A cociña tradicional galega
En Galicia, a
cociña é lugar de reunión de moito enxoval tradicional, centro de
relación familiar, testemuña de festas, conversas, tristezas e ledicias, e
estancia fundamental en calquera casa rural. Nela tamén a utilidade de arte
popular se fai estética. En tamaño e forma varían as distintas partes dunha
cociña, segundo sexa a casa e a zona onde se encontre.
A
lareira
ocupa un lugar destacado, e nos días de inverno atrae ós compoñentes familiares.
Cóbrese cunha cambota que no interior leva o
canizo onde se colgaba a carne da matanza para curar.
Do
canizo pendía a gramalleira
que sostiña o caldeiro
no que lentamente cocía o alimento dos animais. Sobre a leña ía o
tradicional
pote da comida familiar.
A cociña completa necesita distintos mobles prácticos e de formas ben
diferentes. Na artesa amasábase e gardábase o pan,
servía ademais de mesa; o banco ou escano colocábase
preto da lareira; as olas , os
cazos, as tixolas colgábanse na
espeteira, mentres que nos alzadeiros se
colocaban elementos decorativos. Completaban o enxoval os
útiles de barro ou metal para cociñar e gardar alimentos.
Moitos elementos da cociña tradicional galega desapareceron hai anos e
actualmente novos elementos e outras necesidades igualaron a cociña rural coa
urbana.
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada: "galicia 2001: etnografía espiritual", Xunta de Galicia.
