O culto ó sol nas crenzas galegas
O sol constitúe un dos principais elementos da mitoloxía galega. Os seus atributos esenciais permitiron asimilalo co apóstolo Santiago que foi para os primeiros cristiáns, en sentido místico, como o sol que esvaece as tebras da idolatría.
A fábula pagá vencellada ó culto do Sol é a de Xerión, morto e
enterrado por Hércules debaixo da torre coruñesa, que aínda leva o
nome do lendario vencedor e que veu esmaltar no escudo heráldico da Coruña.
Hércules
era a representación do Sol, e esa fábula non trata dun mito solar, nin
encerra máis lembranzas cás referentes ó deus da luz, vencedor das
sombras,ó que adoraban os galaicos.
Outro
antigo romance galego representa ó Sol como un fermoso mancebo apoiado nun
cetro de lampos, con barbas e cabelos louros, cabelo roxo do que saen,
ademais, raios solares, tamén louros; e na linguaxe vulgar do país, o sol
chámase "Lourenzo".
O remotísimo culto ó Sol en Galicia testemúñano tamén o "Ara Solis" de Ptolomeo, próximo ó cabo Fisterra. Esas tradicións están cheas dun sabor solar tan pronunciado cas peregrinacións que realizaban a Fisterra os que viñan visita-la tumba do Apóstolo, non facían máis ca repeti-las antigas tromenies célticas ó Ara Solis.
Seguramente, o medo e o acoro que infundiu nos antigos a visión que experimentaron ó chegar a Fisterra, lugar no que só se ollaba un infinito mar no que se mergullaba o sol, como se o océano o devorase, ó tempo que se escoitaba un fondo laio, crenza que inda hoxe sobrevive nalgunhas xentes desta " Finisterrae".
A lenda de Ara Solis, quizais de orixe grega, refire que o pobo caldeo, que adoraba o sol, decidiu un día pescudar onde se escondía o astro durante as horas da noite. Abandonando os seus lugares natais, os caldeos comezaron o seu camiño cara a Occidente. O derradeiro lugar ao que chegaron foi Galicia. Alí foi onde se decataron de que o mar lles impedía continua-lo avanzo, ó mesmo tempo que descubrían que o Sol se asolagaba no océano. Convencidos de que entre as augas pasaba o astro adorado as horas da noite e abraiados perante aquel prodixio, decidiron construír naquelas terras un altar ó que puxeron de nome de "Ara Solis".
Hai tamén quen afirma que o cáliz e a hostia do escudo de Galicia son unha representación simbólica ou filtrada pola relixión cristiá do sol sobre o "ara". Entre os nenos aldeáns crese que o Sol baila na mañá de San Xoán; e non son poucos os que acoden de madrugada a algún outeiro, provistos de cendais ou de cristais afumados, para contemplar e admira-lo marabilloso fenómeno que acada visos de realidade no seu maxín infantil.
Entre os pescadores existía o que se chamada " dar volta o sol"
, e referíase ós días da segunda quincena de decembro, comprendidos entre o 19
e o 24, que é ata cando entra a sardiña nas rías galegas, cando dá volta o
sol, ou sexa, cando comezan a medralos días logo de viren minguando.
O folclore galego abundantísimo en
tradicións e lendas, e as que pertencen entre outras as súas peregrinacións
celtas á
Ara Solis e ó Cabo Fisterra logo de visita-lo sartego do
Apóstolo son moi numerosas.
O culto ás estrelas fixo que a Vía Láctea se chame "Camiño de Santiago", que algúns cren se-la ruta das almas cara a eternidade. O culto dos astros, en especial, do sol e da lúa, estivo antigamente arraigado en Galicia, e aínda o segue estando entre xente aldeá, segundo revelan fragmentos de romances populares que se conservan, e nalgúns dos que hai visibles reminiscencias pagás e supersticiosas. Por outra banda, o Ara Solís xustifica esas antigas crenzas, como as rememoran tamén non poucos costumes que aínda seguen vixentes nos nosos campos.
Mónica Beatriz Suárez Groba
- Bibliografía consultada: "breviario enciclopédico", eladio rodríguez gónzalez
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
