A percepción do tempo na cultura espiritual galega
Os tempos son cualitativamente diferentes para os galegos, polos seus traballos, polos seus alimentos, polas corentenas rituais e polas corentenas ecolóxicas. O galego ten unha vivencia especial do tempo, do tempo campesiño marcado polo ciclo anual da serpe, un ciclo anual que posibilita a continuidade da natureza, que une o tempo e a eternidade e conforma un "continuo feito de descontinuo", marcado, polo tempo "cualitativo" : o tempo das patacas, o do millo ou o da matanza do porco.
DIVISIÓN DO CICLO ANUAL
1) O TEMPO E A MEDIACIÓN DA SERPE
2) O TEMPO DOBRE
TEMPOS FORTE
TEMPOS FORTES DO PRIMEIRO PERÍODO
TEMPOS FORTES DO SEGUNDO PERÍODO3) AS CORENTENAS
O TEMPO CUALITATIVO
División do ciclo anual
O ciclo anual está dividido en dúas metades: a que vai de outubro a finais de
abril e a que se estende de maio a setembro.
A
primeira metade está dominada polas referencias ó mundo non visible: ó porco,
animal oculto na casa e coidado polas mulleres, encerradas na casa. Os froitos
están ocultos, medran baixo terra. Son fitos nesta metade: o magosto ou festa
das castañas (1/11 de novembro), o
San Antón Abade (17 de xaneiro) e o Entroido. A serpe tamén
hiberna, está oculta neste período.
A segunda etapa do ciclo fai referencia ó mundo visible, é tempo de colleitas;
homes e mulleres van ó campo. Tempos fortes desta metade son: o
San Pedro Mártir (29 de abril), San Xoán (24 de xuño) e San
Miguel
(29 de setembro). A serpe sae á superficie e pode ser perigosa.
O tempo está marcado por traballos significativos relacionados coas colleitas e
por festividades do calendario relixioso. Unhas e outras teñen antecedentes
antiquísimos. Os traballos do campo e os cambios estacionais seguen marcando no
mundo rural os tempos cualitativos. E os antigos cultos pagáns foron orientados
polo cristianismo cara a outros deuses/santos en vez de seren combatidos
directamente; así evitaban os rectores cristiáns enfrontarse ó ancestral
sentimento relixioso fortemente arraigado nas xentes.
O final das colleitas asóciase co outono e coa festa de San Miguel e o solsticio
de inverno co ciclo de Nadal. A explosión da primavera relaciónase coa
resurrección de Cristo, precedida da Semana Santa e da Coresma; a festividade de
San Xoán coincide co comezo do verán.
1) O tempo e a mediación da serpe
A serpe vive dúas fases ben diferentes no seu ciclo anual. Está escondida de
outubro a abril, preto dos pozos e das fontes salvaxes; está inmóbil, come terra
e non é perigosa. A partir de maio déixase ver, aliméntase de animais e non
ofrece perigo.
As serpes que voaban ó Xordán non estaban suxeitas ó tempo, como non o estaban
as mulleres enfeitizadas, que tomaban ás veces a figura de serpe. A serpe é a
intermediaria entre este mundo e o outro, entre o mundo oculto e o visible. Ás
veces as almas transfórmanse en serpes para peregrinar a algún santuario.
A serpe garda os límites entre o mundo enfeitizado e o non enfeitizado. Vincula
ó mundo antigo ou pagán co moderno ou cristián, o mundo animal co humano. Podía
toma-la forma de persoa ou de animal, de lobo ou de loba. Representa o tempo e a
eternidade; neste mundo está suxeita ó tempo, pero é eterna no outro se non
morre violentamente.
A serpe pasa do espacio húmido —primeira metade do ciclo— ó seco —segunda
metade—, do espacio salvaxe ou non habitado ó espacio habitado. Vive nas minas e
na superficie, no alto da montaña e no val. Por estas razóns , a serpe é a
manifestación do dobre aspecto da natureza, é a continuidade da mesma natureza.
O tempo dobre
Seguindo o ciclo da serpe, o ano tamén está dividido para as persoas en dous
períodos:
o primeiro, marcado polo porco e a sementeira, vai de setembro a finais
de abril;
o segundo abrangue desde principios de maio a finais de setembro e está
marcado
polo centeo e as segas.
O porco : O porco vive oculto sen saír ó exterior e a muller
encárgase de coidalo. É fundamental na alimentación. O porco come tres veces ó
día, como as persoas.
Próxima a matanza, dáselle máis comida para que engorde, pois matar
un porco ben cebado honra a casa. A matanza comezaba polo San Martiño (11 de
novembro) e terminaba en San Antón (17 de xaneiro) ou no Entroido , variable no
calendario.
