Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

PONTEAREAS

O concello de Ponteareas atópase na provincia de Pontevedra.


Escudo de PonteareasSuperficie: 125,9 km²


Poboación: 18844 habitantes


Parroquias: Angoares (San Pedro) , Arcos (San Breixo) , Areas (Santa María) , Arnoso (San Lourenzo), Bugarín (Santa Cristina) , Celeiros (San Fins) , Cristiñade (San Salvador) , Cumiar (Santo Estevo) , Fontenla (San Mamede) , Fozara (San Bartolomeu) , Guillade (San Miguel) , Guláns (San Xulián) , Moreira (San Martiño) , Nogueira (San Salvador) , Oliveira (Santiago) , Padróns (San Salvador) , Paredes (San Cibrán) , Pías (Santa Mariña) , Ponteareas (San Miguel) , Prado (San Nicolao) , Ribadetea (San Xurxo) , San Lourenzo de Oliveira (San Lourenzo) , San Mateo de Oliveira (San Mateo) , Xinzo (Santa Mariña)
Mapa de Ponteareas

Descrición Xeográfica

Este concello está estratexicamente situado e relacionado con importantes núcleos de poboación e participa de cheo na vida urbana, coas vantaxes dunha pequena vila, a 26 quilómetros de Vigo, pola estrada N-120, e a 45 de Pontevedra, polo Porriño.
Ponte en PonteareasO río Tea fecunda esta comarca e circunvala a vila. Os condes da próxima Salvaterra do Miño déronllo nome do Condado ó territorio, aínda que sempre Ponteareas mantivo o seu carácter de cabeceira comarcal. Na actualidade, sobre os seus 125,9 quilómetros cadrados viven 18.500 habitantes, agrupados en 24 parroquias.

Ó oeste deste concello témo-las estribacións da Serra do Galleiro; ó leste o rebordo montañoso da Paradanta e no sector central, atravesando o municipio de norte a sur, existe unha falla aproveitada polo río Tea para abrir un fértil val por onde discorre a súa canle. Do Tea son tributarios o Cillarga, Xinzo e Cristiñade pola súa marxe dereita e o Uma pola esquerda.

O clima é oceánico húmido, con seca estival. As temperaturas medias invernais son inferiores ós 8 graos e as estivais son elevadas. Os piñeiros e eucaliptos son habituais na paisaxe do Condado, con zonas repoboadas para a explotación madereira.

Aspectos Históricos

O río Tea escribe nas súas marxes o paso do tempo dun concello que conserva os vestixios da súa historia. Dende o Castro de Troñapaleolítico ata a invasión visigoda, Ponteareas atopou no fondo da terra os vestixios que marcaron o seu avance en lugares coma Guillade, Angoares, Bugarín, Guláns, a Cidade de Fózara ou a citania de Troña.

Da pegada romana dá fe a que foi a vila de Angoares, hoxe lugar onde se ubica a actual igrexa románica nunha zona que foi arrasada polos vándalos no 445 e que pasou a formar parte da igrexa compostelá no 893, trala doazón do rei Afonso III.

Ó amparo do castelo de Sobroso, hoxe Museo Histórico e Etnográfico do Condado, xestouse a vida dunha localidade que tivo nesta familia e na dos Canedo as principais protagonistas das loitas feudais do século XV e que viu cambiar radicalmente o seu ritmo de vida cara á actividade comercial despois de que o rei Fernando 'O Católico' (1483) lle concedera a mercede de celebrar un mercado mensual no couto de Canedo.

Sabemos da súa existencia no ano 1117, cando a raíña dona Urraca é cercada nesta fortaleza polos partidarios do seu fillo, o neno-rei Afonso VII, conseguindo escapar a Compostela en busca do auxilio do arcebispo Xelmírez.

A lenda afirma Castelo do Sobrosoque escapou por un pasadizo subterráneo que comunica o castelo e as ribeiras do río Tea. Pertencente á coroa como baluarte do sistema defensivo do territorio tudense, no século XIII pertenceulle á familia dos Soberoso; no 1386 foille entregado por Pedro I a Álvaro Pérez de Castro e no 1379 Xoán I concédelle o señorío de Sobroso a Pedro Ruíz Sarmiento.

Na segunda metade do século XV é escenario das furias da revolución irmandiña, que derriba boa parte do castelo entre 1467-1468, e das loitas nobiliarias entre as linaxes Sarmiento e Soutomaior. O castelo foi reconstruído primeiro por Pedro Álvarez de Soutomaior e despois rematou a obra García Sarmiento.

No transcurso da época moderna o castelo é cabeza dunha ampla xurisdicción, perdendo a súa importancia militar. Dende o século XVIII o castelo queda abandonado, arruinándose paulatinamente. Foi adquirido no 1923 por Alejo Carrera Muñoz, artífice da súa reconstrucción e revitalización. No 1981 foi adquirido polo concello de Ponteareas, o seu actual propietario.

