|
Eladio Rodríguez González
Dedicado o Día das Letras Galegas en 2001
Eladio
Rodríguez Gónzalez:
O cantor da Galicia campesiña
A paisaxe rural e a súa xente inspiraron a maior parte dos versos do
xornalista e poeta Eladio Rodríguez (1864-1949)
Eladio Rodríguez González naceu no lugar da Ponte, parroquia de
Santa María de San Clodio, concello de Leiro (Ourense) o 24 de xullo
de 1864, ás 12 horas (non o 27 de xullo, que foi o día en que se
bautizou), e morreu na cidade da Coruña, rúa de Santo André, número
170, 4º, o 14 de abril de 1949.
Na partida de defunción de don Eladio inscrita no Rexistro Civil da
Coruña dise que estaba casado con Xosefa Yordi, e cítanse seis
fillos do matrimonio na seguinte orde: Eladio, Adela, Xulio, Arturo,
María e Mercé. E na
partida de bautismo ("Libro de bautizados 1853-1872'', folio 79),
don Eladio aparece inscrito como fillo natural (é dicir, ilexítimo,
o que significa que os pais non estaban casados) de Camilo Rodríguez
López, natural da parroquia de San Lourenzo da Pena, concello de
Cenlle (Ourense) e de Agostiña González González, de San Clodio, os
dous de familias de labradores.
A nai de don Eladio, segundo o "Libro IV de casados (1853-1872)'',
folio 19 de San Clodio, casou cun primo, Anxo Diéguez González, o 17
de febreiro de 1868. Cando casou estaba solteira, e Anxo tamén. Polo
que nunca debeu de casar con Camilo (o que figura como pai de don
Eladio), de que sabemos que naceu o 11 de decembro de 1837, segundo
a súa partida de bautismo no "Libro III de bautizados (1805-1848)'',
folio 68 da parroquia de San Lourenzo da Pena.
O lugar da Ponte, onde naceu don Eladio, toma o seu nome da fermosa
e vella ponte de pedra de San Clodio, sobre o río Avia. A carón
dela, río arriba, na súa marxe esquerda e ó redor dunha orixinal
capela dedicada a santo Antonio, están as casas. A de don Eladio, a
uns cincuenta metros da Ponte e a uns trinta da capela.
Da casa de don Eladio só queda unha pilastra de pedra que sostiña o
corredor, que era de madeira pintada de cor marrón, como o da actual
casa que queda ó lado dereito, entre as que subía a chupe un camiño
que chamaban calexa da Tía Ventura. Na casa natal do poeta seica
viviu moito tempo unha cuñada súa chamada dona Margarida, que
despois se foi para Bieite. E a casa tocoulles a uns parentes que
tiña don Eladio en Leiro, coñecidos como os da casa do Garrafón, que
polos anos cincuenta venderon a pedra da casa, que entón foi
desfeita. Cando don Eladio viña a San Clodio desde a Coruña non
paraba na súa casa, senón no bar Crego, en Leiro, que tiña fonda, e
queda a medio quilómetro da Ponte, río arriba, na marxe oposta. Viña
tódolos anos e dáballes banquetes ós seus amigos no Salgueiral, ó pé
do río Avia.
Don Eladio, como escribe o seu neto Arturo Rodríguez Hervada na
introducción á Antoloxía poética que fixo dos poemas de seu avó
(Ediciós do Castro, 1997), foi un autodidacta. De neno asistiu á
escola en San Clodio (que tiña a sede nunha das dependencias do
mosteiro) e na Coruña, a onde o mandou a nai ós sete anos para xunto
dun irmán dela, Matías González, que tiña un negocio alí. E volto a
San Clodio, deu clases no mosteiro. Pero ós 24 anos marchou
definitivamente para A Coruña.
