2.168.223 páxinas vistas no 2009 verificadas por AWStats sin un centavo da Xunta. Colabora con nós aquí >>>


    

 

   

 

Xosé Luís Méndez Ferrín

Escolma poética


En Compostela pode un home 
escoller óboe e docísimo cor ao contrapaso, 
decair nos tremedoiros 
(VIBRA, CORAZON GASTADO!), 
tenra especie de prantas espiráis 
e añuca ou seixo de xogar antre os dedos.


Pode pedra luída 
alzarte sobre sí coma un guerreiro 
é proclamado rei de oucas e carballeiras vellas.


En Compostela pode un vento duro 
estremecer o corazón da Europa campesina 
que todos temos dentro sen decilo.


En Compostela soan polonesas, 
nacionalmente, en moitos plenilunios
cabo de trasparentes ollos, mortos, 
e un barroco de bronce ergue paxaros de duro mármore 
e oubear oubean os couselos 
nas murallas de san Martiño Pinario.


En Compostela, enfin, 
compañías de mortos compañeiros 
comen caldo insumiso na lembranza ilustrada 
(VOTO POR VOS: ROSALIA, PONDAL, FARALDO) 
das cabezas alzadas.

En Compostela está o que perdemos 
e vai nacendo noutros i esto é o grande milagre 
(¡UNHA LAPA LENE, UNHA CANDELEXA!) 
da conciencia desta patria 
conservada en pequenos corazóns 
ardentes con fogo doce que non morre.


En Compostela soterraron a semente 
chamada Xohán Xesús González, porta 
dun futuro suntuoso e proletario 
que avanza cara nós con alboroto 
e venme o arreguizo somentes de pensalo e de amalo.


En Compostela estamos 
moitos xa para sempre derrotados.


De Con pólvora e magnolias



Estás como caída, 
depresión ou lobos azúis e lonxe esfragándose antigos.


Estás, amor, perdida, 
ledamente ensarillada en ti, ledamente 
acompasada á morte que se achega con tatuaxe de festa. 


Estás, oh castiñeiro de vran, 
cobexando tropas de saltóns e chuchameles murchos.


Estás de ventre aberto 
e unha procesión de agres berros, volvoretas, 
arrótanche as entrañas e os adentros sen luz.


Estás, fuxinte, 
eiquí e non estás porque sábe-lo arte 
de seres simultánea e agallopar cos ollos os teus trigos nativos 
poderosamente ateigada de sol e de mapoulas.


Estás en min, coma quen ten, sin nome, 
un melro ou un fouciño pra conqueri-los días 
nos que ti non estás, nos que ti non estás, nos que ti non estás.


De Con pólvora e magnolias



ILLA


Estreitarei a tua cinta leve 
con medo de perder cousas de vidro 
Valeiradas estancias de crepúsculo 
infernan vermellóns rubíns de escuma 
e toda estrelecente rubra prata 
convócame a encarnada cuncha lisa 
Esta illa de pedra sobre a lámina 
do mar de Lapamán en quedo intre 
detén o cor cesura de infinito 
ou estantía suspensión de tránsitos 
Buguinas incendiadas de silenzo 
prorrompen en estrépito calado 
A onda no reventa que está inmóvil
detida no proceso de apreixarte 
Moimento de sí mesmo o sol deténse 
e o seu fulxir de fogo que alapea 
fíxase en brasa ou moeda estática 
Ficou queda a gavota a dorna absorta
Naufragou no meu verso tanto instante 
Porque hei de rachar este ar de mármores 
cinguirei o teu van e nun aombro 
de carnes todo voltará a ser móvil


De O fin dun canto


A UN MEU FILLO


«Heureux qui, comme Ulysse, 
a fait un beau voyage, 
ou comme celui-là qui conquit la toison, 
et puis est retourné, plein d'usage et raison, 
vivre entre ses parents le reste de son age!» 

