A EMIGRACIÓN GALEGA A AMÉRICA
Como
neto e fillo de emigrantes quero render con este artigo unha sinxela e pequena
homenaxe a todos aqueles galegos que por unha ou outra causa tiveron que
emprender o camiño da emigración. Tamén para todos aqueles familiares que
quedaron aquí alimentando a chama da esperanza e arelando o seu regreso.
Dende que existe o ser humano sobre a terra este realizou desprazamentos dun
lugar a outro, xa sexa con carácter definitivo ou transitorio. Na Prehistoria, o
ser humano movíase, sobre todo, segundo as necesidades alimentarias: caza,
recollida de froitos, etc. Outras veces facíao presionado por grupos humanos
máis fortes. A primeira das causas é marcadamente económica e a segunda de
evidente matiz político, aínda que derivada da anterior.
Ó longo da historia da humanidade houbo múltiples causas " próximas " ( guerras,
persecucións relixiosas ou políticas, fuxidas das levas militares, pestes, etc.
) que deron lugar ás migracións humanas, pero detrás de todas elas subxaceu
sempre o factor económico. En consecuencia, podemos definir á emigración como
o movemento de persoas que van dun lugar a outro co fin de mellorar as súas
condicións de vida.
Dende o punto de vista humano, a emigración é un xeito máis de escravitude. O
emigrante é escravo da súa propia miseria económica, que o bota polo mundo, e
segue a súa escravitude polas condicións derivadas polas condicións derivadas da
emigración ( viaxe, traballo, compromisos económicos que deixa na terra, etc. )
A emigración foi e é a negación do dereito máis sagrado que ten o ser humano : o
dereito á vida na súa terra natal.
Á hora de falar da emigración, tal como entendemos hoxe en día, hai que sinalar
un feito histórico moi significativo, xa que marcou o " punto de partida " da
chamada emigración moderna, tal é o caso da Revolución Industrial, que provocou
un cambio radical nos conceptos tradicionais da economía e un desenvolvemento
espectacular do capital que modificaron as estructuras socio-económicas de
Europa.
No caso que nos interesa, Galicia, como parte integrante do Estado español e por
conseguinte de Europa, sufrirá as consecuencias que se deriven do comportamento
da economía española e subsidiariamente da europea. En base a todo esto, podemos
plantexarnos as seguintes preguntas: ¿ Cal é a situación económica de Galicia ?
¿ Como é a estructura social galega desta época ?. A resposta á primeirapregunta
diranos que Galicia é un país eminentemente agrícola, cun sistema de cultivo
arcaico, moi tradicional e supeditado á excesiva división da terra,
circunstancias que dificultarán calquera tipo de modernización das técnicas e
métodos de cultivo; a segunda, moi relacionada coa primeira, indícanos que a
poboación galega é maioritariamente rural, polo tanto, moi dependente do sistema
agrario.
Estas dúas constantes están fortemente condicionadas pola existencia dos foros
que gravan a producción e son un lastre para a evolución agraria. A xente, inda
que vén traballando a terra dende hai varias xeracións, non é a propietaria real
da mesma, soamente o é nunha reducida porcentaxe. Trátase, pois, dunha economía
de mera subsistencia que non pode satisfacer as necesidades dunha poboación en
aumento.
Con este panorama, e a fin de ter unha sinxela aproximación ó tema, convén
coñecer os seguintes aspectos: causas, características, fases e consecuencias
que marcaron este feito histórico
O desequilibrio entre o incremento da poboación e a falta de solucións
económicas adecuadas para satisfacer as necesidades básicas impulsaron o
fenómeno migratorio. Así temos que a terra mal repartida, a evidente falta de
traballo ou empregos con garantía, o declive da pesca, o desinterese das clases
posuidoras da terra por introducir novos sistemas de cultivo e a desastrosa
política agraria dos gobernos da época encargaranse de "apadriñar" a
emigración.

Vista do porto de Vigo, o principal porto da emigración galega a América.
A pesar de todo o exposto, quizais sexa necesario plantexarnos ¿por que
emigraron os galegos? e ¿era Galicia a comunidade máis pobre do estado?
