Os animais nas crenzas galegas
En moitos pobos antigos existiu o culto e a adoración ós animais; e algúns dos
nosos escritores así o confirman no referido a Galicia, engadindo e demostrando
con datos elocuentes que os tempos protohistóricos deixaron no noso país
vestixios claros tamén do culto ofiolátrico, e dicir ó dispensado ás serpes.
Por outra banda, os animais constitúen frecuentes e variados motivos de
ornamentación en gran número de igrexas galegas e noutros antigos edificios. Os
animais interveñen en moitas lendas da nosa literatura, falando e dialogando,
dotados de intelixencia e de linguaxe. Tamén as incrustacións atopadas en varios
rochedos de lugares galegos conservan presentacións de animais. No folclore
galego os animais interveñen moito nos contos, frases, adiviñas, agudezas e
proverbios, tal é o caso dalgúns deles, coma o raposo, o lobo, o rato, a
donicela, o cocho, o galo, o cuco, etc.
A abella é considerada como o emblema da actividade e do traballo e por iso nos
nosos refráns castígase a quen mata
un destes insectos. Ademais, os nosos labregos pensaban que os espíritos (as
ánimas) dos mortos viñan de vez en cando á terra coa aparencia dunha abella. De
aquí provén, sen dúbida, o respecto que se lle gardaba a este animal en Galicia.
Existe un refrán que di:
"O que mata unha abella ten cen anos de pena".
Os abellóns e abesouros (nalgúns lugares chamados "abelouros") forman colonias
que se instalan no chan debaixo de masas dalgunhas plantas coma o brión e o
lique. Os nosos labregos pensaban supersticiosamente cas meigas que querían
facer dano tomaban a forma de abellóns. De aquí é que ven o refrán galego que di
: "o que mata un abellón ten cen anos de perdón".
Os nosos labregos denominan alacrán á eiruga da bolboreta de caveira, chamada
tamén bolboreta da morte, e a outras eirugas de tamaño grande que posúen feitío
dun dedo, como as que se atopan entre a ramaxe das patacas, de cor cinza escura,
as que hai nas follas das vides, de cor verde, as que hai nos montes, negras, e
as que se criaban nas oliveiras. O alacrán, común en Galicia, está asociado á
crenza popular de que a súa picada é mortal, o que fai que os nosos aldeáns
sentisen cara a estes arácnidos un instintivo terror, tal como amosan non poucos
refráns do folclore galego. Nuns lugares crían ca picada sandaba queimándoa e
botando na ferida os pos do bichoco (vermes das carnes e froitas) ; e noutros
lugares usaban para iso o aceite de alacrán.
Hai un refrán popular que di:
Se te pica un alacrán
Busca crego e sancristán
Que mañá te enterrarán...
O unicornio ou alicorno é un animal fantástico, que ten corpo de cabalo, e
represéntase cun corno no medio da fronte. Nalgunhas comarcas de Galicia
chamaban tamén alicorno a un cabeiro de xabaril co que se realizaban curas
milagreiras. Este alicorno estaba engastado na base dun armazón de prata.
Xeralmente era gardado como se fose un tesouro por unha vella que o aplicaba
contra toda clase de dores, incluídos os de parto, contra o tangaraño ou
raquitismo que padecían algúns rapaces enganidos, contra as doenzas que se
supoñían producidas por algunha meiga ou algún mal de ollo, e contra as cóbregas
que, pola noite, ían zuga-los ubres das vacas e os peitos das mulleres que
crían. A virtude curativa do talismán estaba nunhas lixeiras raspaduras que se
lle sacaban e se botaban nun pouquiño de leite, sobre o que a vella facía tres
cruces co mesmo alicorno e pronunciaba unhas palabras a xeito de esconxuro;
despois o doente bebía o leite.
O chamado “anelo de alicorno” era unha sortella de prata que tiña engastado un
cachiño de alicorno ou hasta de cervo voante, e que se chaman escornabois e
vacaloura. A este becho atribuíanlle os labregos grandes virtudes, constituíndo
un dos amuletos do país. Botándoo na auga onde se facía a masa para enfornar,
pensaban que o pan levedaría máis axiña. Lavando as mordeduras de serpe ou
doutro animal pezoñento con auga na que estivese mergullado este animaliño algún
tempo, a ferida sandaría. Revolvendo a encaldada que se lle daba ós cochos coa
man portadora do anelo de alicorno tíñase por certo que o cocho quedaría librado
do maleficio que algunha persoa lle puidese ter botado na comida. Adoitábano
levar os homes e as mulleres, polas propiedades marabillosas das que o crían
dotado, pois tamén afastaba o mal de ollo e algunhas outras doenzas.