Unha das anécdotas máis conmovedoras sobre don Eladio, recollida en
San Clodio o pasado 11 de febreiro, domingo, mentres esperabámo-lo
comezo da misa na grandiosa igrexa do mosteiro, foi a que nos contou
Benito Díaz, de 76 anos, a quen lla contaba seu avó e que
reproducimos fielmente: "Era de que... el (don Eladio) viña moito
aquí ás clases ó convento, e o pobre non tiña calzado. Bueno,
daquela andaban moitos descalzos. Si. E facía frío, e era cedo aínda
para entrar ás clases, e sentouse naqueles soportais que hai alí,
debaixo das solainas. E como tiña frío, colleu a gorra que levaba
posta na cabeza e puxo os pés dentro dela. Entón díxolle meu avó,
que pasaba por alí: "Eladio, carai, e pó-la gorra nos pés, ¿e
logo...?'' "Teño frío nos pés, a ver se me quecen''.
Á luz desta anécdota, confírmase que don Eladio pensaba en si mesmo
cando no poema O santo tempro, que é o campo, de Oraciós campesiñas,
inclúe estes dous versos: "Un
fato de pequechos descalciños / que á escola se encamiñan''. E
vese ben por qué cantou con emoción a pobreza, nun poema titulado
Probeza..., incluído tamén no dito libro, coa que fala así:
"Compañeira dos homildes, /
¡probeza, santa probeza, / que andas de cote ó meu lado! / Ti i eu
ben nos conocemos. / ¡Estamos tan irmandados!... (...) Miña doce
compañeira / de tantos anos... / Cando eu morra, / ti seguirás
camiñando, / pra
agarimar os homildes / no teu colo soave e brando''.
Hoxe, nunha das boas casas de pedra que teñen soportais (e sobre
eles fermosas solainas), nos que se abrigaba o rapaz Eladio, onda o
mosteiro de San Clodio, hai dúas placas que din: Praza de Eladio
Rodríguez e En homenaxe de D. Eladio Rodríguez González, no
quinquaxésimo aniversario do seu pasamento. San Clodio-Leiro. Nadal
1999.
Do emotivo e documentado Prólogo de Otero Pedraio ó Diccionario
enciclopédico gallego-castellano de don Eladio (tomo I, 1958)
proceden os datos de que este foi nomeado funcionario do Concello da
Coruña o 20 de agosto de 1888, onde exerceu o cargo de escribente,
oficial de secretaría e oficial maior, ata o 26 de agosto de 1937,
ano da súa xubilación.
Na Coruña, don Eladio axiña se relacionou cos intelectuais
rexionalistas da chamada Cova Céltica, que se xuntaban na Librería
Regional de Uxío Carré Aldao (antes, propiedade de Andrés Martínez
Salazar), entre os que estaban Manuel Murguía, Martínez Salazar,
Pérez Ballesteros, Galo Salinas, Lugrís Freire, etc.
Segundo Otero Pedrayo, don Eladio foi cofundador en 1904 da
Asociación da Prensa da Coruña, da que sería presidente, membro
fundador da Irmandade da Fala da Coruña, en 1916, e cofundador e
presidente do coro coruñés Cántigas da Terra, que comezou as súas
actuacións en 1917.
Pertenceu don Eladio ó grupo de académicos fundadores da Real
Academia Galega, o 4 de setembro de 1905 (na que ocupou a cadeira
28), da que sería o seu cuarto secretario (despois de Uxío Carré
Aldao, Salvador Golpe Varela, e Uxío Carré Aldao, por segunda vez),
desde o 27 de xaneiro de 1920 ata o 20 de novembro de 1926, e tamén
o seu cuarto presidente (despois de Manuel Murguía, Andrés Martínez
Salazar e Francisco Ponte Blanco), desde o 20 de novembro de 1926
ata o 4 de marzo de 1934, en que renunciou por motivos de saúde.
