|
Parte 1
Día das Letras Galegas 2003 - Antón Avilés de Taramancos
O Ulises que partiu de Taramancos
Manrique
Fernández
(publicado no xornal "A
PENEIRA"
de Ponteareas na edición da segunda quincena de maio de 2003)
Parte 2 >>
Antón Avilés de Taramancos é o protagonista deste ano do Día das Letras Galegas.
Aínda que tamén escribiu unha presa de relatos, artigos, ensaios e ata fixo
algunha incursión no teatro, Avilés de Taramancos é, sobre todo e ante todo, un
poeta. Un enorme poeta, dono da palabra, do sentimento e da beleza; amante da
súa terra e da súa lingua, da vida e da liberdade; de verso firme, épico e
transparente. O seu amigo, Miguel Anxo Fernán-Vello, tenta definilo coma
«poeta de poderosa e intensa voz, Ulises de puras e entrecruzadas nostalxias,
comprometido coa memoria irrenunciable das palabras da tribo». A referencia
ó Ulises non é gratuita. Avilés sofriu dúas longas décadas de exilio en
Colombia, vinte anos que o distanciaron dos lectores galegos. Ese exilio fíxoo
identificarse plenamente coa figura do heroe grego protagonista da Odisea que,
tras dunha longa viaxe, retorna á súa Ítaca natal. Avilés transfórmase nun
peculiar Ulises que fala galego e que devece por voltar a ría de Noia da que
partira acosado polo franquismo. Cando, por fin, acadou esa meta, voltou á casa
para recuperar o posto de figura senlleira da nosa literatura. O seu lirismo e a
súa constante procura dunha estética propia situárono nunha posición sobranceira
dentro da poesía galega. Por isa cualidade literaria, polo esquecemento sofrido
polo seu traballo e por tantas outras cousas, é necesaria unha revisión profunda
da figura de Avilés de Taramancos e a recuperación do seu inesquecible traballo.
A oportunidade está servida.

O seu auténtico nome era o de Xosé Antón Avilés Vinagre e naceu o 6 de abril de
1935 na aldea de Taramancos, parroquia de Boa, a tres quilómetros da vila
coruñesa de Noia. Dende practicamente os seus inicios literarios quixo deixar
constancia da súa orixe adoptando como «pseudónimo artístico» o nome de
Avilés de Taramancos, en resposta a unha idea inicial proposta por Uxío
Novoneyra, a quen coñecerá na Coruña nos anos 50. Novoneyra propúxolles a Avilés
e a Manuel María, poetas amigos, asinar os seus traballos engadindo o lugar de
procedencia en homenaxe ós trobadores e xograres galegos dos tempos medievais.
Só Avilés «de Taramancos» permanecerá fiel a esa idea durante toda a súa vida.
Naquel bico entre o mar e a terra que é Noia, viría ó mundo, como diciamos, Xosé
Antón, o segundo dos cinco fillos (a súa irmá maior, Xosefa, falecería ós poucos
meses do nacemento de Antón, con só dous anos e medio) de Severiano Avilés
Outes, mariñeiro, e Manuela Vinagre Fuentes
(Lela de Pastora), adicada ás tarefas da terra e da casa. A constante
ausencia do seu pai, permanentemente embarcado, e o feito de que tra-la Guerra
Civil se vise forzado a exiliarse en varios países por mor da persecución
franquista, provocaron que as figuras da súa nai e da súa avoa,
Pepa de Pastora, verdadeiros tótems da súa infancia e xuventude, se
convertisen en pilares esenciais para construir os alicerces da vida deste neno.
Proba desta afirmacións son as continuas alusións que fará a estas dúas mulleres
ó longo dos seus escritos.

Praia do Testal, na aldea de Taramancos, Noia
O neno Avilés comezou os seus estudios na escola de Boa e preparou o bacharelato
no Colexio Andrés Manjón, de Noia. Nesta vila non había instituto, polo que os
exames oficiais debía realizalos no Instituto Xelmírez, de Santiago de
Compostela.
Dende moi novo inicia o seu particular romance coa poesía e o seu compromiso coa
lingua. Con 15 anos xa enviara unha primeira colaboración á revista
Tapal,
de Noia, un pequeno poema sen título, escrito en galego, no que xa amosa unha
profunda admiración pola terra, ó que seguirán en números posteriores novos
poemas, animado por Manuel Fabeiro, director da revista e auténtico mentor de
Avilés nestas datas. Tamén participa no suplemento adicado a Rianxo da revista
Sonata Gallega cunha «Ofrenda a Manuel Antonio. Poema da nai soia».