Dous interrogantes moi fáciles de contestar se só atendemos a datos
estadísticos, pois Galicia era por entón unha comunidade pobre, pero o segundo
dos interrogantes levaríanos a ter que recoñecer que, aínda sendo pobre, había
zonas do Estado máis pobres ca nós e, sen embargo, deron índices de emigración
por debaixo dos galegos. Aquí é onde aparece a disxuntiva "logo, ¿qué pasou? "
Castelao, no seu libro Sempre en Galiza, reflexa este fenómeno coido que moi
acertadamente: "Aínda que os factores económicos foron o
suficientemente importantes como para botar fóra da súa terra a moitos galegos,
tamén é certo que nós sabemos andar polo mundo na procura do benestar ó
contrario de moitos españois que prefiren morrer de fame con tal de non ter que
enfiar camiños descoñecidos. Os galegos sabemos arranxar papeis e pedir unha
pasaxe de terceira; sabemos agacharnos na bodega dun trasatlántico; sabemos
abrir fronteiras pechadas; sabemos pedir traballo en tódalas linguas; sabemos
canto se debe saber aínda que sexa a primeira vez que saímos fóra da terra".
Agora podemos entender mellor a resposta ó segundo interrogante; os galegos
emigraron forzados pola situación económica e por que non se conformaban con
seguir sempre o mesmo; querían mellorar e sobráballes vontade para facelo.

A despedida, imaxe que se repetiu ó longo de moitos anos. Saída de
Vigo do vapor Serpa Pinto cara América
Galicia é case sinónimo de emigración, porque de Galicia, por
emigrar, emigraron: traballadores, intelectuais, enerxía eléctrica e capitais. O
galego emigraba baixo dous signos: un, que o empurraba fóra da súa terra na
procura de mellor situación económica e outro que o facía voltar. Así temos que,
sendo o país que dá maior porcentaxe de emigración, tamén somos, curiosamente, o
que maior índice de retornados temos por número de emigrantes.
No fenómeno migratorio pode establecerse unha correlación: pais e muller ficaban
en Galicia, fillos e home na emigración. Esta constante quizais sexa o factor
máis importante que favoreceu tan elevado número de retornados, amén do apego
que os galegos temos á nosa terra. Emigraron maioritariamente homes, cun elevado
índice de xuventude ( a taxa de masculinidade representou o 70% do total da
emigración ). A muller galega incorpórase periodicamente á emigración, facéndoo
dunha forma activa a partir da década dos 50.
Os emigrantes dirixíanse fundamentalmente a América Latina, sendo Arxentina o
país que máis xente recibiu ó longo da historia. Xeralmente concentrábanse nas
grandes áreas urbanas: Bos Aires, Montevideo, S.Paulo, Río, Bahía, A Habana,...
Adicábanse preferencialmente ó sector servicios, comercio e profesións liberais,
recibindo o sector agrario unha porcentaxe moi baixa, salvo no caso de Brasil,
onde as explotacións agrarias, forestais (caucho) e minerais ocuparon un
considerable número de emigrantes.
A emigración a América, segundo o concepto moderno, iniciouse xa ven
entrado o século XIX, a pesar de que ó longo dos séculos XVI, XVII e
XVIII xa tiveran saído da Galicia continxentes máis ou menos importantes de
xente con destino ás colonias da ultramar, aínda que neste período non recibían
a denominación de emigrantes.
Eran cargos da administración, integrantes dos exércitos, colonos, aventureiros,
prófugos da xustiza, misioneiros, etc. O goberno español, que viña ignorando
sistematicamente o problema da emigración e poñéndolle trabas legais, non ten
máis remedio que recoñecela oficialmente en 1853, xa que se ve impotente para
solucionar a precaria situación socioeconómica do Estado. Pasará, entón, de
impedila a favorecela como vía de solución, dando lugar así ó inicio dunha
emigración a regueiros cara as recén independizadas repúblicas latinoamericanas,
aínda que será Cuba, que por aquelas datas é colonia española, quen
reciba maior número de emigrantes durante o século XIX e primeiros anos do XX.
Arxentina e Brasil seguiranlle, por esta orde, na recepción dos mesmos.
