Día das Letras Galegas 2003 - Antón Avilés de Taramancos
Escolma de poemas
ANTÓN DE NOIA
Sangue de Noia, esperta ó heroísmo
n’un corpo cugulado de soidades.
Na longa lonxanía d’outras illas,
seu corazón, irmán de Magalhaes,
foi leda volvoreta d’unhas horas
a queimarse na luz de novos mares.
Non voltou máis ós eidos da necenza
—arcebispo, castelos meioevales—.
e nas terras do Alén, cravada a frecha
no peito valeroso, a latexare
por Noia, por Galiza, por San-Iago,
é hoxe «Capitán de Mareantes».
(Poema escrito ós 16 anos, que recibiu mención honorífica no concurso organizado polo Casino de Noia.)
* * *
Forza de muiñeira, pulo espido
de aturuxo druída e misterioso.
Lixeiros pés no ar, no redobrante.
Lixeiras mans enfeitizando a vida.
Fiandeira do vento, viño roxo
ceibado polas veas a brincar,
desexo de esgaza-la forma mesma
nun berro aqueloutrado, fondo inxel.
Ouh, temperá seitura milagreira,
belida moza debullando o gran.
Salvaxe rito, atafegado lume,
alporizado vento, e bailador.
De «As moradías do vento» (1955)
* * *
Vives no suave corazón da choiva,
desta salvaxe noiva que me apreta
na quentura das eiras amorosa.
A morriña das arbres no teu corpo
de delgados sorrisos,
no teu acordeón ferindo o vento.
Este ouriol senlleiro do teu froito,
de esmorecidas corredoiras lenes
durmindo no verdor en que foi nado.
Meu levián paxaro, compañeiro
das fiestras da tarde, das fiestras
de tódolos paxaros apagados.
Pola melancolía dos fieitos
escorre o teu cristal, e levo longas
verbas de choiva amiga polas albres.
De «A frauta i-o garamelo» (1959)
* * *
PRIMEIRO AMOR, PRIMEIRA MORTE
Todo canto eu amei perdéuseme contigo:
a luz clara e vibrante da miña xuventude,
os bosques entrañables perfeitos de quietude
onde o vento vivía con un lecer antigo.
Entón era o silencio o meu mellor amigo,
era eu namorado de todo canto vía
vivir era unha leda, fermosa moradía
onde o mencer entraba recendendo a pantrigo.
De súpeto viñeches con esa lonxanía,
caraveliño feble en terra ventureira
e eu abrín outra nova fiestra para o día.
E todo canto amei foi unha lumieira,
foi a fouce tan íntima que de cote se afía
para ceifar dun pulo brutal a primaveira.
De «Poemas a Fina Barrios. Pequeno Canto» (1960), recollido en «O tempo no espello» (1982)
* * *
Hoxe amiga quero soñarte núa,
núa coma un cristal na escuridade.
É primavera en Noia, e a noite
será unha longa mina de diamantes.
Ando lonxe e senlleiro triste e lonxe,
como unha besta acoitelada brúo
e arrepíanse os Andes ó meu paso.
Camponesa de Cáqueza, ferida
quixera verte hoxe nos meus brazos
eivada como un anxo en rebeldía,
entón sería o meu amor a furna
da túa fronte aterecida e pálida.
E sería o meu nome a túa patria.
É primavera en Noia e ando lonxe
ermo na miña dor diante da noite:
montañesa dos Andes con que gozo
apreto a túa man estraña e única.
De «Os poemas da ausencia» (1963/1978), recollido en «O tempo no espello» (1982)
* * *
PRANTO POR URBANO LUGRÍS
Estou agora, Urbano, mordendo unha flor negra no medio da vida
cunha sede abismal de beber tódalas cráteres do mundo
de onde vai saír a túa voz de capitán antigo
bruando coma un temporal oceánico, ou acaso o balbordo
das caballeiras silúricas onde zunía-lo teu corno de ouro.