Mátase no curral, cun coitelo que lle crava o matachín. Unha muller remexe o sangue para as morcillas.
Chamúscano os homes con palla de centeo ou con fentos secos.
Cando se abre o porco e se extraen as tripas, comeza o traballo das mulleres. O
cerimonial destes traballos foi cambiando, por efecto da transformación social e
económica.
A sementeira : En outubro seméntase o centeo, dentro do primeiro ciclo
anual. As patacas plántanse en marzo e o millo a finais de abril ou en maio. As
patacas, as cebolas, os allos e todo o que crece baixo terra hai que plantalo en
cuarto minguante para que dea moito froito e pouca rama. O que crece sobre a
terra seméntase con lúa nova para que dea moito gran e pouca palla.
Tempos fortes
Tres festas importantes representan tempos fortes do primeiro ciclo anual:
San Martiño: Mozos e mozas reuníanse o 11 de novembro para face-lo
magosto nun monte próximo, lugar non habitado. Os homes levaban o viño e as
mulleres as castañas. Asadas as castañas, chamaban ós rapaces. Comían, bebían e
volvían á aldea coa cara tisnada con carbóns da fogueira. A mocidade estaba
obrigada a participar, baixo pena de quedar marxinada da comunidade. Nalgunhas
zonas os magostos comezan o 1 de novembro, festa de Tódolos Santos.
San Antón: San Antón Abade, protector dos animais e especialmente do
porco, celébrase o 17 de xaneiro. En moitas parroquias a confraría de ánimas
acostumaba comprar un porco pequeno no mes de setembro e alimentábao cada día un
veciño. O día da festa poxábase e os cartos empregábanse en misas polas ánimas
dos defuntos da aldea.
Esta festa perdeuse na maioría das parroquias.
Entroido: É unha celebración de moita tradición. O domingo de
septuaxésima ou domingo fareleiro a xente bota fariña ou farelo ós que encontra
polos camiños. En sitios tamén se lanza auga cunha especie de xiringa e outros
procuran
tisnar con carbón de leña a cara dos veciños.
O xoves seguinte é o de compadres , porque estes se convidan a comer. O domingo
de sesaxésima ou corredoiro celébrase a carreira do galo, desenvolvida en
Galicia con fórmulas diferentes. O xoves que segue ou de comadres , estas
convídanse a comer.
O día forte é o domingo de quincuaxésima ou de Entroido , que abre paso á semana
grande. Os disfraces adaptan formas moi vistosas e características de
determinadas localidades ou comarcas.
Os disfraces, individualmente ou en comparsa, saen tamén o luns e o martes de Entroido . Faceta importantísima da celebración son as comidas típicas, a base de carne de porco, e as sobremesas. Entre as comidas destaca o cocido e o lacón con grelos; os reis das sobremesas son as filloas, as orellas, as follas de limón e as flores.
O mércores seguinte séguese celebrando co enterro simbólico dalgún animal:
sardiña, loro, cabra, galo…, para despedi-la etapa de festa e facer crítica
festiva. Aínda que no calendario litúrxico católico o mércores é xa o primeiro
día de coresma, en moitos sitios séguense prolongando as celebracións festivas
ata o domingo seguinte ou de piñata.
Significado dos tempos fortes do primeiro período
A conexión entre o aspecto oculto do mundo e o aspecto visible, e a relación entre os diferentes grupos humanos, diferenciados por idade e sexo, explican o significado dos tempos fortes do primeiro período.
O Entroido viría ser como “un proceso de regulación social”. O disfrazado procede da outra metade oculta, “parece do outro mundo”. Este intercambio ou circulación prodúcese tamén nos demais tempos fortes do período. No magosto xúntanse mozos e mozas e van ó espacio deshabitado, oculto, e comen castañas, que son alimento de mortos.Por San Antón a comunicación co outro mundo realízase a través da misa de ánimas , cos cartos da venda do porco de ánimas . Tamén se comía porco, que é un animal procedente do mundo oculto. No Entroido o porco é a base da alimentación e cómense filloas como na matanza do porco.
A circulación tamén se produce entre os distintos grupos deste mundo. Hai intercambio entre homes e mulleres no magosto, intensifícanse as relacións no Entroido : as mulleres poden disfrazarse de homes e estes de mulleres. Os compadres e comadres convídanse a comer. As comparsas favorecen o intercambio entre localidades. No Entroido hai tamén proceso de inversión social, de compensación e de transgresión, hai inversión social cando un home se disfraza de muller ou viceversa; hai compensación porque a mocidade impón o seu ritmo de vida ó colectivo; e prodúcese transgresión cando se vai a outro lugar e se entra na casa do veciño sen permiso. É, pois, unha festa de “licencia e transgresión da orde social”. O día de San Antón convidábase a comer ós familiares e amigos, o que facilitaba tamén a relación.
