|
A gaita do fol
por Juanjo Fernández
Normalmente se di “gaita
galega”
pero ésto é unha traducción do castelán “gaita gallega”. A xente das
aldeas, sobre todo na provincia de Lugo, no galego propio, di
“gaita do
fol”.
Esta denominación indica que hai outros tipos de gaita, cousa que se
pode observar contemplando o conxunto de instrumentos populares en
España. Unha gaita pode ser unha flauta de tres furados, unha dulzaina,
etc.
A voz
gaita ten unha orixe semítica e semella ter unha difusión no
mundo coincidente coa expansión árabe apartires do século VIII. Pódese
comprobar como esta voz denomina instrumentos afins nas zonas que foron
islamizadas nalgún tempo de Europa, Asia e África.

Gaita Muiña do Mazo (1930)
Gaita (gaita de cana, Francia)
Gaita de fuelle (gaita do fol, Asturias)
Gaita de boto (gaita do fol, Aragón)
Gaita de Estella (dulzaina, Navarra)
Gaita serrana (gaita de cana, Serras da Cabrera en Madrid e do Gastór en
Cádiz)
Gaita de foles (gaita do fol, Portugal)
Gaita (gaita de cana, Marrocos)
Gaita (dulzaina, Alxeria)
Gaita de fole (gaita do fol, Bierzo en León e Sanabria e Aliste en
Zamora)
Gaida (gaita do fol, Macedonia, Croacia)
Gajda (gaita do fol, Bulgaria, Eslovenia)
Ghaida (gaita do fol, Turquía)
Gaide (gaita do fol, Hungría)
Gajdy (gaita do fol, Polonia)
Gajde (gaita do fol, Servia)
Corominas deulle
a procedencia sueva de
gaits
(= cabra) que
tal vez queira dicir iso en suevo pero, con seguridade, non é a razón
pola que nós chamamos
“gaita”
ó noso
instrumento. Esta desafortunada teoría foille moi ben a todo tipo de
musicólogos porque enchía un baleiro na etimoloxía da denominación que,
con anterioridade, fora atribuída á palabra árabe
gaitetum.
Pero a teoría de
Corominas, máis que nada, agradou ós partidarios da ascendencia
“céltica”, que atoparon no filólogo un aliado de peso.
Derradeiramente hai unha certa tendencia a falar de
cornamusa
coma unha
denominación xeral do instrumento, mesmo falando en galego ou castelán.
Considero que este uso denota algo de complexo ó darlle a esta palabra,
de orixe francesa, un maior valor xenérico cando
gaita
ten unha
difusión xeográfica, demográfica e tipolóxica moito maior. Aínda que,
eso si, a población que a usa ten menor peso internacional.
HISTORIA
A gaita é un dos instrumentos de vento máis antigos. Nace hai milleiros
de anos baixo a forma dunha canaveira con furados que organoloxicamente
se clasifica coma “clarinete”. Nos seus inicios viña sendo coma un
punteiro pequeño de cana que producía o son por medio dun pallonciño
(lingüeta simple).
O lugar de nacemento non se pode precisar pero, coma moitas outras
cousas que forman parte da nosa civilización, a zona é o mediterráneo
oriental, rico en cana (arundo
donax)
da que se sirve o home para
infinidade de ferramentas e usos dende os máis remotos tempos.
Baixo a forma de gaita de cana difúndese polo mundo antigo mentres vai
tomando en cada lugar diferentes características: sinxela, doble, con e
sen pabillón sonoro, con e sen embocadura, etc. O modelo máis típico
desta época ten cinco furados; modelo que aínda se conserva en certas
zonas do mundo, entre as que están España co albogue vasco e a gaita
serrana.
Gaita do Castelo da Bastida (1890)
En época difícil de precisar a gaita aparece xa coma un instrumento de
madeira o que implica unha certa tecnoloxía que coa anterior gaita non
era necesaria. Esta tecnoloxía pasa polo torno horizontal, que implica a
trasmisión do movemento por medio dunha correa. O nacemento desta gaita
europea, que parece nacer como resposta á anterior de cana e vinculada a
culturas orientais, ben podía ter ocorrido en tempos do imperio román
debido á difusión tan grande que ten xa na alta idade media.
Entre os lugares polos que está difundida a gaita nesta época medieval
atópase Galicia cuia primeira iconografía é o chamado gaiteiro de Melide
que data do século XI. Dende entón a gaita arráigase en Galicia,
formando parte dos costumes musicais.
