As bruxas nas crenzas galegas
Para o aldeán galego non hai, en realidade, diferencias grandes entre bruxas e meigas pois tanto unhas como outras estímanse dotadas de idéntico poder diabólico, se ben o vocábulo meiga posúe na nosa lingua a dobre significación adxectiva de "enfeitizadora", que atrae, engaiola ou cativa.
Supóñase,
sen embargo, que as bruxas eran máis danosas cás meigas, pois estas non voaban
polos aires como aquelas, que ían tódolos sábados ó "aquelarre"
montadas en vasoiras. Esta viaxe aérea e nocturna
facíana mediante a aplicación dun ungüento máxico que agachaban debaixo da pedra
da
lareira, pola cheminea
da que comezaban a carreira. Este ungüento chamábase
cacho
e esta pomada impedía sufri-la acción da gravidade cando ían polos aires ós seus
xuntoiros. Dicíase que estaba feita de graxa de cocho, po de ósos de defuntos e
outros ingredientes.
As bruxas tiñan credo de seu, que ensinaban ás fillas para transmitírlle-lo seu
propio poder, pois a bruxería espállase por herdanza.
Cando ían realizar algúns dos seus malignos propósitos mudaban en abellóns,
arañas, moscas raxadas ou outros insectos.
Os que querían librarse do influxo maléfico tiñan que levar consigo un allo,
unha figa e outros amuletos. Ós homes abondáballes con leva-la faldra da camisa
por fóra do pantalón. Moitas mulleres levaban na faldriqueira un dente de allo,
unha figa ou un corno de vacaloura para vérense libres do asedio das bruxas.
Nos séculos XVI e XVII foron acusadas de bruxería pola Inquisición
varias mulleres que resultaron condenadas a penas aflictivas e infamantes,
porque ó seren sometidas ó tormento confesaron que tiveran pauto co demo; mesmo
houbo unha que testemuñou que era a súa muller.
En Galicia, ós maleficios e meigallos das bruxas van
tan unidos os das meigas que se pode afirmar que son os mesmos. Nalgunhas das
nosas comarcas din que cando as bruxas montadas nas vasoiras van polo aire a
algún dos seus xuntoiros empregan o dístico:
"Por enriba
das silveiras e por debaixo das carballeiras"..fórmula coa que cren que non
atoparán atrancos nin tropezos na viaxe....
Nas
supersticións de Galicia a vasoira desempeña
unha importante función, quizais porque segundo a crenza popular as meigas
rubían polas chemineas e montadas en vasoiras ían polos aires a Sevilla e ó
areal de Coiro para celebra-los aquelarres os sábados e as noites de San Xoán e
San Silvestre. Aínda hai en Galicia quen ten por mal agoiro varrer de noite a
casa ou deixa-la vasoira detrás da porta de entrada da vivenda; por contra,
consideran que se a fiestra que mira a onde ven un trebón se coloca a vasoira de
varre-lo forno, formando cruz coa pala do propio forno, afastábase o perigo para
os sementados e colleitas. Opera ademais como amuleto infalible contra as meigas
poñela vasoira co mango cara abaixo detrás da porta, procedemento que tamén
empregan cando unha visita se fai molesta, para que o visitante marche logo.
A estriga era unha madeixa de liño que se
pasaba por dous ou tres angazos para limpala. Como reminiscencia de vellas
supersticións, algunhas das xentes sinxelas aínda senten horror ós meigallos das
bruxas. Había quen facía unha cruz na cinza da lareira, rodeándoa cun círculo e
varrendo logo a lareira cunha estriga porque crían que deste xeito escorrentan o
maleficio que puidese haber.
Entre os feitizos pódese citar os encantamentos, o mal de ollo, os
sortilexios, os maleficios e as fascinacións. Como todo o que
provén da superstición é compañeira do artigo de fe; e entre os crédulos, o
feitizo é, as veces, personificado naquilo que posúe de supersticioso pois do
mesmo xeito que os hai maléficos, tamén os hai benéficos, protectores e ata
productores de saúde, pertencendo a esta clase de benfeitores as figuras ou
amuletos que conxuran o mal e atraen o ben, como son as figas, as bulsas dos
atavíos, os cornos da vacaloura, os cabeiros de porco bravo, os dentes de allo e
outros moitos.
Mónica Beatriz Suárez Groba
- Bibliografía consultada: "breviario enciclopédico", eladio rodríguez gónzalez
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
