O MOSTEIRO DE ARMENTEIRA E A SÚA LENDA
Armenteira
é unha parroquia pertencente ó concello de Meis,
PONTEVEDRA. Meis está situado ó oeste da
provincia e esténdese dende o alto do monte Castrove
ata as beiras do río Umia cunha extensión de 52
Km2.
Limita ó Norte, con Vilanova de Arousa, ó Sur, con Poio e Meaño; ó Leste, con Portas , Barro e Poio, e ó Oeste, con Meaño e Ribadumia.
Ten un pouco máis de 5000 habitantes e no seu monte Castrove atópase un dos mosteiros cistercienses máis simbólicos do Salnés: o Mosteiro de Armenteira.
O MOSTEIRO DE ARMENTEIRA E A SÚA LENDA
O nobre galego Ero de Armenteira fundouno
no século XII, abandonando a vida cortesá e entregándose a unha vida de
recollemento e oración. Este mosteiro é un dos monumentos románicos mellor
conservados en Galicia e ten unha historia de lenda e devoción...
Segundo a historia, Don Ero de Armenteira e a súa dona non tiñan descendencia.
Unha noite ámbolos dous tiveron o mesmo soño. A Virxe aparecéuselles e
díxolles que fundasen dous mosteiros cistercienses, un de homes e outro de
mulleres. Desa maneira terían unha descendencia espiritual máis importante
que a súa desexada descendencia terreal.
Ero
decidiu converte-lo seu palacio no Monte Castrove nun mosteiro e
posteriormente a súa capela en ermida.
Principiou a construcción da que sería igrexa cisterciense no ano 1167, obra rematada en 1212 baixo a protección do rei Afonso VI, que era o seu amigo e compañeiro de armas.
Despois, Ero, foi nomeado abade deste nacente mosteiro dedicado a Santa
María e recibiu moitas doazóns e privilexios por parte do monarcas e dos
nobres do Reino.
Pero xunto cos datos históricos que se conservan, tamén chegou ata os nosos
días o eco dunha lenda que din viviu o seu fundador.
Ero retirouse da vida mundana e levou unha vida de ermitán. Máis conta unha
fermosa lenda que nun dos seus habituais paseos polo bosque para sumirse nas
súas oracións, Ero goreceuse debaixo dun carballo quedando engaloiado polo
canto dun paxariño. Descansou á sombra desa árbore ata que o animaliño
marchou. Este canto do paxaro provocou nel un feitizo que durou máis de 200
anos...
Logo de pasado o tempo, que el cría unha tarde, volveu cara ó mosteiro, máis o
abade tiña a impresión de que aquel non era o mesmo camiño polo que viñera e
, ó chegar, a súa sorpresa foi máxima ó ver seu antigo mosteiro convertido
nunha construcción máis moderna e grande, na que tamén había máis monxes.
Axordado e desconcertado, Ero dirixiuse a un monxe e expresoulle a súa
confusión. Entón armouse un gran barullo no mosteiro ata que o monxe máis
ancián, que oíra falar do vello abade Ero, chegou cun vetusto libro e leu a
seguinte historia que nel estaba escrita : "Santo Ero
de Armenteira, nobre e piadoso varón, fundador e abade deste mosteiro, quen
nunca máis foi visto despois de saír a meditar ao monte Castrove"
O
vello abade comprendeu entón que namentres el estaba a escoita-lo paxariño
aquel, tiveran pasado no mundo uns trescentos anos. Presentouse como o abade
Ero e os monxes pedíronlle que gobernara de novo o mosteiro. Ero, moi
satisfeito da milagre de Santa María ó lle mostra-lo paraíso, e conceder
esta gracia. Moi pouco tempo despois, morreu.
O Rei Afonso X cóntanos esta milagre acontecida ó
nobre Ero, e logo abade do Mosteiro de Armenteira, na súa
Cantiga a Santa María, número 103 . Esta lenda pertence ó
ciclo céltico dos contos sobre o Paraíso, conservados nas tradicións
orais de Bretaña, Cornualles, Gales, Galicia e Irlanda.
Don Ero de Armenteira creou unha das xoias máis grande da arte románica galega
, que aínda conserva intacto o seu esplendor. En canto á súa fachada, é un
dos mosteiros cistercienses de Galicia que a mantén intacta. E se a igrexa é
unha obra digna de admirar, non o son menos o resto das edificacións, dos
séculos XII, XIV e XVIII.
Consérvanse en moi bo estado o mosteiro de Armenteira, como tamén o
seu campanario barroco do ano 1778, a súa sancristía neoclásica de planta
cadrada, cuberta de granito, ou o claustro renacentista onde se dispoñen as
estancias do mosteiro.
Santa María, actualmente igrexa parroquial,
foi declarada Monumento Histórico-Artístico, e
celébrase en agosto a festa de San Ero e no mes de abril a coñecida
Romaría das Cabezas, de propiedades milagreiras para cura-las
dores desa parte do corpo.
MÓNICA B. SUÁREZ GROBA
Bibliografía consultada:: "Lendas de Galicia e outros temas narrativos", Chao Espina
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
