Enrique Heraclio Botana
por Nancy Pérez Rey
Tipógrafo e
medio irmán de Portela Valladares, Enrique Heraclio Botana, foi unha das
principais cabezas dos inicios do socialismo galego, e unha vida truncada máis
nos primeiros días da Guerra Civil.
Enrique Heraclio Botana naceu en Mourente
(Pontevedra) no ano 1875, fillo dunha moza solteira e de Xoán Portela Dios pai
de Manuel Portela Valladares. Aínda que seguiron camiños ben distintos ó longo
das súas vidas, os dous irmáns mantiveron unha relación fraterna e cordial.
Xa desde moi novo H. Botana instalouse en Vigo onde comezou a traballar nunha
imprenta e participou da organización do socialismo vigués animado polas visitas
que a Galicia viña realizando, desde 1896, a máis grande figura do socialismo do
momento: Pablo Iglesias. Parte dese activismo tivo os seus froitos no nacemento,
en 1899, dun dos órganos xornalísticos máis importantes do socialismo en
Galicia, o semanario Solidaridad, dirixido nun primeiro momento por Benito
Feijóo, pero xa entre 1901 e 1936 é o noso protagonista quen asume a dirección.
Por outro lado, esa reactivación tivo tamén o seu reflexo na creación dunha rede
de sociedades obreiras en moitas vilas galegas. Así o expresou Heraclio Botana
nun informe do ano 1903 sobre a situación do movemento obreiro en España e
Galicia: "...la región gallega, a pesar de su escaso desarrollo industrial con
relación a otras, no es de las más atrasadas en el movimiento de emancipación
del proletariado español", pois contabilizaba ó redor dunhas 123 sociedades para
Galicia.
No ano 1900 foi presidente da Agrupación Socialista de Vigo e en
1904 presidiu o Congreso Constitutivo da "Federación Socialista Gallega" como
principal líder do Comité Rexional dos socialistas galegos. Dous anos despois, e
no IIº Congreso celebrado en Ourense, Botana foi reelixido como presidente do
Comité. Así mesmo, participou destacadamente na Unión Galaico-Portuguesa para
evitar o enganche de traballadores portugueses por parte dos patróns galegos,
que buscaban no país veciño man de obra máis barata e pouco consciente do
ideario da loita obreira.
A exitosa folga de tipógrafos de 1905 en Vigo,
veu reforza-la figura de Botana aínda máis, a pesar de ser detido e condenado ó
cárcere. A presión exercida polo propio Pablo Iglesias dende as páxinas de El
Socialista fai que se lle conceda o indulto ó tipógrafo, chegando a acadar certa
fama a expresión xurdida no ámbito da patronal: "En Vigo manda Botana". Deste
xeito, a súa intensa carreira político-sindical tivo como unha das consecuencias
máis salientables a elección en 1913 como o primeiro concelleiro socialista en
Galicia.
Pero Botana non foi tan só un obreiro e líder político, senón
que tamén se dedicou a tarefas empresariais como propietario da imprenta La
Nueva Prensa. A partir da década dos 20 a súa actividade política seguiu
cobrando forza, xa que na altura do ano 1922 foi elixido novamente como
concelleiro polo 5º Distrito nas eleccións municipais en Vigo; así se expresaba
en Solidaridad: "...en el 5º Distrito el número de votos que tuvo el compañero
Botana superó al de hace dos años en el mismo distrito y le dió el primer lugar
en el orden la votación [...] La elección del candidato [...] representa un
triunfo para las asociaciones de agricultores de Sárdoma, Freijeiro y Castrelos
y para nuestro Partido"
Importantes foron as súas actividades en prol das
alianzas cos republicanos antimonárquicos previas ás eleccións municipais de
abril de 1931, comicios que finalmente desembocarían nun trunfo republicano.
Botana, que naquel momento era presidente da Casa do Pobo, foi un dos encargados
de proclamar a chegada da República en Vigo. Pouco máis tarde, será un dos catro
deputatos socialistas elixidos pola provincia de Pontevedra nas eleccións
constituíntes do 28 de xuño dese mesmo ano.