Don Eladio era un home de moitos dons, e moi admirado e querido por
todos. Xosefa González (unha muller rufa e moi amable, de 83 anos,
que vive en San Clodio, na Petada, rúa que foi antiga calzada
romana, preto do mosteiro, quen estivo servindo, cando tiña 15 anos,
na casa do fillo máis vello de don Eladio, chamado tamén Eladio, que
traballaba no banco de Bilbao en Vigo, na rúa García Barbón, e que
estaba casado e tiña dous fillos, un neno mais unha nena) desfaise
en loanzas de don Eladio, do que nos dixo que era guapo e
encantador, e que lles contaba contos ós netos. Tamén nos dixo que
era un home moi relixioso, a quen nunca se lle oía dicir unha
palabra fea. E Otero Pedrayo, no seu “O libro dos amigos” (Ediciones
del Centro Gallego de Buenos Aires, 1953, pp. 85-87) describe así a
don Eladio: "Rexo, forte,
pequeneiro, valente, dreito e franco enxergar, faciana de grave
legría (...). Rexo petrucio de caste boa, forte, intelixente, non
tiña vergonza da orballeira das bágoas''.
No devandito libro, referíndose a don Eladio, escribe Otero Pedrayo:
"Na Cruña fíxose cidadán por dous camiños: o xornalismo e a
Poesía''. Como xornalista traballou en dous xornais coruñeses, La
Mañana. Diario Político e El Noroeste. Do primeiro chegou a ser
director, e do segundo foi redactor xefe moitos anos. A información
referente a El Noroeste dánola o Padre franciscano Samuel Eiján
(tamén nacido en San Clodio e alumno de don Eladio), na súa Historia
de Ribadavia y sus alrededores (Madrid, 1920, p. 622). En El
Noroeste don Eladio dirixiu o suplemento Nós. Páxinas gallegas do
diario da Cruña El Noroeste (setembro de 1918-marzo de 1919),
antecedente de Nós. Boletín Mensual da Cultura Galega (1920-1936),
da xeración Nós. E como poeta, don Eladio publicou tres libros:
“Folerpas”, Andrés Martínez Salazar, editor, Biblioteca Gallega, 35,
A Coruña, 1894; “Raza e Terra”, Editorial Céltiga, Ferrol, 1922, e
Oraciós campesiñas” , Litografía e Imprenta Roel, A Coruña, sen ano
(1927).
Pero xa desde moi novo escribía poemas en galego, que publicou no
semanarios O Tío Marcos da Portela (Ourense), A Monteira (Lugo), e
nas revistas mensuais Galicia (A Coruña) e A Gaita Gallega (A
Habana). Con poemas de xunventude e posteriores acadou premios en
certames literarios e festas da lingua galega en Pontevedra (1886),
Betanzos (1886 e 1887), Tui (1891), Lugo (1915), Santiago (1916),
Lugo (1918) e Santiago (1924). E ó longo da súa vida publicou poemas
e artigos en Revista Gallega (A Coruña), A Nosa Terra (A Coruña), El
Eco de Galicia (A Habana), Suevia (Bos Aires), Galicia (Montevideo),
Boletín da Real Academia Galega, etc.
O DICCIONARIO
A obra de máis gloria de don Eladio é o seu xa citado Diccionario
enciclopédico gallego-castellano, que editou Galaxia en tres tomos
(1958, 1960, 1961), custeado pola Casa de Galicia de Caracas, do que
a devandita editorial fixo unha luxosa edición facsímile en 1980.
Deste Diccionario di o prologuista Otero Pedrayo: "Con respeto e
amor de fillo, de monxe, foi compoñendo don Eladio Rodríguez
González iste momento. (...) a obra riba da cal a súa memoria medra
e chega ós termos de unha inmorrente sona. (...) Empezou de neno, e
rematou co derradeiro alento. (...) unha das meirandes obras das
letras e do saber galegos'' (pp. 11-12). O Diccionario entregoullo a
Galaxia Xulio Rodríguez Yordi, fillo de don Eladio, escritor en
castelán. En 1973 a Editorial Moret da Coruña publicou o seu fermoso
poemario póstumo Danzas, con Glosa preliminar de Sebastián Risco e
ilustracións de Díaz Pardo.
