O concello de
Carral
está situado na provincia da CORUÑA e
coincide coa conca do río Barcés, que
nace
no termo de Cerceda e métese en Carral formando o fermoso val do Barcia.
A poboación do municipio é
dun pouco máis de 5400 habitantes, e a principal ocupación deste concello é
a agrícola e a gandeira; a súa terra é dunha gran fertilidade, apta para
todo tipo de cereais, legumes, hortalizas e froitas. Tamén merece nomearse o
pan de Carral, caracterizado polo emprego de trigo do país e pola
fermentación natural.
O seu devir histórico estivo
especialmente marcado por ser lugar de paso das comunicacións entre A Coruña
e Santiago, naqueles lugares onde paraban as carruaxes da época foron
xurdindo pequenos núcleos de aprovisionamento, como
Carral
e Herves.
Máis no século XIX, un feito
histórico moi importante , sucedeu nestas terras, un feito coñecido na
historia como "O Fusilamento dos Mártires de
Carral"...
O
acontecemento máis importante da historia moderna de Carral foi se-lo
escenario do triste final do coronel Solís e dos
militares que o acompañaron no levantamento contra o
presidente Narváez...
Dito alzamento comezou na cidade de Lugo o día 2 de abril de 1846, cando
Miguel Solís e Cuetos, coronel, disolveu o Consello Provincial e
a Deputación, proclamando unha Xunta de Goberno de
Galicia
en contra do Goberno de Isabel II, que estaba presidido por
Narváez. Pretendía con iso reivindica-la liberdade rexional de
Galicia.
A batalla decisiva entre
Solís, quen fora nomeado capitán xeral pola Xunta Superior de Galicia, e o
xeral Concha, que fora enviado desde Madrid para someter ós rebeldes, tivo
lugar o día 23 de abril en Cacheiras. A grande
superioridade das tropas do goberno central fixo inútil a resistencia. As
tropas do xeral Concha entraron en Santiago a saqueo e pillaxe, segundo
prometéraselles.
Aquela mesma tarde, Solís,
que se refuxiara en San Martiño Pinario, entregouse... Tres días despois, un
xuízo sumarísimo condénao a morte en Carral. Este xuízo non foi celebrado en
Santiago ou na Coruña por medo ós simpatizantes do coronel que había nestas
cidades.
Ó
serán , o coronel Solís, foi levado ó adro da igrexa de Paleo, onde foi
fusilado. O comandante Víctor Velasco e dez
oficiais mais foron pasados polas armas na Fraga dó Rin, a medio camiño
entre Carral e Paleo, pois xa anoitecía , e foron enterrados no día seguinte
no cemiterio de Paleo. Aínda se poden ver as súas
tumbas sen inscrición ningunha. O párroco, quen presenciou o fusilamento, na
acta de defunción engadiu: "Espectáculo horroroso.
Triste Memoria"...
Dez anos despois , un novo goberno nomearía como "beneméritos
da Patria" ós doce fusilados. As Cortes concedéronlles a
"Cruz de valor e constancia" e decretaron a erección dun
monumento, que non se levou a cabo ata o ano 1904, cando, por iniciativa da
Liga Galega de A Coruña, erixiuse o actual, que está construído en granito
das canteiras de Illó (Pontevedra) e que foi deseñado polo arquitecto
lucense Juan Álvarez Mendoza. Pódese ve-lo escudo de Galicia e unha
inscrición que di : "Aos mártires dá liberdade mortos
ou 26 de abril de 1846. Liga Galega na Cruña". Este monumento ,
aínda que non se poida considerar en si un cruceiro, reúne motivación e
formas de tal e, ademais, a estructura da obra ten forma de cruz.
Segundo Murguía conta, nesa curta primavera de 1846, só aflorou durante 24
días de ilusión e progresismo contra o Goberno de Narváez, que a pesar de
dicirse liberal e moderado, tiña na súa contra á mediana e pequena
burguesía, a moitos universitarios e bastantes profesionais próximos ó
republicanismo.
.