A carabela Pinta e as noticias dun novo mundo
Baiona
(provincia de PONTEVEDRA) foi o primeiro porto de
Europa que recibiu a noticia da descuberta de América.
O 1 de marzo de 1493, a
Carabela Pinta, capitaneada por Martín Alonso
Pinzón, atracou nestas augas...
AS CARABELAS
A
información que se ten sobre este tipo de barco é escasa. O seu nome procede do
árabe "carabo". Foi importada de oriente polos
portugueses, que lle incorporaron a vela latina (triangular).
A primeiros do século XV soamente Portugal e España utilizaban as carabelas. Os portugueses explotaron ó completo as súas calidades e os españois copiáronlla logo, nacendo así a carabela andaluza que foi evolucionando durante o devandito século.
Logrouse un casco máis
angosto, unha popa bastarda de espello, unha dotación de tolda e tilla (pequenas
cubertas a popa e proa sobre a cuberta principal) e substituíuse a vela latina
pola redonda ou mixta, feito este último que lle permitía aproveitar ó máximo os
ventos e a fixo ser máis manexable e menos vulnerable ós golpes de mar. Ademais
lograron que fose máis estable baixando o seu centro de gravidade.
A CARABELA PINTA
Foi construída polos carpinteiros da ribeira de Palos de la Frontera e era propiedade de Cristóbal Quintero e de Gómez Rascón, veciños daquela vila, a quen lles foi incautada.
O seu nome semella que se
debeu a que pertencera anteriormente á familia Pinto,
tamén de Palos. A Pinta era a máis veleira das
tres naves colombinas e con frecuencia tiña que esperar ás outras dúas durante a
histórica viaxe, debido tamén ás dotes do capitán Pinzón.
MERCADORÍAS QUE TROUXO A PINTA DE AMÉRICA
OURO: Colón e Pinzón chegaron a obsesionarse coa busca de ouro, moi abundante no Novo Mundo. Para os historiadores é imposible facer unha estimación da cantidade traída polas carabelas, pero semella que foi suficiente para doura-los teitos de varios templos, labrar alfaias doutras igrexas e repartilo entre os tripulantes da Pinta e a Niña.
PLANTAS ALIMENTICIAS
MILLO: Era para os indios o único cereal da súa dieta, xa que non existían outros. Pronto comezouse a cultivar en España, máis como alimento do gando que coma ingrediente para fabricar pan.
LUCA OU MANDIOCA: Arbusto de gran tamaño. Na dieta dos nativos era máis importante aínda có millo. Con ela elaboraban o pan cazabe, que aguantaba máis dun ano sen apodrentar. En España non tivo éxito.
BATATA OU AGE E PATACA: O age e o boniato ou pataca doce son as variedades máis coñecidas desta especie. Os españois descubriron o age, chamado xeralmente batata, planta comestible de cor parda, semellante á pataca pero máis rica en azucre e amidón. Consumiuse en España ata o século XVII, cando Pizarro trouxo dos Andes a "papa quechua", que nós coñecemos como pataca.
FEIXÓN: Aínda cós feixóns xa se consumían en España, á tripulación sorprendeulle a gran cantidade de especies diferentes. Sen embargo, Colón non describe no seu Diario os nomes autóctonos de cada unha.
MANÍ: O maní ou cacahuete era tamén importante na dieta dos indios, pero mediocre e insubstancial para os españois, que o consideraban alimento para os cochos. Comíase cru.
ESPECIAS: o ají que era a pementa das Indias, da que posuían grandes plantacións; canela: varios tripulantes da Pinta aseguraban tela atopado, aínda que Colón dubidou de que fose canela pola súa calidade inferior á canela clásica.
PLANTAS TÉXTILES: coma o algodón que foi posiblemente a planta que en maior cantidade trouxo a Pinta, esta especie era moi similar á que trouxeron a España os árabes.
PLANTAS MEDICINAIS: coma o tabaco xa que os indios usábano para calmar dores -aspirándoo en po- ou como emplastos para as feridas, aínda que tamén fumaban e mastigaban as súas follas. Os tripulantes españois copiaron ós indios este último uso.
Tamén
trouxeron gran variedade de froitas (Colón
descríbeas con nomes europeos de especies similares, o que as fai difíciles de
identificar), e algúns animais pero á dificultade que entrañaba o seu transporte
e ás mínimas posibilidades de subsistencia foron moi poucos , por iso só
chegaron con vida algunhas especies de papagaios.
Na actualidade, en Baiona, nun dos seus peiraos construíuse unha réplica da embarcación "A Pinta", que permanece amarrada , para os visitantes e onde funciona tamén un pequeno museo colombino.
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada: "Conociendo a Galicia", Xosé María Manteiga.
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