Don Eladio é autor dalgunhas obras en castelán: Unha Memoria,
publicada en 1899, da Comisión Provincial da Cruz Vermella da
Coruña; Un Catálogo, publicado en 1901, da biblioteca da Reunión
Recreativa e Instructiva de Artesanos da Coruña, da que foi
bibliotecario, e unha Guía de Galicia para el turista (A Coruña,
1917), feita por encarga da Asociación de Hoteleros y Fondistas de
Galicia, obra citada polo Padre Samuel Eiján na súa Historia de
Ribadavia y sus alrededores.
Tamén escribiu en castelán, en colaboración con Alfredo de la
Fuente, algún apropósito teatral, como El gachó del cisne, editado
pola Reunión de Artesanos en 1898.
INSPIRACIÓN CAMPESTRE
A poesía de don Eladio ten como tema principal a vida dos campesiños
e a paisaxe campestre, presentadas co realismo de quen as coñece
porque as viviu, non falseadas por unha visión desde fóra, como
ocorre na literatura doutros escritores galegos. Don Eladio coñece o
mérito e os valores da xente da que procede. Sabe dos seus traballos
e dos seus padecementos. Pero tamén sabe como viven gozosos, coa
terra no corazón porque a queren, e que a paisaxe galega, maiormente
a do Ribeiro, está chea de encanto e fermosura.
E como o poeta considera santo o traballo dos campesiños e a
natureza o templo de Deus, para cantalos dignamente quixera que os
seus versos se trocasen "en
oraciós sinxelamente rudas, / en oraciós dos campos / que os
fouciños pronuncian / i os mallos cantan diante o altar das eiras /
como unha doce e mística canturria''
Oraciós campesiñas
A santidade da vida dos campesiños e da paisaxe está presente na
maioría dos poemas do gran libro de don Eladio Oraciós campesiñas: "Sai
polos tellados en xirós o fume / como unha solemne campesiña
ofrenda'' (Fume); "A lareira / parece mesmo un altar'' (A cántiga da
fame);os campesiños "asomellan os apóstolos / da relixión do
traballo'' (Canción trunfal); nas aldeas, "os currunchos son tempros
/ de relixiós vellas / e misterios sagros'', e a terra é "a
Nai-Terra'' (Misticismo); "síntese
nos eidos a oración das sombras, / a oración nouturna / que a campía
reza'' (Luaradas); as paisaxes de Galicia son "altares que gardan /
os santos amores das almas galegas'' (Paisaxes); "Arde / no altar da cociña o lume / morneiro que quenta os lares''
(Lusco e fusco); "o campo i a
montana / cantan as oraciós da recolleita'' (Vrau); "Todo son
oraciós, todo son rezos / na maxestá das campías. / O campo é o
tempro máis sagro / da humana familia: / ¡o santo tempro donde /
están tódalas nosas regalías!'' (O santo tempro); ningunha coma
a raza galega "fai relixión do
traballo en silencio; / ningunha coma ela conserva o recordo / dos
natales eidos'' (Alma da raza); os
campesiños "asomellan / os
evanxelistas / dunha nova secta / que troca o traballo / nun culto.
I a terra, / trunfante e groriosa, / queda satisfeita / coa
maternidade, / que é donde se encerran / tódolos misterios / da súa
grandeza'', por iso o poeta invoca así a terra:
"¡Nai agarimosa! / ¡Santa nai ubérrima, / que a ricos i a probes /
lle dás acolleita!'' (A terra trunfante); "eu
quero máis o traballo / sinxelo e homilde / dos nosos campos, /
porque nel vexo tanto de litúrxico / e de santo, / que me parece que
un rezo / se escorrega mansiño polos agros / coma unha oración chea
/ de místicos engados'' (A oración santa).
O galego que emprega don Eladio na súa obra literaria é moi rico,
como era de esperar de quen o andou recollendo toda a vida, e é unha
invitación a usa-lo galego normativo, ó que practicamente é igual, a
pesar de iren alá xa moitos anos.
|