As colleitas
O segundo período, de maio a setembro, é o tempo das colleitas. Homes e mulleres traballan xuntos no campo. Tempos fortes son San Pedro Mártir e San Xoán. A primeira colleita é a de herba para secar e mante-lo gando nos días crus de inverno. O liño arrincábase pola tarde e era labor de mulleres. Seguen as patacas, recollidas en setembro.
O
centeo era a base da alimentación humana e os traballos relacionados con el son
significativos no segundo período. As segas comezan a mediados de xullo. Despois
de cortado, átase en monllos, que se agrupan en medouchos con forma de cono. Ó
cabo dunha semana aproximada transportan os monllos ós campos de centeo, onde se
amorean en medas grandes para protexelas da chuvia posible, á espera da malla ou
operación de separa-lo gran da palla; tríllase a mediados de agosto ou antes. O día da malla comíase año, alimento representativo deste segundo período. A operación de limpeza do gran realizábase tamén colectivamente entre os veciños máis próximos e interviñan homes, mulleres, nenos e nenas. O gran limpo métese en sacos e lévase a grandes huchas, onde se introducen follas de figueira, quizais para pedi-la protección dos antepasados.
Tempos fortes do segundo período
Teñen especial significado neste período o Primeiro de Maio e o San Xoán.
O Primeiro de Maio empezaba a celebrarse na noite do 29 de abril, á que chamaban véspera do mes de maio; ó día seguinte celebrábase o San Pedro Mártir, ou festa dos endemoñados. Prendíase unha fogueira na aldea e cada familia percorría o perímetro de cada unha das súas leiras cun fachico de palla acesa. Todos xuntos visitaban despois as terras cultivadas e botaban cinzas sobre os cultivos, quizais para protexer dos vermes o trigo da colleita.
O
1 de maio os mozos plantaban unha árbore en medio da aldea e pola mañá cedo
colocaban pólas nas ventás das mozas fermosas e unhas poliñas nas das feas. O 30
de abril tamén se colocan flores de xesta nas portas, nas ventás das casas, nos
coches e nas cortes do gando para protexer do maio ou mal misterioso que podía
aparva-las persoas. Nalgunhas vilas e cidades constrúese o maio, unha armazón
cónica de madeira cuberta con plantas, flores, ovos e laranxas. Cos Maios
exhíbense tamén as coroas ou figuras de flores montadas sobre arame, que
representan motivos tradicionais.O día de Corpus é moi celebrado en Galicia e nel están representados os gremios, as virtudes, os anxos e a serpe. O percorrido da procesión cóbrese con flores, ramas, follas e espadanas. En certas cidades ou vilas son de gran tradición as alfombras florais no percorrido da procesión, tal é o caso de Ponteareas, na provincia de Pontevedra.
Do 1 de maio ata o San Miguel, 29 de setembro, hai contacto entre os dos mundos, os habitantes do outro amósanse sen máscara. O mundo oculto sae á superficie: o demo e os espíritos, por San Pedro Mártir e Primeiro de Maio; gremios, anxos, virtudes e a serpe, en Corpus; o mundo oculto resucita pola Santa Cruz.
A festa de San Xoán está moi arraigada en Galicia, saíase a mañá do 24 para toma-lo orballo, bo para a saúde e para asegura-la boa sorte. A noite do 23 ó 24 deixábanse flores e plantas aromáticas nun recipiente con auga para lava-la cara pola mañá. Tampouco falta a fogueira na véspera da festa (cacharela) , para saltar sobre ela e conseguir saúde e sorte. A circulación de espíritos tamén se activa nesta noite máxica, propicia para desencanta-las mulleres enfeitizadas, que saen do seu espacio oculto a peitearse con peite de ouro. É festa de casamento e de intercambio mulleres/homes. Estes tempos fortes, pois, vinculan este mundo co outro, xa que non se opoñen entre si, senón que son independentes e con existencia propia.
3) As corentenas
O tempo percíbese en Galicia a través de corentenas, polo menos no primeiro período. Aprécianse diferencias entre as corentenas rituais e as ecolóxicas.
Corentenas rituais
Comezan despois dun acontecemento importante para o individuo ou para o grupo da aldea.
A muller parida. Durante os corenta días despois do parto, a muller levaba unha vida recluída na casa, non podía saír, nin traballar nin asistir á igrexa. Non podía comer carne de porco, senón de galiña, que adoitaban regalar veciños e familiares.