JOACHIM DU BELLAY



Cando regreses a Vilanova dos Infantes 
despois de visitares terras sen número 
recoñecerás que as cousas son máis pequenas e encolleitas 
do que ti lembrabas 
pro o teu cor moito máis grande porque nel entrara o mundo. 

Cando regreses a Vilanova dos Infantes 
despois de que o teu esprito tivera amado
co vigor azul veludo do papilio manchaon e outras grandes bolboretas 
e nos teus ollos se cebara o ferrete dos mil velenos inimigos,
atoparás irónico o xesto do Castromao, do Furriolo e outras 
montañas que encadran a tua patria con fidel constancia 
de quen é manso, tutelar e interno.


Cando regreses a Vilanova dos Infantes 
e entres na casa que fundaron os teus antergos 
con lucidez e traballo imprecisábel, 
notarás a benvida dunha brétoma insidiosa 
a vear cada obxecto como visto entre bágoas;
música haberá en escadas, olas, pipas, lámparas e espellos ou ecoar 
de labores que hai cen anos alí houbo e nun repente 
prorrompen nos teus ollos alapeados.



Cando regreses a Vilanova dos Infantes 
e os canastros, a profundidade das adegas, 
o terror dos subterráneos onde son as trabes de ouro e de [alquitrén, 
a derrota das murallas no Arrabaldo, o agurgullo 
da Fonte de Baixo, a morte enguedellada en cada corredor 
derruído, acheguen a ti a man pálida dos antanos amantes, 
na tua res domeada polo peso do sentido 
choutará un alustre de namorada tristura 
como que alumea un facho de luz verde e arcaica.

Cando regreses a Vilanova dos Infantes 
tremeránche os xoenllos 
do corazón e na alta noite a inmensa lua chea 
iluminará pra ti a clave do labirinto 
e o teu pai sorrirá dende o frío sepulcro 
porque terás conquerido o que ti es 
e poderás cantar en Tra-la Cerca como cantou o poeta 
dos antanos de Francia:

«Feliz aquel que, tras de percorrer, como Ulises, 
as mil aventuras dos mares do mar 
e dos mares da paixón vermella arrebatada; 
ou aqueloutro que, navegando o Ponto na percura procelosa, 
máis que un Año de Ouro, acadou a ledicia innumerábel 
da Misión e da Viaxe comprida: 
tras cortar incidentes coma rosas
retorna a Vilanova dos Infantes completo de sabiduría» 


De O fin dun canto



CABALOS


ouvan o desafío ao vento norte do griñon arreitado 
ouvan a súa porfía coas rochas todas 
do Monte dos Arruídos e da Chaira de Amoroz 
e das Illas de Poente
hai un terror no corazón do cabalo 
que vén de tan atrás coma o teu arreguizo subitáneo 
ao estoupares comigo cabaleiro 
en urros esgutios queixa esgrevia de torgueiras enleadas
nos días de estarmos a rolos polo salcedo 
a carón das égoas do monte 
o noso amar é dozor de xesta albar 
a miña besta aletexa bolboreta en rosa escuro
polas húmidas provincias do seu sitio de femia 
e eu o cabalo cheiro reverenciosamente 
os visgos seus de dona das poulas dilatadas
das górguas recendentes a tomelo e fiuncho
das corgas de abrevarmos nas raxeiras do sol 
das gallopadas loucas cando intervén o lobo 
e a grea se recolle ao abeiro do sucastro 
mollo daquela as nefras na urina
que ela me ofrenda coma un hidromel 
de festa e cerimonia logo vén a batalla 
con armamentos de carne que non mata 
que non mata cabrinfollos nin trebos do vale
sinte o cabalo o peso do seu amo 
e bólelle o corazó igoal ca os cascos 
pois aquel galego arcaico que lle impuxera 
a marcha de andadura
que o deprendera e abaixara coma un 
que domease bimbios por facer un queipiño 
saberá levalo contra o sitio do mundo
das paces ou das guerras 
necesario pra que resulte este futuro 
do que hoxe nos laiamos.


