poeta e destacada
figura do galeguismo
RAMÓN CABANILLAS ENRÍQUEZ
é o poeta máis importante das Irmandades
da Fala e un dos máis sobranceiros das Letras Galegas. Autor prolífico, cultivou
principalmente a poesía lírica, narrativa e dramática, nas que tratou desde o
tema amoroso ata o social e relixioso.
Naceu
en Cambados o 3 de xuño 1876. Tras iniciarse nas letras e no latín foi
seminarista. Entre 1889 e 1893 camiñou os claustros de San Martiño Pinario, onde
ós 13 anos escoitou por primeira vez as palabras dun mestre enaltecendo a beleza
da nosa fala.
O 25 de maio de 1891 as rúas composteláns presenciaron un desfile conmovedor:
traídos de Iria Flavia a Cormes, os restos mortais de Rosalía de Castro
atravesaron a cidade en procura da igrexa de Santo Domingo. No cortexo, xunto a
outros compañeiros, estaba Ramón Cabanillas, ben alleo sen dúbida a que unha
gloria semellante á que arroupaba a tan grande poetisa, algún día ía tamén
nimbar a súa testa.
Do seminario marchou para asumir tarefas de contabilidade no Concello de
Cambados durante 10 anos.
No ano 1910 houbo de emigrar a La Habana, Cuba, onde foi contable de comercio e
administrador do Teatro Nacional, propiedade do Centro Gallego. En 1913 sae do
prelo en La Habana o seu primeiro libro, "No Desterro", prologado por Basilio
Álvarez, e en 1915 edita tamén na capital das Antillas o seu segundo libro,
"Vento Mareiro", ambas as dúas obras unha exaltación de Galicia como unidade
colectiva.
De volta á Terra, publica en Vilagarcía no ano 1917 "Da Terra Asoballada" e
ingresa na Academia Gallega en 1920, aceptando en 1929 a cadeira de
representante da Lingua Galega na Real Academia Española. Daquela reside en
Madrid, onde frecuenta tertulias con Castelao e outros representantes do
movemento político e cultural do Galeguismo.
Tras pasar un tempo no Mosteiro de Samos, volta a Cambados, onde finou o 9
Novembro 1959, ano no que o Centro Gallego de Buenos Aires publicou a súa "Obra
Completa", coma homenaxe á sobranceira figura do Vate.
Cabanillas manifesta unha importante inspiración e influencia nos preceptos
relixiosos Franciscanos e no movemento agrarista de Acción Gallega, cunha grande
preocupación sobre a xustiza social do pobo e dos destinos de Galicia.
Unha das máis importantes e destacadas figuras do Movemento Galeguista, poeta
fecundo de técnica variada e rica temática, é particularmente célebre pola
composición das sagas artúricas de "Na Noite Estrelecida", editado en Mondariz
en 1926, nas que enlaza a tradición celto-artúrica popular de Galicia coa poesía
e as tendencias contemporáneas que valoran a identidade céltica de Galicia
|