Na altura de 1932, e preto
dos sesenta anos, seguía a ser un dos principais líderes do socialismo galego
exercendo, daquela, como presidente da "Federación Regional de Colectividades
Socialistas". Desempeñou tamén un papel importante nas eleccións municipais de
1933 como defensor da coalición do PSOE cos republicanos para mante-lo réxime.
Coa revolución de outubro de 1934, e as conseguintes folgas convocadas polos
traballadores - contrarios á dereitización do goberno -, Heraclio Botana foi
detido xunto con outros dirixentes vigueses, aínda que parece que este paso polo
cárcere foi novamente moi breve. Afastado das posturas radicais que o socialismo
adquire a partir de entón a súa actividade política vai minguando, fronte o
xurdimento de novas figuras políticas no ámbito dos socialistas galegos.
Finalmente, o golpe militar do 18 de xullo de 1936 acabou coa segunda
experiencia republicana, así como tamén coas vidas de moitos homes e mulleres.
Enrique Heraclio Botana foi fusilado, xunto con outros destacados esquerdistas
da cidade de Vigo, o 27 de agosto de 1936. No cemiterio civil de Pereiró, lugar
onde se produciu a execución, repousan os seus restos.
O persoeiro no seu contexto
O OBREIRISMO NA GALICIA DE ANTEGUERRA
A poboación activa dedicada ó sector
secundario en Galicia experimenta un crecemento nos primeiros trinta anos do
século XX, aínda que o peso do rural será destacado ata os anos sesenta. Dentro
do mundo industrial temos que destacar ó sector pesqueiro e conserveiro,
centrado na Coruña e Rías Baixas. Xunto a isto, as manufacturas dependentes do
Estado, como a Fábrica de Tabacos da cidade herculina e o sector naval de
Ferrol. É lóxico que os primeiros gromos de mobilización obreira fose neses
lugares, e a cidade departamental é a primeira galega que establece unha sección
do PSOE en 1891; e en 1913 Vigo ten en E.H. Botana o primeiro concelleiro
socialista nunha vila galega. Ambos acontecementos prodúcense tardiamente, o que
fai constatar un claro atraso na organización dos traballadores galaicos, sobre
todo ó comparalo con outras zonas do Estado. As mobilizacións son destacadas
desde 1917, co triunfo da revolución rusa, e o remate da Primeira Guerra
Mundial. O clima reivindicativo desembocará en dúas folgas xerais en 1916 e 1917
seguidas con desigual éxito nas cidades galegas. Os sindicatos están minimamente
estructurados en Vigo, Coruña e Ferrol, no resto da xeografía galega a presencia
era difícil, e nalgún caso imposible. Destacará a U.G.T e a C.R.G -C.N.T- ,
cunha mínima presencia do P.C.E desde 1920.
Non podemos esquecer as
mobilizacións no sector agrícola, a través do agrarismo, destacando o sucedido
no Baixo Miño na década de 1920 -Sobredo e Guillarei-. Aínda que socialistas e
anarquistas se preocuparán polo campo, sempre hai que enmarcar os seus
movementos no espacio do agrarismo, que desde sempre foi interpartidista,
tentando establecer unha colaboración entre as diferentes agrupacións existentes
en Galicia, como foi a experiencia de Solidaridad Gallega en 1907-08.
En
1931 o movemento obreiro galego xa levaba medio século asentando unha cultura
propia, que repercutirá nunha leve mellora da súa condición de vida; como
afirman moitos especialistas, "xa estaba preparado para a revolución".
Nun número destacado moitos dos líderes proletarios dos anos trinta proviñan da emigración americana onde adquiriran coñecementos na loita sindical, como por exemplo Jesús Blanco en Lalín. A crise económica de 1933 provoca a radicalización dos obreiros, exemplificado no apoio á loita dos mineiros en Asturias en 1934; observando así mesmo como as forzas da C.N.T e da U.G.T íanse equilibrando. Entre 1935 - 1936 prodúcense en Galicia 60 folgas, coincidindo ambas centrais nas mesmas reivindicacións. Xunto a isto tamén é digno de destacar como as tensións ían aparecendo no outrora dócil agro.
De novo o 17 de xullo e 1936 supuxo a desaparición de todas estas experiencias dentro do mundo laboral galego.
Fonte: www.culturagalega.org