Posteriormente será Arxentina quen se coloque á cabeza como país
receptor, posto que só cederá entre 1915 e 1920 a favor de Cuba e máis tarde, a
partir de 1953, a favor de Venezuela, quen o manterá ata a finalización
do proceso migratorio na década de 1970. Arxentina acadará esta supremacía en
base a unha política tendente a poboar grandes territorios case desérticos, e
para logralo emprendeu unha campaña divulgadora das " cualidades " do país, así
como unha forte propaganda nos lugares de orixe dos emigrantes. Outros países
americanos que tamén se significaron por ter recibido importantes continxentes
de emigrantes son: Uruguai, Porto Rico, México, Estados Unidos e República
Dominicana.
Segundo o lugar de Galicia de onde proceden, os emigrantes dirixíanse
maioritariamente a un determinado país e dentro deste a determinadas zonas ou
cidades, influenciados pola presencia máis ou menos importante de veciños ou
achegados anteriormente asentados alí. A modo de exemplo diremos que os veciños
do concello de Pontevedra emigraron nun principio a Cuba e posteriormente a
Arxentina e a Uruguai. Venezuela tamén tivo unha importante colonia.

Os galegos non esquenceron as súas raíces e tradicións.
Festa do Apóstolo Santiago en Bos Aires.
Por épocas, o fluxo migratorio pódese sintetizar do seguinte xeito:
De 1810 a 1853 constátase unha forte corrente migratoria moi difícil de cuantificar, xa que o goberno do estado non tiña recoñecido oficialmente este xeito. Así que algúns autores denominan este período como o da emigración clandestina.
Pero a partir de 1836 comezan a asinarse os primeiro tratados de recoñecemento das novas repúblicas, sendo México a primeira en ser recoñecida este ano e posteriormente serano Uruguai, Chile e Arxentina. En consecuencia, iníciase un auxe da emigración. Fe disto dánolo a aparición dos boletíns oficiais das deputacións de anuncios de saída de barcos cara as novas repúblicas. En decembro de 1836 aparece publicada a saída da Coruña do General Laborde con destino a Montevideo, Bos Aires e outros puntos do Mar da Prata. Así sucesivamente irán saíndo barcos, case todos de vela. En 1850, anúnciase a saída desde Carril do bergantín Juan, publicitado como vapor de primeira clase. Os primeiros datos relativamente fiables dáos A. Eiras a partir de 1836, estimando que entre esta data e 1860 saíron 93.040 galegos.
Será a partir de 1853, ó admitir o goberno oficialmente o fenómeno migratorio, cando comeza o que se denominou emigración legal. Nesta etapa podemos fixar un período que vai de 1860 ata 1880 que aporta a cifra de 122.875 emigrantes.
O grande impacto migratorio comezará a partir de 1880 e duará ata 1930. Este espectacular aumento virá favorecido por varios factores, entre os que cabe destacar os seguintes:
A introducción da navegación a vapor, que reduce considerablemente a duración da viaxe e aumenta a seguridade da mesma.
As políticas das repúblicas americanas que favorecen a entrada de emigrantes.
A
irrupción de fortes compañías navieiras inglesas, francesas e alemanas no
negocio, que promoverán fortes campañas publicitarias como reclamo a fin de que
a xente "pique" no engado da emigración.
A
comunicación epistolar dos que xa están alá, que dalgún xeito invita a
familiares e amigos a decidirse pola viaxe, e ó mesmo tempo a garantía de
sentirse seguros de que van ser recibidos por xente amiga ó chegar ó outro lado
do "charco".
Con todos estes factores, milleiros de galegos arriscaranse a cruzar o océano
cara a un mundo de esperanza. Comeza o que se coñeceu como a emigración masiva,
que acadou a cifra de 1.488.509 emigrantes. Para dar unha idea da enorme
"enxurrada", tal como a denomina algún autor, podemos citar que no ano 1912
saíron de Galicia 203.542 emigrantes, seguindo de 1913 con 165.010 e 1920 con
163.465. O feito de que ata 1910 non existan estatísticas fiables fai que todas
estas cifras poidan ter importantes lagoas, dado que ningún autor foi quen de
determinar a contía das persoas que emigraron clandestinamente.