Estou inerme debaixo da besta apocalíptica
torcéndolle os testículos: son o profeta enfurecido
que non pode entende-la túa morte, a túa morte, a túa morte.
¿Quen vai coidar agora dos soños na fronteira da Patria?
Ouh guardián terrible, Argonauta, vello titiriteiro conmovido.
Esta noite zugo o viño máis acedo. Esta noite cavo leguas
profundas de memoria pra camiñar contigo novamente,
agardo vixiante nas illas máis remotas a túa fragata,
a túa nave inconsútil.
Asisto cun ferro atravesado nas virillas
ó enterro da miña mocedade. E escoito
a treboada universal cando derruban a pirámide
e os cabalos das batallas pisan aqueloutrados
o noso tempo
onde a túa grande man de mariñeiro crepuscular
prendía os astros.
Asoballado por única vez, cun lobo famento nas arterias,
atravesas un país xiado
e cantas con voz rouca nos subterráneos boreais o teu amor
e un milleiro de defuntos apodrecidos pola ira
cóbrense entón de rosas e lembran o fulgor da súa terra.
Se non fora tan lonxe, ¡con que ardentía de compañeiro de catástrofe
tiña de calafatea-los teus ósos, coutando con barro elemental
esa longa ferida
que un deus sen pálpebras furou na túa illarga!
Era-la derradeira esperanza do mundo, Pastor de naves,
cun corazón multicolor de tirreme fenicia
amába-la rota fundamental dos exploradores celestes
e intimamente andabas
polos tellados vestido de astronauta galego.
¡Meu amigo sobrenatural!
Hoxe desexo, tanto coma Ulises, atopar unha barca que me leve
ás costas de Galicia. Son prisioneiro dunha forza estraña.
Navegamos a cegas por ríos diferentes
e o noso canto retumba nas confíns da saudade,
os dous loitamos con yatagáns de aceiro contra o tempo,
o teu xa tan precioso, o meu aínda vago, fuxidío
que me acoitela en tódolos recantos.
¡E esa dor de non verte, meu amigo!
De «Os poemas da ausencia» (1963/1978), recollido en «O tempo no espello» (1982)
* * *
Miña Patria:
Eu son o teu soldado máis forte.
A túa lingua é a miña espada
e cando debullo unha canción,
cando florece unha palabra,
canta en min o labrego cavador,
o emigrante e poeta,
o mariñeiro,
o home que amasa o pan e moxe o leite.
¡Non son un home: son un pobo,
e ninguén me pode domear!
De «Nova crónica de Ulises» (1978/81), recollido en «O tempo no espello» (1982).
* * *
CHACHAHUÍ
Ter unha casa en Chachahuí sobre do cume
do Cúndur-Cúndur que os incas bautizaron
polas grandes aves míticas. Ter unha casa en Chachahuí
e ver no fondo do precipício o Putumaio
brincar como un regueiro pequeniño.
Ter unha casa en Chachahuí
e escoitar á noitiña o zunido dos vagalumes,
dos cocuios, o canto do turpial
e o míar estremecedor do puma negro.
Ter unha casa en Chachahuí,
esquecerse do tempo, estar ao pé dun deus antigo
amigo do sol.
Ter unha casa en Chachahuí.
Abaixo, no camiño de Ipiales, na estrada do Ecuador,
brillan as flores ventureiras.
Pero as estrelas son máis grandes.
Ter unha casa en Chachahuí.
De «Cantos caucanos» (1985)
* * *
ADVERTENCIA: Esta escolma foi realizada por Manrique Fernández co gallo da celebración do Día das Letras Galegas 2003 para ser publicada no xornal "A peneira" de Ponteareas ( http://www.apeneira.com ) na edición da segunda quincena do mes de maio de 2003.
Para comunicarse con Manrique Fernández, enviar suxerencias ou comentarios podedes facelo a: manrifer@arrakis.es
Ir a: Día das letras galegas 2003: Antón Avilés de Taramancos