Con 16 anos recibe unha mención honorífica no certame literario convocado polo
Circo de Recreación de Noia (o popular «Casino»), co gallo do seu centenario.
Obtivo ese premio polos poemas titulados «Antón de Noia» e «Cadarso», adicados a
dous persoeiros locais, mariñeiros mortos traxicamente nos séculos XVI e XIX. Na
entrega de premios, o neno Avilés lería os seus textos perante a impoñente
figura de Otero Pedrayo, invitado ó acto, e co que o poeta noiés entablaría
certa amizade avivada anos despois, na Coruña. Nesta época participa tamén en
diversas tertulias dos nacionalistas republicanos.
Xa daquela se expresaba en galego, pero, desmitificador da súa persoa, en certa
ocasión, nunha entrevista concedida á xornalista Margarida Ledo, dicía:
«Escribín en galego porque tiña un problema de linguaxe que non podía resolver
en castelán: falaba do meu contorno aldeano e os nomes dos paxaros, das árbores,
das cousas, non os sabía en castelán. E tiven que romper escribindo en galego.
Non era algo consciente, de nacionalismo ou de defensa da lingua, senón que o
idioma era unha ferramenta de traballo e non podía utilizar outra, porque non
sabía como se dicía xiriño en castelán, ou freixo, ou tantos outros».
Nembargantes, e coma contrapunto a esta afirmación, a súa paixón visceral pola
língua galega reflíctese en tódolos seus escritos de forma permanente. A súa
defensa do galego é un berro de loita e de unidade do pobo, unha reivindicación
de tintes seculares. Como exemplo, un fragmento do artigo escrito co gallo do
centenario de Rosalía de Castro, en 1985:
«A lingua ten de por sí unha forza liberadora. A nosa nación, ensumida,
aldraxada e distorsionada por forzas exteriores que impuñeran a súa lei polas
armas e por unha conducta represiva constante perante séculos, non tivo razón de
sí mesma até que a lingua se sobrepuxo e foi a canle liberadora, a semente
renacida do noso sentir, a forza que lle deu forma aos ideais dunha patria ceibe
e soberana. A lingua foi ese río vivo que vén soterrado e de súpeto fura a códia
da terra para brincar ledamente de balado en balado, de val en val, até facerse
navegável, amplo, universal. Aquel idioma que dera, nos comezos do que se chama
Europa, o campo de luz máis brillante e fermoso de toda a historia universal da
poesía, non podía morrer atafegado pola man escura da pauliña estepária, e
chegou un momento no que se saiu de madre e refloreceu. O seu rexurdir foi un
berro de liberdade. Aqueles que decote viñan escrebendo nunha lingua emprestada,
cando instintivamente o fixeron na própria decataron-se que a lingua
superába-os. Lembrade senón a Brañas, que escrebía no castelán retórico e
melífluo da súa época, aínda que espoñera ideas avanzadas, e cando escrebeu o
seu hino galego saiu da súa voz un canto de loita, de indepéndencia, de
soberanía nacional: ‘Ergue Galiza, érguete e anda / coma en Irlanda, coma en
Irlanda...’»
Tra-la etapa inicial noiesa, a vida de Avilés de Taramancos emprende un xiro
espectacular. O mozo da aldea marcha ó rebumbio da cidade no que tropeza co que
o xornalista Manuel Forcadela definía, nunha entrevista ó poeta noiés realizada
en 1990, coma «os restos do grande
naufraxio nacionalista da Segunda República». Intelectuais e artistas, xente
da política que vivía a salto de mata, agochada do franquismo represor de
calquera ideario descentralizador.
O motivo, a «excusa» deste cambio, foi o de facer os estudios de Náutica. Por
iso vivíu na Coruña entre 1953 e 1959. Parece ser que non estaba demasiado
interesado na carreira, que era máis ben un imperativo do seu pai.