O loito. A familia que perdera un membro gardaba loito rigoroso durante corenta días nos que se facía difícil a comunicación, pois non se cursaban nin aceptaban invitacións, os mozos e as mozas da casa non podían visitar nin recibir visita dos seus noivos ou noivas.
Voda. Os tres domingos anteriores á voda o cura le as amoestacións e neste tempo os noivos non poden ir á misa do domingo á parroquia onde se anuncia a voda. Posiblemente sexa tal práctica vestixio dunha corentena que seguía antigamente a un contrato, pois desde a primeira amoestación se consideraban como casados.
Coresma. A coresma vén dada polo calendario católico e era unha verdadeira corentena: non se comía carne, suprimíase a música e o ruído e evitábanse as relacións sexuais matrimoniais.
As corentenas rituais participaban de trazos comúns, pois en todas elas se reducen ou prohiben as relacións interpersoais, exclúese a carne de porco, péchase sobre si mesma a casa en corentena, non se poden organizar nin aceptar invitacións, a parida permanece na casa e os amoestados non van á misa do domingo.
Estas prácticas veñen significa-la desaparición da circulación entre os grupos do mundo visible, terreal, e tamén o corte da comunicación cos seres do máis alá, do mundo descoñecido.
Corentenas ecolóxicas
O primeiro período do ciclo anual está dividido en corentenas.
San Miguel-Tódolos Santos: Este tempo, que vai do 29 de setembro ó 1 de
novembro, está marcado pola sementeira do centeo, polo uso de viño novo e polo
consumo de noces e de castañas.
Santos-Nadal: Corentena subliñada polos defuntos (2 de novembro) e pola
recollida de castañas.
Nadal-Candeloria ou San Brais: Este período, que chega ó 2 ou 3 de
febreiro, está animado pola matanza do porco e polo ciclo de Nadal, pois a noite
do ano vello os mozos facían canalladas ós veciños e a véspera de Reis (5 de
xaneiro) visitaban lugares próximos; rompían, pois, os límites espaciais e
intensificaban a circulación entre grupos.
Candeloria-San Xosé: De febreiro ó 19 de marzo destacan a celebración do
Entroido e o consumo de carne porcina.
4) O tempo cualitativo
Tempo e acción identifícanse, por iso hai unha acción para cada tempo: tempo das patacas, do millo, das castañas, da matanza… Como os traballos do primeiro período son diferentes dos do segundo, tamén os tempos son diferentes. Incluso se perciben diferentes os tempos correspondentes a cada traballo do mesmo período, non é igual, por exemplo, planta-las patacas ou o millo, nin colleita-lo centeo ou o millo.
Cada traballo ten o seu tempo preciso con relación ó movemento dos astros,
especialmente da lúa. O tempo une, pois, traballo/acción cos movementos da
lúa. Como son cíclicos a producción e o consumo, tamén o tempo é cíclico, como
cíclicos son os xogos infantís: un xogo para cada época do ano.Como o tempo é cíclico e repetitivo, case todo se prevé, aínda que quedan parcelas reservadas ó imprevisto, se afectan ó nacemento, ó casamento e á morte, acontecementos propios do destino persoal.
Matizando máis, o imprevisto e o descoñecido non o son do todo, xa que se revelan en signos ou sinais, ás veces insignificantes, da vida de cada día, nos astros, no comportamento dos animais e nas cousas. O bebé será neno ou nena se foi enxergado en lúa nova ou chea respectivamente. O sexo do neonato pode depender tamén do pé con que se saia da casa: co dereito, neno; co esquerdo, nena.
A galiña que canta coma un galo, o galo que pon un ovo ou o can que ouvea como o lobo anuncian morte na aldea. Tamén predín o futuro feitos insignificantes, como cae-lo pan no chan, pór unha vasoira de pé trala porta, verte-lo sal polo chan… son sinais de futuro; o problema é interpretalos.
As plantas, as estrelas e a chuvia tamén poden anuncia-lo futuro. Para moitos autores a adiviñación por signos é unha superstición.
Celebración total
O ciclo anual percíbese no seu conxunto, como un todo global. Para Mandianes o
futuro é algo natural, porque “a celebración total dálle ó grupo un medio de
converter ó presente tódalas dimensións do tempo”. En consecuencia, as
celebracións e festas dun período están relacionadas coas do outro, o que
permite interpreta-lo ciclo anual como unha forma de totalidade organizada.
Mónica B. Suárez Groba
Fontes bibliográficas : "Loureses. Antropoloxía dunha parroquia galega" , M. Mandianes Castro; "Galicia 2001: etnografía espiritual", Xunta de Galicia.
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
