|
|

|
|
Don Álvaro Cunqueiro cunha cunca |
OS VIÑOS
( do libro "A cociña galega" de Álvaro Cunqueiro )
Eu podía darlle unha volta ao país coa taza cunca do meu
apelido na man. E comenzando polas cepas luguesas, indo aos ribeiros do Miño,
que son os primeiros os de Portomarín dos Cabaceiros de San Xoán. Denantes
foron, en Loio, as viñas dos templarios: xa dixo Castellá y Ferrer, una
montañuela toda de viñas, pequeña. Uns viños lixeiros e acedos, ás vegadas
cunha agulla moi solta e fresca. De aquí son moi boas augardentes, quizabes as
máis poderosas de toda Galicia, moi tesas no seu secor. Eu diría que a súa
fortaleza e terquedade véñenlles a estas augardentes de que as viñas nais están
plantadas preto de onde foron os camposantos dos templarios e dos sanxoanistas,
e acoden a elas, pola soterra, as cales dos ósos dos soberbios cabaleiros de
antano. Mido abaixo, está o país de Chantada, cos ribeiros miñotos de Asma e de
San Fiz, coas viñas de Belesar: aquí melloran os viños, máis os tintos que os
brancos, e hai cepas de caíño - de caliginus, é dicir, escuro, fusco-, e
de mencía, a boa leonesa. Para min, os mellores son os tintos de San Fiz, que as
monxas de Chouzao mandaban ás súas irmás de San Paio de Antealtares, en
Compostela. Son moi serios estes viños chantadinos, cun corpo levián e suave, e
ainda que tintos pódense beber frescos, co frescor das adegas da ribeira dereita
do Miño en Belesar. Eu recordarei sempre dun día que fun acolá, e estaba
enchendo o embalse de Belesar, e xa cubriran as augas a vella ponte, que parece
que foi romana e logo refeita nos días medievais, e da tona das augas ainda
xurdian as ponlas duns pexegueiros, floridas en roxo, que era comezos de maio, e
eu bebía do viño da adega, sentado á porta desta, e pareciame melancólico, pero
a tristeira era miña, de ver tanta terra e aquelas flores roxiñas afogar nas
augas escuras da presa...
Máis embaixo xa están os tres rios nos Peares. O Sil coñece as viñas do
Valdeorras, onde entre todos os viños brancos triunfa o que chaman godello, que
é dos primeiros brancos que dá o país. Algúns tintos de Valdeorras son moi
propios para unha lacoada. Os viños do Cabe son froxos, pero ledos, e máis
serios os de Quiroga. Hai tintos mois honestos polos ribeiros do Sil, e algúns
acorpachados, bos compañeiros nas merendolas. Por acolá anda un río, que chaman
Bibey, e unhas viñas famosas, que din de Amandi. Deste tinto dlxose que era
grato a Augusto, e non sei a realidade do conto, e se Augusto o bebeu na
Hispania ou llo levaron a Roma. Os mellores Amandi que eu bebín lembráronme
algún bordelés, algún viño do Médoc, "as pálidas violetas do Médoc" que dixo o
poeta, e por comparanza tivenos xuntos na mesa. Un viño ilustre, sen dúbida o de
Amandi, moi cortés, recatando o "bouquet" ao comenzo, para despois deixar que
viva na boca aquel lento perfume, e vala e veña...
Segue habendo viño preto do Miño, que xa bebeu os outros rios. En Ribadavia o
Miño recibe pola dereita o Avia. Os ribeiros do Avia dan grandes viños. En
Gomariz eu deletreaba todas as cepas vellas do pais: caíño, brencellau, mencía,
tintilla, tarrantés, treixadura, godello, lado, albariño... (Xa sei que agora
hai outras cepas, e que se queren colleitas longas, vendimas fartas, e que as
vellas cepas do pais dan pouco. Sei todo o que se di, e algo máis, e sei que hai
que buscar onde están escusados, en que adega viven os grandes vinos nosos.
Algunha que outra vez, tócame un ao que hai que tirarlle a pucha). Hai grandes
tintos en Beade, en Gomariz, en Leiro, en Cabanelas, en moitas adegas
ribeiranas. Eu gusto dos brancos que levan máis dunha metade de treixadura: son
os viños para aperitivo de estudiosos, do P. Feixoo ou do mestre Otero Pedrayo,
e á tardiña, preparan a alma para a contemplación das brillantes estrelas. Os
albariños do Ribeiro do Avia son diferentes dos albariños de Arbo, e estes dos
de Soutomayor, pofío por caso, e os do Salnés.