TIPOLOXÍAS
A gaita do fol nunca foi un instrumento unificado. Moi ó contrario, ó
longo da historia denota unha diversidade considerable en canto ás
variantes tipolóxicas que produciu coa mesma base de punteiro, roncón,
soprete e fol. As diferencias existentes entre os tipos de gaitas están
motivadas por causas coma as diferentes influencias recibidas do
exterior e, tamén, pola escasa comunicación de certas zonas nas que se
foron conservando modelos antigos.
A clasificación dos tipos de gaita de Galicia nunca foi estudiada no
pasado; so en tempos modernos algúns estudiosos teñen escrito cousas
relacionadas co tema. De mediados do XIX, procedente de moito máis
atrás, chéganos un tratamento inxusto, máis que dos tipos de gaita, das
sonoridades, coa simplona enumeración das gaitas
redonda, grileira
e tumbal,
correspondentes coas afinacións de DO, RE e SI bemol, respectivamente.
Cando se cita ésta clasificación non se di pero trátase de algo
simbólico, orientativo para o que non coñece nada, posto que a gaita
antiga non estaba en absoluto temperada. É máis real establecer para
estas denominacións a correspondencia entre gaita normal, pequena e
grande.
Gaita do Penela (1910)
Esta maneira de clasifica-las gaitas semella moi antiga porque está moi
difundida entre gaiteiros de todo tipo e condición. A realidade é que os
gaiteiros rurais, que non coñecen teoría musical normalmente, exprésanse
con estas denominacións marcando unha tendencia subxetiva, é dicir,
cando creen que unha gaita soa grave ou se ve grande chámanlle tumbal e,
no caso contrario, chámanlle grileira, etc. Por esta razón moita xente
en Galicia ten á gaita asturiana coma grileira incorrectamente, calquera
que sexa a súa tonalidade, pola sensación de agudeza que da o seu
timbre.
A clasificación razonable das diferentes gaitas galegas haina que facer
dende variados puntos de vista: os elementos de que consta, a
orientación na que se dispoñen, o torneado que presentan e outras
características particulares como a presencia de barquín, de chaves,
etc. O entrelazado destes parámetros da coma resultado unha cantidade
enorme de tipoloxías diferentes. De tódolos tipos posibles vou falar dos
que considero históricos posto que non tería moito valor un traballo que
pretendera mexturar os tipos antigos cos actuais, cheos de inventiva
afastada da lóxica tradicional.
A gaita
medieval
É o tipo de gaita máis común, a que ten como elementos sonoros roncón,
punteiro, soprete e fol. Chameina así porque procede polo menos da idade
media; é de supoñer que é o seguinte paso evolutivo despois da gaita de
cana prehistórica con fol.
É pena pero non existen datos claros sobre da xúa orixe, a cal préstase
a moitas hipóteses e conxeturas. Unha delas, que lanzo aquí, é que foi
unha adaptación europea da gaita de cana con fol, o resultado de
ensamblarlle un oboe (o punteiro); dous oboes, en realidade, se
consideramos así o primitivo roncón, tal e como parecen indica-las
iconografías máis antigas. Outra incógnita é a situación do roncón na
parte alta do fol, facendo que apoie no lombo do gaiteiro, configurando
o modelo atlántico ó que pertence a nosa gaita do fol. A outra
posibilidade é a súa situación na parte baixa do fol facendo que penda
cara abaixo, tal e como se observa nos modelos mediterráneos que se
tocan en zonas da península italiana, Cataluña e Mallorca.
Interesante sería analizar con detalle as características dos diferentes
elementos sonoros desta gaita medieval. Explicar, por exemplo, algo da
razón pola que o roncón cambiou a tipoloxía de oboe pola de clarinete
ou, tamén, algo das diferencias entre os furados do punteiro medieval
que debían te-las gaitas daquela época e o actual. Pero deixaremos
madurar todo esto e abordarémo-lo tema máis adiante.

Ilustración das Cantigas de Santa María
Gaita de
bordón duplo
É a gaita que ten dous bordóns. Esta tipoloxía obsérvase en gaitas
europeas dende o século XVI. Non se sabe dende qué época existe en
Galicia pero si se sabe que gaitas con dous bordóns eran algo común
aínda a finais do XIX na zona sur de Pontevedra (Salvaterra).
Juanjo Fernández
Lugo, Outubro 2002.-
Fonte
: Damos as
gracias á web
www.agaitadofol.com
e a Juanjo Fernández pola publicación dos seus artigos.
Artigos relacionados:
O gaiteiro tradicional
|