A literatura galega na Idade Media
Durante a Idade Media, dende finais do século XII ata mediados do século
XIV, en Galicia cultivouse unha poesía lírica de raíz popular... esta foi a
época do florecemento da lírica medieval galega...
No século VIII a lingua falada xa era moi distante da utilizada na igrexa e na administración. Por iso pódese pensar en dous sistemas diferentes: o latín e o galego. O latín, como lingua literaria e relixiosa mantívose sen alteracións e continuaba a ser vehículo da liturxia, da literatura e dos actos xurídicos e administrativos, aínda que xa resultaba incomprensible para o pobo en xeral. Este bilingüismo cultural mantívose en Galicia ata o século XII, cando aparecen os primeiros textos escritos integramente en galego.
Galicia constituía dende o século VIII unha unidade política cos reinos de Asturias e León; mais a pesar desta dependencia, o poder do que gozaban a nobreza, a igrexa e os mosteiros galegos, así como a importancia que acada Santiago como centro relixioso e cultural permiten o desenvolvemento do galego sen máis competencia có latín para certos usos escritos. A presión deste monolingüísmo oral o no século XIII levou a unha situación de cooficialidade entre o galego e o latín nos documentos notariais, bandos, preitos...
Nesta época floreceu con esplendor a literatura galega medieval.
A lírica e a prosa medieval
A finais do século XII o galego convértese na lingua por excelencia da lírica en case toda a Península. Cómpre falar de lírica "galego-portuguesa", posto que ata mediados do século XIV as dúas linguas tiñan un tronco común.
O galego soaba en boca de trobadores e segreis en tódalas cortes reais e señoriais (Santiago, Toledo, Coimbra, Lisboa) e moitos foron os poetas fóra de Galicia (casteláns, occitanos, sicilianos, etc.) , os que o adoptaban como lingua poética.
Hai máis de dúas mil cantigas atopadas e conservadas en tres cancioneiros:
-- O Cancioneiro da Ajuda e o Cancioneiro da Biblioteca Nacional, (que están en Lisboa)
-- O Cancioneiro da Vaticana (que está no Vaticano).
Tamén hai unha serie de pergamiños; un deles é o chamado Pergamiño Vindel, que se atopa nos Estados Unidos, e é onde están as sete cantigas de Martín Codax, seis delas con música. Este pergamiño foi vendido en 1921 en Londres e logo non se soubo nada en 56 anos, ata que no ano 1977 apareceu na Fundación Morgan de Nova York. Hoxe, xente da literatura pide á Xunta que se xestione a súa recuperación.
Estas obras poden dividirse en relixiosas ou profanas.
-- Ás relixiosas pertencen as Cantigas de Santa María do rei Afonso X, o Sabio, e que se dividen en dúas partes: unha dedicada ós "Miragres da Virxe" e outra á loanzas que fai de María. Desta colección de 427 textos, consérvanse 4 exemplares con letra e música; dous deles son preciosos códices con ilustracións de páxina enteira, o que os converte en auténticas xoias para seren vistas e non só oídas.
-- As cantigas profanas poden ser:
* Cantigas de amigo: son poemas postos en labios dunha muller namorada, que se lamenta dos enganos do amigo (amado).
* Cantigas de amor: o protagonista é un home namorado que sofre coita de amor; moitas veces é un amor segredo que incluso a muller descoñece.
* Cantigas de escarnio e maldicir: son poemas de carácter satírico, parodias burlescas que teñen por obxecto ridiculizar a persoas, costumes ou institucións.
Os
trobadores medievais deixáronos un legado pequeno pero valioso, suficiente
para ter unha mostra do que era este xénero literario, o sobre todo para
achegarnos á lírica medieval galega, tan importante na nosa historia.
En total son once cantigas: sete de Martín Codax, tres de Johan de Cangas e unha de Meendinho. A eles foi dedicado o Día das Letras Galegas do ano 1998.
En comparanza coa lírica, a prosa literaria medieval en galego é escasa e tardía. Cómpre ter en conta que os centros culturais da época eran os mosteiros e escolas monacais, nos que imperaba o uso do latín eclesiástico. Aínda así, a partir de finais do XIII, e máis especialmente nos séculos XIV-XV, os temas de maior difusión na Europa medieval recóllense en lingua galega. Mostra disto son os relatos do ciclo bretón en torno á figura do rei Artur; os textos referentes á historia e destrucción de Troia, como a "Historia Troiana e a Crónica Troiana"; e os "Miragres de Santiago", conxunto de relatos que contan desde a destrucción de Xerusalén ata a milagrosa intervención do Apóstolo en diferentes situacións. Nesta época inclúense algúns textos dentro da producción de prosa galega que son traduccións doutras linguas con elaboración propia como ser : Crónica Xeral Galega, "Crónica Galega de 1404", etc.
MÓNICA B. SUÁREZ GROBA
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