De Estirpe



COLOFÓN


A Chus Pato e Xabier Cordal


Verba estirpe, marmaña, Sárdoma na Terra. 
Eran estas as nocións: touza, carqueixa, 
corga, Carnota. As gándaras do sentido, as poulas 
nas que o ser se entorga: toutizos, coios. 

Támega, Tamuxe, Tameiga, tal 
coma brañas enchoupadas, Arnoia
que é escomincipio e a derradeira frouma do alentar de meu. 
Visítame, Arousa, paúlo. 

Deixa que che meta os dedos na boca, señora miña Arousa. 
Un peirao na Barbanza que se chama Pondal. 
E cabernas de arca, e cabernas de couso. 
Arteixo vira en cambas polos cotos herdados,
polas searas do esprito que nunca foi vencido. 

Esposo mascato é, píllara tímida eu. 
Dille berce ao inimigo, e veralo esmaciar. 
En Patia río hai que chaga a ser chamado Eu, ou qué. 
Deva devala en meras, por panasqueiras tenras, 
polos biduídos dos bidos lonxanos. 

Primeira cousa: a lousa, morte ao estranxeiro opresor. 
Toxo esgrevio acódenos, arnal, por consolarnos na desfeita. 
Lamas, Ulla, Limia, illó: carpazona, eih, coa virilla quente. 
Ai, como tu es veiga pre min. 

A túa crencha, prenda, teu buraco, teu buraquiño, bouza. 
Cómo sodes, as searas, qué cabazo. 
As cabanas de colmo a poboarnos a ánima esfragada 
neses caborcos. 

Os beizos, as várceas, a saudade. 
Non esquezas as verbas estirpe 
que son morte pró estranxeiro opresor, elas nos lavan. 
Sempre dirás: URCES. 
Repite: os carballos.


De Estirpe 

 

www.galespa.com.ar

 

 

 

 

  

Os puntos bermellos no mapa son as visitas. Ver: Estatísticas provistas por AWStats. Ver:
Locations of visitors to this page Estatísticas Galicia espallada

2008

Estatísticas Galicia espallada

2009

Si quiere un sitio web con estos resultados de posicionamiento escríbanos a contacto@serviwebsi.com : bajos costes, altos resultados

ESPAZO DE PUBLICIDADE:

 

TENGA SU SITIO WEB

 

PARA TODOS LOS PRESUPUESTOS Y CON LA MEJOR RELACIÓN COSTE-CALIDAD

 

Planes desde 125 Euros anuales, incluyendo dominio internacional y hosting.

Muy buenos resultados, obtenga más por mucho menos.

 

PLAN MICROWEB  1 PÁGINA 3 CASILLAS DE EMAIL  € 125 ANUAL ( COSTO DE DISEÑO BONIFICADO ) Ver detalles  >>> 

PLAN PYME PLUS  7 PÁGINAS 5 CASILLAS DE EMAIL 100 MB HOSTING € 375 ( 250 DE DISEÑO Y 125 DE DOMINIO Y HOSTING ANUAL )   Ver detalles  >>> 

PLAN PREMIUM VIP 15 PÁGINAS 10 CASILLAS DE EMAIL 200 MB HOSTING € 680 ( 30 € CON 8 ACTUALIZACIONES MENSUALES )  Ver detalles   >>> 

Todos los planes incluyen dominio internacional.

 

EXPERTOS EN POSICIONAMIENTO SEO WEB, APAREZCA EN LOS PRIMEROS PUESTOS DE GOOGLE  >>>

 

SERVIWEB SERVICIOS INFORMÁTICOS - WWW.SERVIWEBSI.COM - CONTACTO@SERVIWEBSI.COM

 

Diseño Servi-Web

 

 

SEOmoz Linkscape Score: 6