Miño abaixo, damos con Salvaterra e o seu condado, célebre dende Pedro Madruga.
Digo os nomes maiores do Condado: Rubiós, Tortoreos, Meder. Con algúns tintos do
Ribeiro do Avia, hai que poñer os destas partes. Eu aseguro que o mellor tinto
galego que catei na miña vida, foi un de Rubiós: ¡Deus, que ancho era, que
farto, que amistoso, que quentador, que conselleiro! Se en Ribadavia, por maio,
lle fan festa ao viño do Ribeiro, polo verán en Salvaterra de Miño fana aos
vinos do Condado, cando son as calores San Lourenzo, o patrón. Eu, que catei
acolá nalgunha destas festas, levo na memoría algún que outro tinto
perfecto... Outros viños son os do val do Rosal, onde din que houbo en tempos de
antes da filoseira moita treixadura. Hai viños moi bos, coa súa agulla, con
moito "bouquet". Os tintos, lixeiros, brincadores na boca, van moi ben coa
lamprea, e os brancos coas angulas fritidas ou empanadas. (Non pensen que é viño
do Rosal esa purrela gaseada que dan nos bares das vilas). Atrás, en Ourense,
quedáronnos os viños do val de Verín. Eu bebía nun restaurante da Coruña, un
branco de por aló, que era de colleita de D.Benito Blanco Raxoy. Tiran máis aos
viños de Valdeorras e da Rúa-Petin que aos dos ribeiros do Avia. Son uns viños
graves e francos.
Ao albariño do Salnés fáiselle festa todos os anos de Deus na vila de Cambados.
Acoden puntuais os albariños das viñas ribeiranas do mar, que son un algo máis
doces, e os de terra adentro, máis secos. Tantos anos catando, xa sabe un de qué
parroquia son, se de Ribadumia ou de Fefiñáns. Coido que un bo albariño é o
mellor branco do noso país. Agora, cos adiantos de escola, todos teden a mesma
color, pero eu aínda me lembro dunha varia gama de ouros, que amencían nas copas
da capa corno fillos de soles diferentes. Non lembran para nada as cepas nais do
Mosela e do Reno, de onde as trouxeron os monxes de Cluny e do Cister. Umia
abaixo, dende Caldas de Reís, había unha nobre e antiga cepa de tinto, da que só
restan memorias, case: o espadeiro. Eu bebino de pe na ponte, en Ponte Arnelas,
ollando irse aquel docisimo Umia ao mar. Se houbese un home tan compañeiro, tan
home compango de home, irías con el polo mundo adiante, da man. Un vino vivo,
locuaz, despreguizador, anainante.
Hai que ir á Ulla a beber uns vinos fraques e acedos, ou darlie unha volta á
península do Morrazo e catar os brancos de Nerga e de Donón, e despois rubir ata
Betanzos, a refrescar co agudelo de acolá, fillo das cepas máis septentrionais
de Galicia, co saúdo do ramallo de loureiro no dintel da porta da adega. Ten esa
roxa color lúcida da espinela. Viño escasamente graduado e betanceiro, nos bos
anos ten unha gracia inesquencible.
Fanse moi boas augardentes en case que toda a Galicia vinicola. Xa falamos das
de Portomarín. Son moi boas as valdeorresas e as ribeiranas, secas e máis duras
as do Condado, finas e suaves as do Salnés e as da Ulla, e tamén as de Betanzos.
Coas augardentes faixe licor café, e póñense nela guindas e cereixas, e pexegos,
e faise augardente de herbas, con doce ou catorce diferentes, algunhas destas
augardentes tan boas coma as da receita da Grande Cartuxa. Nos derradeiros
tempos, púxose de moda o queimar augardente, a agora famosa "queimada": seis
culleradas de azucre por libra de augardente, e a pela dun limón. Nada de
botarlie café, que lle arrouba á augardente todo o seu sabor. En todo caso, unha
cunca de viño cando xa está a queimada, e se vai deixar apagar.
Aos galegos gústannos os nosos viños. Quizabes porque teñen máis ganas de falar
ca nós, ou porque teñen un sabor fuxitivo, e buscándollelo, rememoramos
tempos, lugares, xentes, amores, despedidas..
|