«Eu fora á Coruña para estudiar Náutica pero descubrín que o meu amor ao mar era
máis ben distante, de velo pero non de sufrilo, era un amor de paisaxe pero non
de vivencia total. Eu xa tiña decidido ser unicamente poeta», confesaría na
devandita entrevista con Manuel Forcadela, na que tamén aclaraba que «cando
colles o oficio de poeta como unha reserva íntima, podes desempeñar tódolos
oficios na vida pero do que estás seguro sempre é de que a túa verdadeira
vocación é a poesía. E esa é unha reserva que eu teño aínda que despois traballe
do que sexa». Non é que non rematase a carreira, é que, na práctica, a penas
chegou a iniciala. Só se matriculou o primeiro ano e asistíu a algunhas clases
esporádicas, máis coma oínte ocasional que coma verdadeiro estudiante.
Na Coruña entra en contacto cunha morea de persoas de entre as que destaca con
luz propia o tamén poeta e pintor Urbano Lugrís, o seu auténtico facho guíeiro
pola cidade, a intelectualidade e a bohemia coruñesas.
«Era o meu compañeiro daquel tempo. Un poeta e pintor moi extraño, unha especie
de extraterrestre pero cunha sabedoría infinita que me aportou uns coñecementos
que doutro xeito non tería conseguido nunca –afirma Avilés, novamente, na
entrevista de Forcadela.– Era un home que
recitaba a Rilke en alemán, a Shakespeare en inglés ou a Rimbaud en francés; que
o sabía todo sobre a Xeración do 27 española porque vivira con eles na
Residencia de Estudiantes en Madrid. Había moito no fondo de Urbano Lugrís que
se me contaxiou a min para rematar tendo unha fiestra aberta á concepción da
poesía como universal. E dalgún xeito esa marca lévoa sempre».
Ademais dunha total apertura ó mundo que se abría ós seus pés, da súa amizade
con Lugrís e con outros pintores, e da súa propia afeción ó debuxo, xurde unha
peculiar comuñón entre as artes plástica e lírica na obra de Taramancos.
«Con Urbano Lugrís adquirín tamén un acercamento á pintura e aos pintores mesmo
que nunca abandonei. O certo é que sempre tuven máis amigos pintores que
escritores. E gardo unha comunicación aberta entre a pintura e a poesía»,
recoñecía nun texto escrito para o catálogo dunha mostra adicada ó seu amigo.
Foi unha época de aprendizaxe, bohemia e desordeada, caótica e vitalista, na que
compaxinou numerosas e dispares tarefas cun traballo intenso pola recuperación
do galego. Con Lugrís achegouse tamén a outros persoeiros da esquerda
nacionalista e da cultura como Uxío Carré, Mariano Tudela, Manuel María, Uxío
Novoneyra, Iglesias Alvariño, Álvaro Cunqueiro, Henrique Iglesias, Alfonso
Abelenda, os irmáns Vilar Chao, Xohán Casal, Reimundo Patiño, Carré Alvarellos,
Eduardo Martínez, Álvarez Torneiro, etcétera. Participou no colectivo
«Grupo Amanecer»,
activistas intelectuais organizadores de numerosos actos como aquelas míticas
cerimonias florais nas que os autores, levando flores brancas na man, percorrían
as rúas da cidade toda a noite lendo os seus versos ata a chegada do día.
Boa parte dos seus novos amigos superaban con folgura a idade do poeta noiés;
Avilés rodeouse da experiencia para aprender dela e abofé que foi unha boa
táctica, tal e como demostraría o paso do tempo. O rapaz da aldea involucrábase
día a día nun entorno intelectual e urbano que o iría achegando a novas cotas de
coñecemento. E de compromiso galeguista. En 1954 selaría, xunto cos seus amigos
Xohán Casal, Reimundo Patiño, Henrique Iglesias e Eduardo Martínez, o que deron
en chamar «Xuramento de Laracha», que o propio autor lembra desta maneira:
«Naquela noite de 1954 veláramos as armas e fixéramos do lume e dos montes
pondalianos a testemuña da nosa adicación até a morte, folgo a folgo, por unha
Galiza ceibe e popular».
Neses anos, ademais de participar en numerosas actividades, dar conferencias e
converterse en auténtico animador cultural da cidade, foron aparecendo moitos
poemas soltos (algúns, os menos, en castelán) publicados en revistas como
La Noche, de Santiago; Aturuxo, de
Ferrol; Quatro Ventos, de Braga, ou
Atlántida, da Coruña. Nesta última apareceu en decembro de 1955, como
separata, a súa primeira aproximación á edición. Sería difícil consideralo un
libro en sí mesmo porque só son sete pequenos poemas ilustrados cun debuxo de
Avilés, pero amosa xa unha linguaxe propia, sonora, cristalina... Trátase de «As
moradías do vento», un feixe de versos próximos ás alegorías imaxinistas que
Amado Carballo construía nos anos 20, nos que o poeta de Taramancos xa se
introduce en cómaros líricos moi persoais: afastándose do existencialismo en
boga naquelas datas, achégase a unha estética nidia e vitalista. Son sete poemas
sen título, numerados con caracteres romanos, nos que aínda predomina un
formalismo técnico meticuloso e unha rima que logo abandoará.