Información Turística

A citania de Troña observa o devir dos días dun concello que ten ofertas para satisface-lo máis esixente dos visitantes. A cultura castrexa comparte protagonismo coas vistas que ofrece o monte Picaraña que acolle, ademais, á Pedra do Equilibrio e á Pedra dos Enamorados e un viacrucis no cumio coroan tan singular montaña. Estas dúas pedras, de caprichosas formas, corresponden a afloramentos graníticos de grandes dimensións. A Pedra dos Enamorados, na parroquia de Arcos, serve de encontro ás mozas casadeiras, e a Pedra do Equilibrio, con posición oscilante, desafía as leis da gravidade.

Ponte vella, imaxe de principios do século XXO río Tea serve de lenzo para a ponte medieval dos Remedios, que deu a metade do seu nome a Ponteareas. Para algúns ten a súa orixe na época romana, na que formaba parte do sistema viario imperial. A ponte actual corresponde ó período medieval, como o acreditan os seus sinais lapidarios.

Entre os monumentos deste concello hai que coñece-la igrexa de San Pedro de Angoares, que conserva unha ampla riqueza iconográfica centrada nos capiteis do seu interior e na colección de canzorros decorados que rodea o beirado deste templo; a igrexa de San Salvador de Padróns, cunha fermosa fachada; a de Santo Estevo de Cumiar; o convento de San Diego de Canedo, antigo palacio dos condes de Salvaterra; a igrexa e casa rectoral de Areas, co seu retablo pétreo da Virxe das Dores, e a igrexa e casa rectoral de Pías, con torre e blasón.

Ó chegar ó alberge xuvenil deste concello o visitante verá un camiño que conduce a un lugar boscosa de grande beleza onde se ergue a capela de Santa Cruz e dende a que parte o viacrucis de pedra que remata na grande cruz, miradoiro de alto interese paisaxístico.Igrexa de Angoares

Cara á esquerda da capela nace un sendeiro que leva ó cumio oeste, coa súa grande rocha. Se seguimos enlazamos coas ladeiras do monte Landín, onde está ubicada a fortaleza do Sobroso, noutrora comunicada coa Picaraña por un longo pasadizo que, segundo a lenda, percorría tódalas noites a filla do castelán, escoltada pola súa dama de compañía, para verse cun mozo fidalgo lugareño, ata que os encontros foron coñecidos polo pai da rapaza, que pechou de por vida ó atrevido mozo nos calabozos do castelo.

O grande penedo chan do cume está tallado por varios sinais en forma de ferradura. Son as pegadas que deixou o cabalo dun santo varón do lugar, mentres fuxía dos seus perseguidores sarracenos e que, acurralado ó bordo do abismo, prefiriu a morte a ser tocado por aquelas mans impuras. Lanzou adiante o seu cabalo que, lonxe de caer ó fondo, se elevou ó ceo, burlando ós infieis.Pena dos namorados

Nesta zona podemos atopar descomunais lagartos ocelados ou inofensivas culebras. A aguia rateira e o azor obsérvanse, ás veces, sobre os claros dos bosques. Ademais, no primeiro tramo do sendeiro abundan os salgueiros e os carballos.

Festividades

Ponteareas é coñecida en toda España polas marabillosas alfombras de flores, confeccionadas na festividade do Corpus Christi, que lle deron o cualificativo de 'Vila do Corpus'. Esta festa foi declarada no 1968 de Interese Turístico e no 1980 de Interese Turístico Nacional.

Esta vila tamén honra á súa patroa, a Virxe dos Remedios, o 8 de setembro, cunha feira anual. Ó outro patrón, san Miguel, hónrano o 29 de setembro.Alfombra de flores no Corpus Christi de 2002

Con grande tradición, na festa da Picaraña, tamén chamada de santa Cruz, danse cita o 1 de maio propios e estraños nunha romaría popular que parte dende o centro de Ponteareas e, presidida polas respectivas cruces parroquiais, vai camiño do monte do mesmo nome.

Nas parroquias deste concello sobresae a celebración de san Xulián de Guláns o 7 de xaneiro e san Bieito de Angoares en maio.

O sábado é o mercado en Ponteareas e os días 14 e o último sábado de mes e a feira de gando. O 14 de agosto e o 8 de setembro é a feira anual en Ponteareas.

 

 

 

 

Ponte en Ponteareas. Debuxo feito por Julián Hernández

PONTEAREAS: DEBUXO FEITO EN 1941 POLO COÑECIDO ARTISTA VIGUÉS, XULIÁN HERNÁNDEZ, Á IDADE DE 10 ANOS 

Ver Temas relacionados:  

A festa de Corpus en Ponteareas

"Ponteareas máxica": Ritos, mitos e lendas, por Manrique Fernández

Lugares de Ponteareas

Banda de Unión de Guláns

Ponteareas, o primeiro pasodobre galego

Fontes de información: Compañía de Radio e Televisión de Galicia , CRTVG:  http://www.crtvg.es,  Web do Corpus: www.corpusweb.org

www.galiciaespallada.com.ar