A
andoriña e a ave que fai o niño de terra, colocándoo xeralmente non ángulos das
fiestras, nos corredores das casas das aldeas ou debaixo dos tellados, e
revestíndoos polos exterior con barro, e no interior de plumas, herbas e brión.
Antigamente estaba consagrada ós deuses e por iso non a mataban, considerándoa
como heraldo da primavera.
Aínda hoxe son respectados os seus niños no noso país polos moradores das casas
que elixe para procrear, porque en Galicia tamén é popular a lenda segundo a cal
unha andoriña aliviou os sufrimentos de Xesucristo no Calvario arrancándolle co
pico algunhas espiñas da coroa, sendo ademais xeral o sentimento de que leva a
sorte á casa onde aniña, porque é o paxaro máis caseiro. Na comarca mindoniense
adoitan ficar durante o inverno algunhas andoriñas que se resgardan nos penedos
e fan os niños en palleiras.
Con relación ó año branco, o folclore galego daba por certo que para
desengada-los fantásticos tesouros subterráneos que se pensaban, estaban baixo
dalgúns castros era indispensable entregar ós mouros ou xigantes mitolóxicos que
os gardaban un año branco, sen mancha ningunha doutra cor; e aínda había
gardiáns tan esixentes que pedían que tivese dentes negros. Algúns folcloristas
galegos, como López Cuevillas, supoñían a estes xigantes mitolóxicos animais
coma gardadores dotados dun carácter infernal e demoníaco, a xulgar polas
ofrendas eles que demandaban. Outros xigantes, pola contra, conformábanse cun
animal puro, como se a súa natureza fose máis benéfica.
A araña en Galicia polo xeral non é do tipo das pezoñentas malia producir
horror, especialmente ás mulleres. A súa picada, sen embargo, pode ser perigosa
por contaxio ou transmisión, pois aliméntase de substancias animais, xeralmente
descompostas. Os nosos devanceiros considerábana purificadora do aire porque na
tea que fabrica, apreixa os corpúsculos danosos que pairan nel. Moitos dos nosos
labregos tiñan o costume de frea-las hemorraxias coa tea de araña, da que
superpoñían varias capas a modo de emplasto por riba da ferida aberta,
favorecendo con este sucio apósito a coagulación do sangue. As xentes
supersticiosas pensaban que cando as arañas camiñaban polas paredes cara arriba
era sinal de bo tempo, cando andaban cara abaixo agoiraban treboada, e cando
saían dos escondedoiros prenunciaban que ía chover; e así dicían que ventaban
chuvia.
Os ouveos dos cans aínda adoitan ser considerados polos campesiños como agoiros
fatídicos pois cren que prenuncian a morte próxima dalgún veciño do lugar que
estea doente , sobre todo cando ouvean a altas horas da noite.
Pensaban que era de bo agoiro a súa aparición nocturna como un can branco ou, o
contrario, como funesta se se presentaba como can negro.Consideraban moi
axeitada a lingua de can para a curación de feridas e por iso deixaban que estas
fosen lambidas por el a fin de que cicatrizasen máis pronto.
O can doente era o que padecía da enfermidade da rabia e percorría as aldeas no
verán. Na comarca onde aparecía sementaba un pánico de tal magnitude que logo
xurdían os homes armados con paos, fouces e outros apeiros de labranza para
perseguilo e matalo. En Monterroso e outras zonas lucenses, o mesmo que noutras
ourensás, cando unha persoa era mordida por un can doente, levábana a unha fonte
para que mirase as augas do pío: se vía nelas a cabeza dun can era sinal de que
o animal lle tiña infiltrado o virus; se non a vía, era este indicio de que a
mordedela non transmitira a hidrofobia. Nalgunhas comarcas, por vella crenza,
acudíase á intervención dalgún Santo para impetrar que non tivese consecuencias
funestas a mordedela do can que se supón doente, sendo Santo Eutelo o
considerado máis avogoso para estes casos.
O carneiro negro trátase, segundo a vella superstición ou mitoloxía galaica, do
animal que con esta figura ía por veces coa Santa Compaña dirixíndoa e guiándoa
na súa procesión nocturna a través de campos e fragas.