Algo máis de tres anos despois, en xaneiro de 1959, durante o servicio militar
na Capitanía de Ferrol, sería editado na Imprenta Moret da Coruña por
subscripción popular entre amigos e coñecidos de taberna ou de tertulia, un
pequeno libriño que contén 11 poemas: «A frauta i-o garamelo». Está ilustrado
por Alexandre González Pascual, Lixandre, e con portada de Xosé Luís. Nesta nova obra, a primeira
que asina como «Avilés de Taramancos» tra-lo pacto con Novoneyra e María, xa se
percibe un verso definitivamente liberado das ataduras impostas pola rima, a
miúdo hendcasílabo, delicado e sutil, e cun certo aire expresionista e
existencial.
Fora escrito nunha noite e a súa reducida tiraxe foi vendida case exclusivamente
polas tabernas da cidade herculina polo xornalista Xurxo Víctor Sueiro. Avilés
recibiría unha felicitación persoal de Otero Pedrayo pola obra na que se refire
á musicalidade dos versos ó asegurar que era unha ledicia
«escoitar»
o libro e se compromete a lérllelo «ós
paxaros dos meus arboredos»; Cunqueiro gabaría esta pequena xoia no xornal
La Voz de Galicia; e Méndez Ferrín diría del que
«ningún poeta mozo cantaba tan ben e tan belo en 1959». E todo a pesar dunha
tiraxe tan reducida que levou a Basilio Losada a definilo coma un libro
«no que eu creo baixo palabra de honor, porque nunca o vin nin puiden facerme
cun exemplar, por máis que o percurei».
Estes dous primeiros traballos, impregnados de clasicismo, situaron a Avilés de
Taramancos entre os poetas galegos máis destacados da posguerra. Abundan neles
as referencias ó universo natural, á terra e ó mar que tan ben coñecía; pero non
só estamos a falar de poesía paisaxística ou descritiva, senón de algo moito
máis intimista. Estamos a falar de versos de exalzamento da Natureza nos que se
reflicte unha auténtica paixón pola súa terra, un amor profundo e sinceiro, un
enraizamento telúrico de tintes universais.
Tamén se caracterizan por unha tendencia á unidade temática, a existencia dun
elemento común dende o que se van debullando os poemas. No primeiro caso, este
elemento é o vento («Vento amigo, / medra
no teu lecer a moradía»), mentres que no segundo exercen esa función as aves
(«Meu levián paxaro, compañeiro / das fiestras da tarde, das fiestras / de
tódolos paxaros apagados»).
En 1960 resultou finalista dun concurso organizado polo grupo «Brais Pinto»,
creado en Madrid por poetas e estudantes galegos dous anos antes, coa colección
de poemas «Pequeno canto para un peito xoven». Non chegaría a ser editado, a
pesar de ser unha das bases do premio, por problemas económicos da editorial,
pero moitos anos despois, en 1982, sería incluído xunto cos libros anteriores e
outros novos en «O tempo no espello».
Son 19 poemas e máis un epílogo en forma de soneto, que aparecerán baixo o
título «Poemas a Fina Barrios. Pequeno canto», en alusión a unha moza coruñesa
falecida en plena xuventude. O seu pasamento foi inspirador do soneto que pecha
o conxunto, titulado «Primeiro amor, primeira morte», que remata amosando esa
dor en toda a súa brusquidade: «E todo
canto amei foi unha lumieira, / foi a fouce tan íntima que de cote se afía /
para ceifar dun pulo brutal a primavera». Avilés ofrece nestes poemas un
tratamento orixinal e ata audaz do tema do amor, cunha sensualidade que a miúdo
roza o erotismo, e cun lirismo como nunca fora tratado nas letras galegas.
Nalgúns momentos parece querer lembrarnos ó namorado da lírica medieval
galego-portuguesa.