A partir de 1930 comeza unha forte crise migratoria que durará ata 1946/47,
orixinada por:
A crise
económica de 1929 que deixou a moitos países americanos nunha situación
precaria.
A guerra
civil española, co seu peche de fronteiras.
A segunda
guerra mundial, que facía moi difícil a travesía do Atlántico, entre outras
causas porque as principais compañías navieiras pertencían a países
participantes no conflicto bélico. Neste período só se contabilizan 62.036
emigrados, moitos deles por razóns políticas.
Co fin da segunda guerra mundial e a apertura de fronteiras, comeza un novo
período migratorio que durará ata 1970; período que ten un forte repunte dende o
seu inicio ata 1960 e durante o cal emigraron 286.437 persoas. A partir do ano
60 ata principios do 70 comeza un declive que será xa definitivo e marcará o fin
deste éxodo americano. Nesta etapa só se contabilizan 97.085 emigrantes.
Se facemos unha aproximación ó total, atopamos que desde 1810 ata 1970
terían saído de Galicia 2.146.982 galegos/gas, cifra que segundo algúns
autores facilmente se vería incrementada se se puidera cuantificar o valor real
do fenómeno "clandestino".

Centro galego de Bos Aires. Foi centro cultural e deu protección a
moitísimos galegos na Arxentina. Durante a dictadura de Franco foi o centro onde
se refuxiaron as figuras máis representativas do galeguismo.
Todo o anteriormente exposto lévanos a determinar qué consecuencias tivo para
Galicia a emigración. Facer unha exposición pormenorizada sería tarefa moi
difícil, pero si podemos realizar unha aproximación ós aspectos máis xerais
facendo un resume polarizado en dous aspectos: a cara e a cruz.
A Cara
Contribuiu dun xeito fundamental á redención dos foros.
Melloráronse as economías de moitas familias, pois entraron importantes remesas
de cartos que favoreceron a adquisición de terreos e a implantación de
negocios.
Fixo
posible o cambio e a introducción de novas formas de cultivo.
Melloráronse as infraestructuras viarias de Galica, sobre todo as portuarias,
sendo os portos da Coruña e Vigo os máis beneficiados.
Favoreceu
o crecemento da banca coa instalación de corresponsalías en moitas vilas.
Foi
factor determinante no movemento agrarista galego. Moitos dos seus líderes
estiveron na emigración ou as súas campañas eran sustentadas con fondos
aportados polos emigrantes.
No seo
das sociedades galegas en América mantívose viva a chama do galeguismo, cando
aquí non era posible a súa manifestación pública.
Impulsaron a cultura e o ensino en Galicia coa construcción de escolas, creación
de asociacións culturais, publicación de periódicos,etc.
Favoreceu, en xeral, un cambio de mentalidade na xente.
A cruz
Propiciou
a perda das persoas máis cualificadas para o traballo.
Deu lugar
a un descenso da poboación, non só polos que marcharon, senón polos fillos que
deixaron de nacer.
Socialmente foi unha lacra que deu lugar á separación de pais e fillos,
matrimonios, etc. Así, escoitáronse frases como "fillos sen pai", "terra sen
homes" ou "viúvas de vivos".
A xeito de resume final pódese dicir que a emigración só fixo ricos a uns
poucos. A grande maioría conformouse con "facer uns cartiños" que lle serviron
para solucionar os problemas primordiais e un número considerable nunca voltou
e, se o fixo, foi fracasado.
Sen embargo é de salientar que os galegos, ó longo da súa estadía na diáspora,
mantiveron viva a lembranza da súa terra, a súa cultura e as súas tradicións,
así como a arela do regreso. Fe disto dánolo a enorme cantidade de centros,
asociacións, fundacións,etc. que os nosos paisanos fundaron ó longo da xeografía
americana. Só na cidade de Bos Aires, onde residían máis de 600.000 galegos aló
polo 1930 había arredor de trescentos centros ou sociedades galegas. As mostras
máis xenuinas deles foron os prestixiosos Centros Galegos de A Habana e de Bos
aires, fundados ámbolos dous no século XIX.
Oxalá a historia non se repita, sería un bo sinal.
AUTOR: ANDRÉ SOLLA
Fonte :(Asoc. Cultural Cedofeita da parroquia pontevedresa de Lérez
