Frei Rosendo Salvado
Un galego nas costas de Australia a comezos do 1844...
Extraído da web www.culturagalega.org
A ventura
En 1844 un inquedo monxe benedictino de Tuy chegaba ás costas
australianas atraído pola paixón evanxelizadora que sempre aparecía, no
século dos descubrimentos despois das pegadas dos exploradores e
militares que descubrían novas terras lonxe de Europa. Era emprendedor,
cheo de sangue vital, curioso, músico, negociante e capaz de moverse con
habilidade polos sinuosos terreos do poder eclesiástico e laico.
Foi
un dos protagonistas da defensa dos dereitos dos aborixes nun momento de
plena efervescencia colonial e mentalidade racista. Coñecemos a
Fray Rosendo Salvado por outra máis polémica faceta. Na viaxe
que realizou en 1860 a Europa para recadar fondos para a súa Abadía de
New Norcia, Ó oeste de Australia, trouxo un agasallo que segue a
levantar agrias polémicas hoxe en día: a semente dos eucaliptos, que
plantou no seu xardín e que agasallou ós seus amigos.
Frai Rosendo Salvado naceu en Tui en 1814. Sería unha cidade que sempre
tería en mente, e á que volvería de Australia nunha ocasión entre
mostras de fervor popular. En 1898, continuaba recibindo o xornal
tudense La Integridad, e pedía que non se lle deixase de mandar. De alí,
pasou ó mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela, con
15 anos, onde destacara pola súa habilidade coa música como organista ós
20 anos e a súa capacidade de aprendizaxe, unha actitude na que o seu
pai, Pedro Salvado, destacara como cantor da catedral de Tui.
A chave que marcou boa parte do destino de Rosendo Salvado veu dada por causas políticas. En 1835, un novo goberno comeza a mandar en España e un ministro con gran influencia na Corte, Mendizábal, decide adoptar unha nova política con respecto á Igrexa e desamortizar os mosteiros para poñelos á venda nun proceso que se coñece como a Desamortización. Non só isto: as ordes monacais, cunha tradición secular, son disoltas. Fray Rosendo era monxe benedictino que non puido ver rematado o seu desexo de tomar os hábitos e ten que volver á súa casa familiar en Tui.

O eucalipto, a árbore
que Salvado trouxo a Galicia
Coa mochila
En 1838, Fray Rosendo Salvado recibe unha mensaxe dun compañeiro catalán
que coñecera en San Martiño Pinario, José Benito Serra, que cos anos
acabaría por converterse no seu alter ego e un amigo íntimo. Benito
Serra pedíalle que se incorporara ó mosteiro de Cava dei Tirreni, no de
aquela Reino de Nápoles.
Para os benedictinos, Nápoles era terra liberada, o que significaba que
os mosteiros especializados na formación de novicios estaban ata os
bordes de mozos chegados de todos os países de Europa que estaban a
secularizar. Malia todo, Salvado consegue ingresar no convento.
En 1843, ten lugar o feito que marcaría de xeito definitivo o futuro misioneiro de Salvado; tódolos días paseaba con Serra polo bosque do mosteiro. No transcurso da conversación, Serra exprésalle o seu anceio de ir ás misións e, o máis relevante, confésalle que se se decide a ir con el, non o pensaría dúas veces. E iso é o que fan.
En Roma entrevístanse con Monsignor Brunelli, secretario da Congregación
para a Propaganda da Fe, unha especie de Ministerio para a
Evanxelización dos Estados Pontificios. Brunelli ábrelles unha
posibilidade: a Igrexa Católica quere introducirse no nacente mercado
australiano, un remoto e enorme territorio dominado polos ingleses e no
que a Igrexa anglicana leva, evidentemente, unha boa ventaxa na
conversión dos indíxenas. Que o fenómeno era clave indícao tamén outra
cuestión: a expedición a Australia é preparada polo bispo irlandés
Joseph Brady. El, Salvado e Serra son recibidos polo mesmo Papa. A
expedición prepárase para saír dende Londres.
Comeza a misión
O 7 de setembro de 1844, o veleiro Elizabeth deixa o porto de Gravesend,
no estuario do Támesis. Nas súas memorias, Salvado non agacha a emoción
que lle produce entregarse a unha viaxe de meses polo medio dos océanos:
"cando entramos no estreito de Calais, a furia infernal e os pérfidos
elementos, cando as ondas do océano, agora elevándose como montañas
brancas de escuma, agora afundíndose e mergullándose o máis
profundamente posible, semellaban amenazarnos cunha morte certa en cada
bandazo", ata que chegan o 8 de xaneiro ás costas de Australia e se
hospedan en Fremantle.
Os primeiros paseos polo lugar dan idea das angueiras dos misioneiros,
ávidos de atoparse coa poboación indíxena.
No primeiro paseo que dan pola colonia de Fremantle xa observan un bo
número de aborixes e ocurre unha escea curiosa, que Fray Rosendo relata
deste xeito: "estando ansiosos de tomar contacto falámoslle ós dous
primeiros que coñecimos. ¿Pero como entendelos?