Outra muller inspiraría os dez «Poemas soltos a Maricarme Pereira», nos que
adquire seguridade e busca novas formas, tamén incluídos en «O tempo no espello»
pero datados en 1961. Fora o seu último gran amor no verán pasado en Noia antes
de exiliarse en Colombia, á que coñeceu por mediación de Salvador García-Bodaño.
Foi un namoramento non declarado senón por mediación dos versos, que serían
entregados á destinataria logo de escritos. Anos despois, Maricarme daríallos a
García-Bodaño que os gardaría ata a volta do exilio de Avilés.
Os dez poemas deste libros son, novamente, pequenas cancións de amor con
referencias eróticas nas que se funden tradición e vangarda, e nos que se
advirte un importante grao de madurez e de referencias intelectuais respecto de
traballos anteriores. Son poemas ledos, gozosos, nos que as omnipresentes
referencias á terra convírtena nun particular Edén para os amantes; poemas cheos
de luz e de optimismo nos que se volve a referir ó neotrobadorismo e ás cantigas
de namorar dos xograres medievais.
Esta obra vén a pechar un ciclo, a rematar a traxectoria dunha época na vida do
poeta de Taramancos que se verá bruscamente escachada polo exilio. Paralelamente
ós seus avances no eido da poesía, algunhas das súas accións de caracter
militante tiveran certa sona na Coruña e comezaba a resultar un tanto incómodo
para o réxime franquista. Vitalista e argallante, teimudo no emprego permanente
dun galego prohibido, coa valentía e fogosidade que dá a xuventude, resultaba
molesto aquel individuo que xuntaba palabras que boa parte dos censores non eran
quen de descifrar.
Unha das accións máis sonadas nas que participara, tivo lugar en marzo de 1961.
Despois dunha colecta popular feita en Noia por un grupo de intelectuais,
entregaron en Rianxo ás irmáns de Castelao un busto do insigne galeguista
realizado en madeira polo escultor Arturo Brea Pasín. Foi o primeiro monumento
adicado ó rianxeiro tra-la súa morte, froito dun acto de admiración e de
rebeldía. Pero o detonante que provocou a súa fuxida foi un envío de libros
dende Bos Aires por parte de Neira Vilas que incluía no lote obras de Marx e
Lenin e do perseguido Castelao. Avilés de Taramancos foi alertado por un policía
coñecido que se consideraba escritor por ter argallado algunhas novelas «do
oeste». Marchou a Noia, coa que nunca perdera contacto, e dende alí, coa axuda
dun veciño que exercía de Cónsul de Colombia na Coruña, preparou a súa marcha.
Rematando o ano 1961 chegou a Bogotá, «algo presionado pola policía, a dicir verdade», diría anos máis
tarde. Os comezos foron duros e a morriña e mailo desexo de tornar de novo á
casa abríanse paso dende o mesmo momento da chegada a aquelas terras. En
Colombia, Avilés tivo un encontro fortuito cun incipiente Miguel de la Cuadra
Salcedo que foi quen de lle imbuír, todo parece indicar que sen moito esforzo, o
seu espírito aventureiro. Xuntos viaxaron polo Amazonas, Perú e Brasil.
«Quixen meterme de verdade no corazón do pobo e fun un colombiano máis... Un dos
graves problemas do emigrante é non sentirse do país no que está nin ser do país
do que se foi», segundo as súas palabras.
En Sudamérica, como xa fixera na Coruña, traballou nos oficios máis diversos,
pero tamén botou raíces. Ó pouco de chegar a Colombia coñeceu á que sería a súa
dona, Ana Sofía Baquero Céspedes, indíxena orixinaria dos Andes. Os dous
traballaban na embaixada de Brasil en Bogotá, ela como doncela e el como
maordomo.
Nesta época, de certo desafogo económico, coñeceu e tivo tratos con moita xente
da diplomacia e a cultura. Entre eles Manuel Arce y Valladares, embaixador de
Guatemala e poeta, descendente de galegos. Manuel Arce sempre estivera
interesado na terra e a lingua dos seus antergos e atopou en Avilés de
Taramancos un perfecto mestre e amigo que o guiou na procura do seu pasado e a
súa cultura. Os dous crearían, xunto co escultor compostelán Xesús Picón, unha
embaixada «virtual» de Galicia en Colombia que contaría co poeta noiés como
máximo mandatario. Sen credenciais, evidentemente, pero con moito apoio moral
dende as dúas beiras do Atlántico.
