cidade Vella.
Un alférez inglés, cunha bandeira na súa man, logrou subir por esa fenda
aberta ata a parte máis alta do muro, animando á súa escuadra a
seguilo.María Pita tivo a fortuna de matar a ese abandeirado inglés, non se
sabe se dunha lanzada ou cun arcabuz.
Este feito
alentou ós defensores, acovardando ós atacantes que desa maneira emprenderon
a retirada, deixando numerosos mortos na muralla e nas inmediacións.María
Pita, unha vez que o invasor se retirara, dedicouse a recolle-los cadáveres
e a auxiliar ós feridos.
Despois da morte do seu cuarto home solicitou axuda a quen daquela era o
rei, Felipe II. Foille concedida unha moi boa pensión (que equivalía ó soldo
de Alférez máis unha pensión extraordinaria de cinco escudos mensuais, e a
que despois foi elevada a dez).Tamén se lle concedeu permiso de exportación
de mulas de España a Portugal e ficou liberada da obriga de aloxar á tropa
na súa casa. Morreu no ano 1643.
Pero non só hai que destaca-lo desempeño de María Pita se non que tamén a
importante participación das mulleres coruñesas e ata dos nenos na defensa
da cidade.
Cómpre resalta-lo nome anónimo doutra valente e gran muller coruñesa que
interveu nesa batalla. O seu nome non foi coñecido ata atoparse nun
documento moitos anos despois e que na actualidade está no Arquivo Xeral do
Reino de
Galicia... Chamábase Inés de Ben , viúva de Sebastián Fernández , e
foi ferida por dúas balas inglesas na defensa que ela fixo cando sitiaron e
entraron na Pescadería de A Coruña.
Segundo testemuños de varias persoas e tamén a certificación do cirurxián
que a atendeu na cura dos seus feridas (Diego de Salazar) Inés solicitou ó
rei Felipe II unha axuda para atender á súa subsistencia e á dos seus fillos
que tivera no seu matrimonio mais non se sabe se ela obtivo tal beneficio. O
que se sabe é que catro anos despois da súa tráxica intervención na defensa
da cidade da Coruña , ostentaba aínda unha cicatriz na fronte e case cega ,
percorría as rúas da cidade pedindo de porta en porta un anaco de pan para a
súa boca famenta e para os seus fillos orfos. Esta pobre muller, compañeira
de armas de María Pita, perdeu seu esposo na contenda heroica e arriscou a
súa propia vida pola honra da súa patria como se fose un home na defensa da
muralla levando pedras e terra para reedifica-las partes destruídas.
Inés de Ben estivo a perde-la vida mais foi menos afortunada que María Pita
quen pasou a ser unha figura emblemática da cidade.
Mónica Beatriz Suárez Groba
- Bibliografía consultada: "historia de galicia", Ramón Villares.
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