A primeira palabra que escoitamos foi maraña, que repetían
continuamente. Maraña no meu dialecto galego significa 'decepción', e
pregunteime se esa xente estaba preocupada de que fosemos a facerlles
algo malo. Dinme a volta e pregunteille ó noso anfitrión que
significaba.
"Simplemente, comida", replicou. Así que eu collín unha gran barra de pan, repartino entre eles, e anotei a palabra no meu caderno, de acordo co método que decidín seguir".
No deserto
O primeiro obxectivo que tiñan os monxes era atopar indíxenas. Falando
cos colonos, decatáronse de que os aborixes tiñan un estilo de vida
nómada. A primeira pegada deulla un dos terratenentes da zona, quen lle
indicou que ó sur da súa prantación existían grupos de individuos
movéndose. Cunha compañía en expedición dirixíronse á zona e camiñaron
varios días ata que as reservas de auga comezaron a esgotarse.
Coa axuda de dous guías, conseguiron chegar a fontes de auga e instalar
un campamento provisional. Aí produciuse o primeiro contacto coa
poboación indíxena, non sen medo. Existía a crenza na colonia de que os
aborixes eran caníbais.
Se o eran, dende logo non deron mostras. Os primeiros días nos que se
instalaron, os monxes fixeron continuos oficios relixiosos e
cantaban a toda voz salmos. Non se trataba, posiblemente, dunha cuestión
litúrxica, senón máis ben de atraer a posibles curiosos. Algo que
conseguiron, cando un día, á tardiña, observaron como un reducido grupo
de indíxenas contemplaba a aquel grupo de homes barbudos e vestidos con
roupas cerradas no medio da calor da campiña australiana. De aquela,
nunha distancia prudencial, prenderon unha fogueira e pasaron a noite
observándoos. Ó día seguinte, apareceron homes armados a esa distancia,
e os monxes puxéronse en garda, pero os indíxenas limitáronse a sentar ó
redor dunha fogueira.
O contacto viría con posterioridade, cando un fato de homes, mulleres e
nenos achegouse ata o campamento e comezou a curiosear o que facían e
deixaban de facer. … de supor a ledicia dos misioneiros. A confianza
mutua increméntase. Frai Rosendo nárrao este xeito: "con eles, comimos,
bebimos e marchamos, e fumos voluntarios para as tarefas que eles
estimaban máis pesadas. A miúdo levabamos ós nenos sobre os nosos
ombreiros coas súas pernas randeándose na fronte e descubrimos que
preferían a nosa compañía á dos seus pais".
Sen embargo, as enfermidades e outros sinsabores fixéronos retroceder de
novo á zona europea, ata que quedaron unicamente na expedición Frei
Rosendo Salvado e Serra.. Despois destes contactos iniciais, os dous
monxes decatáronse de que era moi difícil establecerse e realizar unha
acción efectiva se non se establecían nun lugar concreto e fundar un
mosteiro. Os obxectivos non eran outros que sedentarizar á poboación
indíxena e facela vivir da agricultura. é dicir, "occidentalizala".
Na mentalidade do século das colonizacións, os europeos que chegaban a
novas terras, foran os que fosen os obxectivos que se buscaran,
plasmaban nos novos lugares descubertos o modelo de vida occidental.
Deste xeito, foi como os dous benedictinos asentáronse nas inmediacións
de New Norcia. O labor misioneiro traía consigo paradoxas. En New
Norcia, eles crearon unha escola e tiveron que superar os recelos da
poboación, que cría ver extraños poderes nos libros e papeis escritos.
Pero o proceso de aculturación comezaba.
Un exemplo aconteceu en 1849. Salvado foi enviado a Europa para recadar
fondos e capital humano para a misión, e levou con el a dous indíxenas,
que mesmo chegaron a ser investidos cos hábitos de monxe polo Papa Pio
IX. Despois foron a Nápoles, ó mosteiro de Cava, e alí os indíxenas
manifestáronlle que preferían non volver aínda. ¿Por que? Salvado
transcribe unha resposta deles que xa nos di moito sobre isto: 
"Porque
aínda non estudiamos. Así que se volvemos agora, os nosos parentes e
amigos nos preguntarían se entendemos os papeis que falan, e se nós
sabemos como facelo, e sabemos como facer cabalos e árbores, e cando lle
contestemos que non, eles dirán que nós somos coma eles, jun-ar (homes
da selva)".
Os
indíxenas como estranos
Rosendo Salvado foi clarividente á hora de evaluar a problemática
indíxena en Australia. Neste senso, a súa curiosidade fíxolle recoller
e, en moitos casos, respectar a cultura local. O que era extraño na súa
época en Australia era a consideración que tiña polos indíxenas..
Afirmar que calquer indíxena tiña a capacidade, con educación, para
aprender calquer tipo de disciplina e ciencia, era bastante extraño no
contexto colonial. Pero había algo que fallaba. A idea orixinal de
Salvado de que os indíxenas foran propietarios de terras e viviran delas
en Nova Norcia, de feito, nunca chegou a triunfar. Nun informe que
remitiu ó goberno británico, Salvado desvelou cales podían ser as
claves.
Dicía que os indíxenas estaban afectados de "nostalxia", o cal quería
dicir inadaptación ás novas estructuras occidentais creadas no medio da
selva. O estado "nostálxico" dos indíxenas caracterizábase por períodos
de gran fortaleza e de debilidade que se sucedían, o cal os facía
incompatibles co traballo occidental e coa aprendizaxe na escola da
Abadía de Nova Norcia. E, dicía Salvado, se os indíxenas atopaban
extraña a civilización occidental porque xa tiñan unha de seu. Deste
xeito, Salvado potenciou máis a agricultura que os estudios académicos.
Salvado visitou Roma á avanzada idade de oitenta e seis anos. Hospedouse
no mosteiro de San Pablo Extramuros, onde se convertira nunha figura de
referencia para os novos cregos polas súas historias da misión.
Morreu o 29 de decembro de 1900 e o seu corpo foi levado de volta para ser enterrado baixo o altar da pequena Catedral de Nova Norcia. A súa memoria segue a ser motivo de investigación nas universidades australianas para comprender a formación do seu país. Na memoria popular, convertiuse nunha figura case lendaria.

Francis Conaci e John Dirimera, os primeiros novicios aborixes

Mapa da viaxe
Fontes de información: www.culturagalega.org e "O señor abade do ermo", George Russo, Edición do Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela, 2001.-