Logo do traballo na embaixada brasileira chegou unha etapa máis irregular.
Ocupouse novamente de tarefas moi diferentes con desigual fortuna, en xeral non
moi boa. Nesta época, e segundo deixou escrito nunha carta a Salvador
García-Bodaño, Avilés de Taramancos foi «comerciante, domador de cabalos, contrabandista... Teño cavado máis de
corenta hectáreas de terra americana, de sol a sol, ata que o aceiro da aixada
se fendeu, e non houbo ceifa nin colleita que non fose queimada pola peste, pola
xeada, polo destino... Cacei tigres pra ile vende-lo pelico ós gringos,
trafeguei con cabezas reducidas, fixen churros nas feiras, fun afiador,
guerrileiro...» Claro que, anos despois, xa en Galicia, o poeta tentaba
afastar esas actividades da mitificación aventureira. Na devandita entrevista
con Manuel Forcadela afirmaba: «Todo iso
de que cacei tigres, fun contrabandista ou trafiquei con cabezas reducidas,
sendo certo, ten moito de mítico [...] Non son máis que as pequenas anécdotas
dunha vida moito máis complexa e tamén máis normal». Noutra entrevista
concedida en 1987 a Xan Carballa para A
Nosa Terra, laiábase: «Xa non me gusta
falar diso porque é algo repetitivo [...] Toda esa aventura inicial non paga o
sufrimento de vinte anos de ausencia».
O 29 de novembro de 1970, Antón e Sofía dan por rematado o seu longo noviazgo e
casan en Bogotá. Co tempo chegarían a ter tres fillos, todos varóns: Santiago,
Luis e Guillermo. En 1971 marcharon para a cidade de Cali, na que permanecerían
case unha década ata o seu retorno a Galicia. Alí, o poeta rexentou a Librería
Cultural Colombiana coa que conseguíu, ademáis dun certo benestar material,
numerosos contactos coa intelectualidade americana. Parte deses contactos foron
cos músicos do momento (Celia Cruz, Miguelito Valdés
«Mr. Babalú», Daniel Santos, Pacho Galán, Roberto Ledesma...), cos que
colaboraba nun programa de radio chamado
«Mirador en el aire».
Foi unha etapa de bonanza na que, como fixeran con el noutrora, acollía a amigos
necesitados cunha xenerosidade que lle valeu ser coñecido polo alcume de
«Marqués de Taramancos». Tal foi a súa implicación cos problemas e a
sociedade colombiana nesta etapa, que incluso chegou a presentarse a unhas
eleccións municipais na lista dun
«Movimiento Cívico»
que el mesmo axudara a crear. O partido acadou gran éxito nos comicios, pero o
poeta noiés, na metade da lista, non chegou a sair elixido.
Toda esta frenética actividade e o afastamento dos seus amigos da etapa
coruñesa, fixeron que a súa traxectoria poética se fose desenvolvendo, en
Sudamérica, a trompicóns e á marxe dos seus compañeiros de xeración.
«Escribo a ráfagas, coma os furacáns; –diría noutra carta a García-Bodaño–
ao mellor pasan dous ou tres anos que non escribo unha palabra. Non teño libros
en galego e o idioma váiseme acriollando. Cando me sento a escribir teño que
fecharme como se estivera parindo. En quince días fago un libro. Despois racho
todo ou déixoo así. Son incapaz de corrixir, de volver facer.» Tamén
afirmaría na entrevista de Forcadela que
«durante eses anos, sen embargo, escribín pouco. A vida íame levando por outra
serie de camiños aínda que había sempre ese fío que te vai atando á poesía e á
patria.»
En terras americanas a súa actividade literaria, como dicimos, non cesou, pero a
Galicia apenas chegaron algúns retallos a través da correspondencia que mantiña
con García-Bodaño e que foi publicada, igual que unha colección de dez poemas,
na revista Grial, ou o «Pranto por
Urbano Lugrís» aparecido en La Voz de Galicia en xullo de 1974 tra-lo pasamento do seu amigo.
Nas súas cartas reflexiona sobre a xuventude, o sufrimento, os soños...
Esperanza, desacougo ou saudade tinxen estes escritos.
Continuación ( Parte 2 )

Obra de Avilés de Taramancos
Obra poética
(Nesta lista non se inclúen os numerosos poemas soltos publicados ó longo da súa
traxectoria en distintas revistas.)
