|
MARÍA MARIÑO CAROU (1907-1967)
FONTE:
Album de Mulleres, culturagalega.org,
www.vieiros.com.
Naceu en Noia no ano 1907. Filla de Xosé María Mariño e Filomena
Carou, era a segunda de cinco irmáns. A súa infancia e xuventude
nesta localidade están marcadas polas dificultades económicas da
familia, uns anos -poucos- de escola e logo traballa como
costureira polas casas. As amigas lémbrana como unha persoa
estraña e solitaria. O traslado a Boiro da súa familia polas
difíciles circunstancias económicas e o empezo da guerra civil,
permítenlle un primeiro contacto coa literatura porque unha tía
súa traballaba de cociñeira no Pazo de Goián no que había unha
boa biblioteca. Ese descoñecemento da cultura libresca é dos un
aspectos subliñados por Uxío Novoneyra, ao insistir na
orixinalidade da súa escrita.
Casa en Boiro co mestre Roberto Posse Carballido e despois dun
breve período tempo no País Vasco, onde morre o seu único fillo
ao mes e medio de nacer, regresan a Galicia. Instálanse, por
motivos de traballo, primeiro en Romeor do Courel e logo en
Parada, a onde se trasladan por consello médico a causa da
depresión nerviosa que sofre a escritora. Neste lugar pasará
María Mariño o resto da súa vida, fai algunha viaxe a Noia e
Monforte e as vacacións nos últimos anos na cidade da Coruña.
No ano 1957 iníciase como escritora, no Courel coñece a Uxío
Novoneyra, quen promove a publicación do seu primeiro libro.
Palabra no Tempo edítase no ano 1963 na
colección "Tesos Cumes" da editorial Celta. No prólogo Ramón
Otero Pedrayo saúda a "revelación dunha intimidade
impresionante do ego da escritora cas cousas, de un desvelamento
e senso tráxico do ser do tempo na serra". María Mariño
comezara a escribir seis anos antes, primeiro en castelán, logo
en galego.
Na
súa vida do Courel, María Mariño tivo relación con figuras tan
importantes da cultura galega como Manuel María, Uxío Novoneyra,
Ramón Piñeiro, Domingo García-Sabell, Sixto Seco, Augusto Assía,
etc., todos engaiolados pola irrupción no mundo das letras dunha
voz desacougante e insólita.
Xa enferma, e nun último esforzo, comeza a escribir de novo e
compón a totalidade dos poemas que conformarán a súa obra
póstuma,
Verba que comeza, onde a poeta amosa a súa angustia
existencial ante a presenza da morte. O libro remátase en marzo
do sesenta e sete e a escritora morre en maio a causa dunha
leucemia.
A súa obra literaria está marcada polas circunstancias vitais e
sociais que a rodearon, a condición de muller e a pertenza a
unha clase humilde fixeron que o acceso á cultura fose
francamente difícil. A súa poesía inspírase na tradición popular
onde non é allea a inevitable presenza rosaliana, e enriquécese
coa intimidade profunda dunha muller madura.
Sen apenas relacións no mundo literario, o illamento e a
marxinalidade que caracterizou en moitas ocasións o labor
creativo das mulleres condicionou a recepción da súa obra, mesmo
chegou a suscitar nalgún momento dúbidas sobre a súa existencia
e a autoría dos poemas. Creación singular no contexto da
literatura galega, a escrita de María Mariño non obedece ás
normas, a súa é unha poética crebada que tensa e racha a lingua
á procura da voz que exprese ese "raro e valiosísimo mundo
escuro" que, en palabras de Xosé Luís Méndez Ferrín, constitúe a
súa obra.
Habería que agardar 27 anos desde a publicación de Palabra no
Tempo para que se dese a coñecer o seu segundo libro; unha
edición promovida por Uxío Novoneyra e Antón Avilés de
Taramancos e publicada polo Concello de Noia. No volume
Verba que comenza recóllese unha ampla mostra dos poemas
escritos por María Mariño no último ano da súa vida, enferma xa
de leucemia. Antes, de acordo cos datos facilitados por Uxío
Novoneyra, escribira dúas obras en castelán que non se coñecen:
"Los años pobres. Memoria de guerra e postguerra" e "Más
allá del tiempo". No ano 1994 Edicións Xerais publica a
Obra Completa.
Unha poética radicalmente intimista e unha linguaxe rupturista
caracterizan, segundo Carme Blanco, estudosa da súa obra, a
escrita de María Mariño. Unha personalidade literaria que se
sitúa nas marxes do canónico no seu tempo. A súa figura suscitou
e segue a suscitar interpretacións diversas. Unha mirada
embazada durante moito tempo polo descoñecemento da súa vida e a
desconfianza do proceso de escrita da súa obra.
Os seus restos mortais repousan no cemiterio de Seoane do
Courel.
Si o Outono non crebara o tempo
non se erguía en verso longo o poeta,
o troveiro que en liña chega á meta
arrola a cume, espaia a néboa, achega o vento.
Os cantores esquecen o seu día
e dóense do que saben que lles chega.
Quece o zoco no ourizo e na nebra.
Vela o arbre a súa en lousa compañía.
Alumea o souto a esperanza soia,
a que onte viveu na súa sombra amiga,
espera hoxe o que dela quedou fóra.
Roda do carro que, entre lousa e folla,
vas trocando por mañán cantiga
¡atopas noite, atopas día e quedas soia!
(María
Mariño, Palabra no tempo)
|
OBRA EDITADA
-
Palabra no Tempo, Editorial Celta, (1963)
-
Verba que comeza, Concello de Noia (1990)
-
Obra Completa, Edicions Xerais (1994)
|
 |
OBRA LITERARIA
No 1963 publicara
Palabra no tempo, libro que espertara grande atención da
critica de doutros poetas, ainda que o público en xeral a penas
o percibiu. Moitos anos despois, xa en 1990, o Concello de Noía
publicou o seu inédito
Verba que comenza.
Trátase dunha poeta totalmente fóra da vida literaria, próxima
por veciñanza, amizade e poesía a Novoneyra, que presentando o
seu libro dicia:
«En M. M. confírmase o mito da profundidá da alma galega.
Angustia, Espranza, Memoria, Nostalxia e Arelanza: todo o mundo
do esprito. Unha poesía de son esencial— muitas voces no xeito
da canción popular e sempre no estilo de Galicia que é o estilo
da fala—donde o misterio nos chega».
|