A galiña non canta senón que cacarexa, por iso, cando algunha imitaba o canto do
galo, crían os nosos campesiños que estaba a vir unha desgracia á casa ou que
anunciaba a presencia dalgún xenio maléfico. Cando a oían cantar, adoitaban
dicir:
Pasa, mala cousa, pasa;
Deus bendiga a nosa casa
cunha panca por riba da casa.
Nalgunhas comarcas galegas, soíase curar a dor de costado aplicando sobre o
punto unha galiña negra, viva e aberta en canal, e ademais era común pensar que
o caldo desa galiña é moi saudable.
Tamén hai quen daba por certo que moitos dos tesouros fabulosos que existían
debaixo dos castros ou das covas e furnas eran anunciados por unha galiña que
tiña os pitos de ouro.
O galo é como un reloxo nocturno para a xente do rural; marca moi ben as horas,
cantando tres veces: arredor das doce, de dúas a tres e ó saír o sol. O canto do
galo antes da media noite tomábase supersticiosamente coma agoiro de morte ou
desventura próximas.
O gato atópase na compaña do home porque este o precisa para opoñelo a outro
inimigo doméstico, máis incómodo e difícil de escorrentar: o rato. Na Galicia
campesiña o gato sempre foi considerado como un animal meteorolóxico; e por mor
desta común crenza críase que moitos dos seus actos nalgúns días sinalaban o
estado do tempo con máis seguridade cá dun bo barómetro. Deste xeito, cando o
gato corría moito pola casa era sinal de vento; e cando lavaba a cara anunciaba
unha visita ou chuvia próxima. Supoñían os supersticiosos que enviando un pelo
de gato producíaselle epilepsia a quen o recíbese e que se se comía algo que o
gato tivese probado, adquiríase asma ou algunha doenza propia dos gatos. Mesmo
hai tamén aínda quen cre que un gato completamente negro dá boa sorte na casa, e
outros pensan que é todo o contrario, que ver un gato negro é sinal de mala
sorte.
Segundo as crenzas populares, o canto do grilo era sinal de benestar; por iso
non se perseguían senón que se deixaban en paz os domésticos e cazábanse os
machos para telos na casa durante o verán, pechados en gaiolas, onde pasaban
toda a noite cantando.
Os grilos que máis e mellor cantan son os que posúen na parte superior do corpo
un debuxo que semella un "P", e que os rapaces chamaban "Príncipe", como
chamaban "Rei" ó que loce un R no debuxo dos élitros, pero que non canta tanto
nin tan ben. Os príncipes eran os preferidos dos rapaces, que ían cazalos ó
campo, por seren os máis solicitados polas xentes das cidades que adoitaban
compralos para o seu lecer.
Cando os rapaces de cidades, vilas e aldeas apañaban unha margaridiña colocábana
coidadosamente encol do envés da man e, deixándoa en liberdade, dicían: "
Margaridiña de Deus, abre as aliñas e vaite con Deus"...se o insecto voaba,
deixábano marchar ledos e satisfeitos. En moitos lugares de Pontevedra, ó canto
de margaridiña, chamábanlle xoaniña de Deus.
Hai moito tempo, en moitas comarcas de Galicia chamábaselle "marta" (anque este
nome pertence tamén a un mamífero) a un paxaro nocturno semellante á curuxa.
Críase en varias comarcas que cando se a vía voar arredor da lámpada para
zuga-lo aceite era sinal de que andaban preto os espíritos infernais, a
invisible presencia dos cales asustaba a este paxaro lúgubre.
Chamábanse paxaros da morte ós que pertencían á clase de rapina nocturna.
Considerábanse mensaxeiros da morte, e críase cós seus cantos ou berros
anunciaban o pasamento dunha persoa coñecida. Isto deu lugar a moitas crenzas.
Temíase o seu canto lúgubre porque só se oía pola noite; sen embargo, tíñase
como de bo presaxio se se refuxiaba nun pombal.
Baixo este nome, paxaros da morte, encontrábanse a maioría dos paxaros
nocturnos como o bufo, a choia, a curuxa , etc. e eran todos estes considerados
paxaros de mal agoiro polos campesiños, no só por viviren nos misterios das
sombras, senón polos seus cantos lúgubres, que adoitaban ser considerados
fatídicos por quen os oían.
