Os días e os números nas crenzas e supersticións galegas
Dentro das crenzas e supersticións galegas algúns días da semana eran
considerados como "fastos" e outros coma días "nefastos" , felices e infelices.
Este feito tivo a súa orixe nalgunhas coincidencias.
Para moitas das nosas xentes o martes era un día aciago, como o era tamén o día
trece de cada mes. Nalgunhas comarcas tiñan o costume de non mata-los porcos en
mércores, pois pensaban que neses días a carne diminuiría.
Era xeral a crenza de cós venres non se debían corta-las unllas porque dese modo
nacerían uñeiros e algúns chegaban a supoñer que esa operación tampouco podía
facerse en días con letra "erre" , os que ademais eran nefastos para certos
negocios.
Os días da semana nos que esta letra, “r”, formaba parte do seu nome, eran considerados aciagos ou alomenos pouco propicios para as labores do agro como facer plantacións, sementar, recoller legumes e practicar outros traballos.
Hai un antigo refrán galego que recomendaba: "en martes non te cases, nin te
embarques, nin o teu porquiño mates"..., o que contribuíu moito a manter
vivo o noxo invencible cós campesiños profesaban á letra erre..
O día máis indicado para corta-las unllas, segundo as supersticións era o luns,
porque deste xeito, non doería a cabeza. Do sábado xa era sabido que era o día
sinalado para se xuntaren as bruxas en aquelarre.
A parte destes casos concretos, é indubidable que uns días se miran con xúbilo e
outros con prevención, exteriorizándose nalgúns deles as ledicias e noutros as
manifestacións de mágoa.
Coma exemplo disto, pódense destaca-los seguintes días:
Día de Corpus: o xoves inmediato logo do Domingo da Trindade, no que a
Igrexa celebra a institución da Eucaristía. É unha festa relixiosa que se fixo
moi popular e orixinou o antigo refrán que di :
"Día de Corpus,
miña comadre,
pásache o touporroutou pola rúa".
Día de defuntos: o 2 de novembro, no que a Igrexa celebra a conmemoración
dos fieis defuntos. Esta
lembranza cristiá dedicada ós mortos sigue levando, hoxe en día, ós cemiterios
de cidades e vilas grandes cantidades de flores, coma ofrendas, que os seus
familiares colocan encol das sepulturas dos seus devanceiros.
Na comarca de Tui era costume antigo botar un gran pao ó lume a noite do día de
defuntos, para que as almas dos antepasados se quentasen. Noutros tempos, nese
mesmo día os moitos pobres e aínda os poderosos da terra mindoniense ían de
porta en porta, cantando como en Nadal e pedindo para os defuntos pan, carne,
fabas, viño e demais bens que recollían e levaban ás súas casas onde os
consumían en rexoubeiros banquetes. Esta práctica foi condenada polo Sínodo
daquel bispado no ano 1541.
Día de San Xoán: un dos costumes deste día é o lavarse pola mañá en auga
fresca, de herbas recendentes, pois di o antigo romance:
Día de San Xoán alegre, meniña, vaite lavar;
pillarás auga do paxaro denantes de o sol raiar;
irás ó abrente do día a auga fresca catar
da auga do paxariño que saúde che ha dar.
Corre, meniña, vaite lavar...
O número nove, ó contrario do trece, pasaba por ser un dos privilexiados e dos
múltiplos do tres é o que posuía maiores virtudes para as xentes aldeás. A tal
crenza provino de moi antigo e estaba tan arraigada que o seu influxo se
advertía en moitos aspectos da vida rural.
Así, para que os baños mariños ou medicinais aproveiten, habían ser precisamente
nove, ou, alomenos, habían ser tomados en número impar... A auga de nove fontes,
bebida logo das doce da noite de San Xoán, e os golpes de nove ondas do mar
(coma os do Santuario da Virxe da Lanzada) recibidos á mesma hora da propia
noite milagreira. Deste modo, poden ter excepcionais propiedades de curación.
Para quita-lo orballo ou facer desaparecer un colleitizo, había que practicar
durante nove días os procedementos que estaban aconsellados. Se se querían
cura-las úlceras, ou as lombrigas dos rapaces precisábase botar nun prato de
freixo nove cabezas de ortigas e nove areas de sal repetindo, asemade, nove
veces a oración axeitada para tales casos.
Outras doenzas, tamén para ser curadas, tiñan que se facer nove veces cada un
dos nove días seguidos as prácticas que para iso estivesen sinaladas. A
ictericia curábase igualmente ouriñando nove mañás consecutivas encol da planta
chamada marrubio... O número nove estaba considerado en Galicia como propicio e
favorable dentro das supersticións e das crenzas.
Mónica Beatriz Suárez Groba
FONTES CONSULTADAS: "BREVIARIO ENCICLOPÉDICO". ELADIO RODRÍGUEZ GÓNZALEZ
LER MÁIS:
ARQUIVOS DA NOSA CULTURA