√
«As moradías do vento». Separata da
Revista Atlántida, A Coruña, decembro
de 1955.
√
«A frauta i-o garamelo». Editorial
Moret, A Coruña, 1959.
√
«Sonetos de corpo enteiro (feito nunha
noite de outono)», (Edición non venal. Asinado por
Ulises Fingal). Noia, 1980.
√
«O tempo no espello». Edicións do
Castro. Sada, 1982. (Este volume recompilatorio inclúe, ademais dos dous
primeiros libros, «As moradías do vento»
de 1955 e «A frauta i-o garamelo» de
1959, os aínda inéditos e titulados
«Poemas a Fina Barrios» de 1959,
«Poemas soltos a Maricarme Pereira» de 1961,
«Os poemas da ausencia» de 1963/1978, e
«Nova crónica de Ulises» de 1978/1980).
√
«Cantos Caucanos». Sotelo Blanco Ed.,
Barcelona, 1985. (Con anterioridade houbo unha edición persoal de algúns dos
poemas en Círculo Aberto, Noia, novembro 1983-xaneiro 1984).
√
«As torres no ar». Sotelo Blanco Ed.,
Santiago de Compostela, 1989.
√
«Obra inmisericorde». Separata do
Boletín Galego de Literatura, Ed. Estudios de Orientación Universitaria,
Santiago de Compostela, maio de 1990.
√
«Antoloxía Poética 1955-1990».
Selección de Miguel Anxo Fernán-Vello. Editorial Compostela, S.A., Santiago de
Compostela, 1992.
√
«Última fuxida a Harar (Derrota e
singraduras)». (Edición póstuma.) Editorial Espiral Maior, A Coruña, 1992.
√
«Obra poética: antoloxía». Edición
póstuma de Xosé María Álvarez Cáccamo. Asociación Sócio-Pedagóxica Galega/A Nosa
Terra, Vigo. 1997.
√
«Poesía completa». Edición póstuma de
Miguel Anxo Fernán-Vello. Estudio preliminar de Xosé María Álvarez Cáccamo.
Espiral Maior. (En preparación).
Teatro
√
«Hasta el pájaro en su trino tiene acento
cervantino. Tragedia en prosa y verso» (Inédito. En castelán). 1958.
√
«Tres capitáns de tempos idos».
Edicións Xerais. Vigo, 2003.
Obra en prosa
√
«Nova crónica das Indias». Ir Indo
Edicións, S.A., Vigo, 1989.
√
«Obra viva». (Edición póstuma.)
Escolma de Ana González Vázquez. Ed. Laiovento, S.L., Santiago de Compostela,
1992.
Traduccións
√
«Desembarco en Sicilia». Versión de
«Landings in Sicily», de Jack Hill.
Dorna, nº 9. Universidade de Santiago de Compostela, 1985 - p. 195.
√
«Imprecación da moza celta ó soldado
romano». Versión de «The native girl to the soldier», de Jack Hill.
Dorna,
nº 9. Universidade de Santiago de Compostela, 1985 - p. 197.
√
«Noia». Versión do poema
«Noia»,
de Jack Hill. Programa de festas de Noia, 1990.
√
«O certame do arco». Versión dun
fragmento da rapsodia XXI da «Odisea», de Homero, en Luzes
de Galiza, nº 18, inverno 1991 - p. 48.
√
«Chronique-Crónica», de Saint-John
Perse. Edición bilingüe, con ilustracións de Avilés de Taramancos. Concello de
Noia, Casa da Cultura (colección Vento de fóra), 1991.
√
«O Cemiterio mariño», de Paul Valery.
(Edición póstuma.) Edición bilingüe. Espiral Maior, A Coruña, 1994.
Ir a
:
Escolma de poemas de Avilés de Taramancos (realizada
por Manrique Fernández)
ADVERTENCIA: Este texto foi
realizado por Manrique Fernández co gallo da celebración do
Día das Letras Galegas 2003 para ser publicado no xornal
"A peneira" de Ponteareas ( http://www.apeneira.com
) na edición da segunda quincena do mes de maio de 2003. Está
amparado polo rexistro da propiedade intelectual; se poderá empregar libremente
para uso particular ou docente, pero para calquera edición venal deberá ser
acordada previamente co seu autor, Manrique
Fernández:
manrifer@arrakis.es
Tamén podedes comunicarvos co autor para suxerencias ou comentarios a:
manrifer@arrakis.es
|