Breve historia da cidade de Lugo
Lugo,
a máis
antiga capital de Galicia, debe a súa fundación á política expansiva
levada a cabo en épocas de
Augusto,
co fin de anexionar ó Imperio Romano o
noroeste peninsular.
Así,
en nome do devandito Emperador, Paulo Fabio Máximo
funda
"Lucus Augusti" (nos anos 14-13
antes de Cristo) sobre un campamento militar instalado arredor do ano
25. A cidade sería capital do
Convento Xurídico Lucense, e era
integrada á Gallaecia norte.
O topónimo "Lucus", do que deriva
o Lugo actual, procede do
mesmo termo latino, que significa bosque sagrado.
Tamén é posible que tivese unha raíz anterior, no nome do deus celta
"Lugh", deus da
luz, ó que se veneraría por estas terras en tempos prerromanos.
A noite de Pascua do ano 460 ten lugar un sanguento episodio no que os
suevos conseguen facerse co poder da cidade matando ó seu gobernador.
Baixo o seu dominio, a cidade xogou un importante papel como centro
relixioso, sendo sede de célebres concilios. No ano 585 a dominación
sueva deixaría paso á visigoda.
A comezos do século VIII a cidade foi asaltada e tomada polas tropas
musulmanas encabezadas por Muza, aínda que por
pouco tempo, xa que no 740 o monarca asturiano Afonso
I ; reconquístaa e encárgalle ó bispo Odoario
a súa repoboación.
Nos
séculos posteriores a axitación medieval continúa; a cidade sufrirá
novos ataques árabes (Almanzor no 997), intentos independentistas fronte
á monarquía asturiana, como o encabezado polo conde
Oveco, así como loitas comunais contra o poder eclesiástico (Revolta
de María Castaña a principios do século XV).
A entrada á idade moderna (baixo o reinado dos Reis Católicos) vén na
compaña dunha época de calma, que se romperá no século XIX cos ataques
franceses (Guerra da Independencia) e as Guerras Carlistas, sufrindo
nesta época a súa muralla grandes danos.
A Muralla é o principal legado romano, pero
ademais deste singular elemento a cidade conserva outros restos daquela
época: unha pequena ponte sobre o río, aínda en uso; as
termas, aínda a medio escavar e situadas no Hotel-Balneario, e
un gran mosaico aparecido en 1986 son quizais as pezas máis
importantes, ademais dun curioso edificio tardorromano situado a 14 km
da capital, posible templo priscilianista.
A Sala "Porta Miñá" alberga unha
exposición permanente sobre as orixes de Lugo, composta de fotografías,
planos e reproduccións, e en diversos puntos da cidade atópanse expostos
restos da antiga
"Lucus Augusti".
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada: "conociendo a galicia", xosé maría manteiga.