Nalgunhas comarcas galegas críase supersticiosamente cas meigas se convertían
por veces en moscas ou moscóns para facer dano ós homes e animais, e aínda se
daba por certo que nos xuntoiros da noite de San Xoán as bruxas repartían as
moscas que había haber nas casas durante o verán.
O encontro co moucho, esta ave, do mesmo xeito que o efecto de oí-lo seu canto,
tíñase en moitos países como presaxio funesto e de mal agoiro. Desta crenza
supersticiosa non se librou Galicia, como amosa o cantar popular que di:
Eu ben vin estar o moucho
enriba daquel penedo.
Non che teño medo, moucho;
moucho, non che teño medo.
Pensábase que cando as pegas e os corvos voaban adoito ó redor dunha casa onde
houbese algún doente era sinal de
que morrería de contado. Os corvos e pegas dando voltas sempre eran considerados
signos de morte...
Afirmaban os campesiños que se alguén collía a cabeza dun miñato e a colocaba
sobre o estómago, facíase querer de todos, especialmente das mulleres; e que se
a cabeza do miñato se penduraba do pescozo dunha galiña, esta correría sempre e
non pararía ata que llela quitasen; e que se se fretaba co sangue do miñato a
crista dun galo, este non volvería xamais cantar.
O morcego foi obxecto de preocupación en tódolos tempos. Hai quen aseguraba que
bebía o aceite das lámpadas nos templos cando o que de certo procuraba eran os
insectos que voaban arredor da luz. Hai quen o consideraba de mal agoiro se
entraba nun cuarto. Sen embargo, era inofensivo e debería ter sido máis
respectado e protexido porque era moi útil para limpa-la atmosfera de mosquitos,
cínifes e insectos. O morcego non se pode facer doméstico, aínda que se apliquen
nese propósito os maiores coidados; non é certo que teña visión na escuridade,
como cre o vulgo, senón que a grande amplitude das súas ás, as longas orellas e
a sutilísima finura do seu oído-radar substitúen a visión, e, deste xeito, pode
penetrar nas covas, percorrelas en todas direccións e segui-las tortas galerías
sen tropezar nos ángulos. Unha especie moi común en Galicia é o morcego de
ferradura, grande, con varios apéndices nasais dotados dunha chamada ferradura
arredor das ventás do nariz; outra é o morcego orelludo, así chamado polas
grandes orellas.
A pomba foi considerada sempre como símbolo do amor conxugal, pola fidelidade
que se gardan o macho e a femia
axeitadamente emparellados. Como elemento decorativo, a pomba figura
representada en construccións rurais do país, pois non é estraño vela nas puntas
dos tellados en outono, a dúas augas, unhas veces en repouso e outras en
actitude de comeza-lo voo; e aínda servía de coroación a moitos canastros e a
non poucas chemineas aldeás, en número de dous, colocadas unha fronte a outra.
Considerouse tamén como ave de significación lúgubre e demoníaca, téndoa por
símbolo fúnebre nas sepulturas cristiás. Esta crenza estaba tan arraigada na
conciencia popular que nun romance antigo, a sogra cruel e vingativa dicía que ó
volver da caza o xenro odiado lle daría de comer do que traia: da perdiz sería o
de menos, e da pomba sería o máis, feito que amosa a pouca ou ningunha
estimación na que era tida a carne de pomba.
A salamántiga ou sacabeira, a que se coñece en Galicia é de brillantes cores, e
por estes e polas formas que amosan chama a atención fóra do noso país... Ten
como unhas seis polgadas de longo, rabo redondeado e cor negra con manchas de
amarelo vivo ós lados, debéndose a isto o nome galego que se lle dá. Os
campesiños considerábana velenosa, crendo que abondaba a súa presencia e
proximidade e as súas segregacións, que eles chamaban orballo, para produciren
doenzas graves no gando. Tal crenza non estaba xustificada, pois o líquido que
flúe dos seus costados cando se alporiza só é mortífero para animais pequenos.
Había un refrán que dicía : "Se te morde a salamántiga, que che fagan logo a
cama".
Mónica Beatriz Suárez Groba
FONTES CONSULTADAS: "BREVIARIO ENCICLOPÉDICO". ELADIO RODRÍGUEZ GÓNZALEZ
LER MÁIS:
ARQUIVOS DA NOSA CULTURA
