Castelao
Dedicado o día das Letras Galegas en 1964
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
(Rianxo, 1886-Bos Aires, 1950) é unha das personalidades máis ricas e fecundas do movemento galeguista.
Licenciado en Medicina, abandonou moi cedo a práctica desa prfesión
para dedicarse ás que eran as súas
verdadeiras vocacións: a arte e a
reivindicación integral de Galicia.
A súa actividade desenvolveuse na creación literaria, no periodismo gráfico, na pintura, no teatro e na política. Membro destacado da Xeración Nós e home comprometido coa defensa da autonomía para Galicia e coa causa republicana, a súa figura alcanzou co paso do tempo unha dimensión mítica.
Entre as súas obras máis importantes están Cousas, Cousas da vida, Os vellos non deben de namorarse, Os dous de sempre, Sempre en Galiza e Retrincos.
CASTELAO
Castelao é o símbolo máximo da identidade galega. Político, pintor e
escritor, a súa figura polifacética e humana está constantemente
presente na memoria colectiva de Galicia
Afonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao naceu en Rianxo o 30 xaneiro
1886, aínda que pasou toda a súa infancia en Santa Rosa de Toay, en
La Pampa Arxentina, onde emigraran os seus pais ao pouco de el
nacer.
A familia Castelao volta a Rianxo en 1900 e Afonso-Daniel licenciase
na Facultade de Mediciña de Compostela en 1908, cursando o Doutorado
en Madrid ao ano seguinte, onde comeza a destacar como
caricaturista, tras o cal se establece en Rianxo e adire o movemento
agrarista Acción Gallega.
Como pintor, Castelao foi un grande artista condicionado pola súa
case cegueira e pola necesidade que sentía de crear un arte ao
servizo de Galicia, primando logo a comunicación sobre as cuestións
artísticas. O arte gráfico de Castelao defínese primeiramente pola
súa constante humorística e satírica na que as xentes humildes
adoitan ser os protagonistas. A partires da Guerra Civil española, a
crueldade e miseria daquel acontecemento causa que o deseño de
Castelao evolucione cara a denuncia da traxedia e mesquindade do
feixismo.
No ano 1916 deixa a Mediciña e desprázase a Pontevedra, onde adire
as Irmandades da Fala e participa na Asembleia Nazonalista de Lugo,
subscribindo unha transcendente declaración nacional. En 1920 toma
en cargo a dirección artística da publicación "Nós" e viaxa por
Francia, Países Baixos e Alemaña. En 1922 inicia a súa producción
narrativa publicando "Un Ollo de Vidro". No ano 1924 ingresa no
Seminario de Estudos Galegos e funda a Coral Polifónica de
Pontevedra xunto a Lousada Diéguez. Dous anos máis tarde inicia a
publicación "Cousas" e en 1929 viaxa a Bretaña para estudar os seus
cruceiros, do que resulta o libro "As Cruces de Pedra na Bretaña".
No ano 1930 asiste ao Pacto de Lestrove, onde se formou a Federación
Republicana Galega, intervén nos actos do Partido Nacionalista
Republicano Galego e participa na histórica asemblea de redacción
das bases do Estatuto do Estado Federal de Galicia. Ao ano seguinte
edita o álbum "Nós" e é elexido deputado no Parlamento de España
polo Partido Galeguista, que acadara 16 deputados. En 1934 ven a luz
"Retrincos", "Os Dous de Sempre", e máis a edición definitiva de
"Cousas", ingresa na Real Academia Gallega e é desterrado polo
goberno conservador a Badaxoz, Castela, onde permanece ata o troco
de goberno de 1935.
Outravolta parlamentario polo Partido Galeguista, estala a Guerra
Civil ao se encontrar Castelao en Madrid para entregar o texto do
Estatuto de Autonomía de Galicia, referendado a favor por un 98% dos
votos, e no que o líder galeguista tivera unha actuación de
relevancia. Durante a guerra española participa na organización das
Milicias Galegas, ás que pertencía Enrique Líster, e se despraza co
goberno republicano a Madrid, Barcelona e Valencia, onde publica os
álbumes "Galicia Mártir" e "Atila en Galicia".
En 1938 é enviado polo Ministerio de Propaganda a Rusia, Estados
Unidos e Cuba para obter apoio entre os emigrantes á causa
republicana. De regreso a Nova Iorque embarca a Buenos Aires, onde
fixará a súa residencia. Na capital arxentina estreou en 1941 "Os
vellos non deben de namorarse", a aportación de Castelao ao teatro
galego.
No ano 1944 publica a obra cumio do pensamento galeguista, "Sempre
en Galiza" e convértese en primeiro presidente do Consello de
Galiza, o goberno de Galicia no exilio. En 1945 funda con cataláns e
bascos a revista Galeuzca, lembranza da alianza política de 1933, e
un ano máis tarde é nomeado ministro do goberno da República no
exilio, polo que se traslada a París.
Volta a Buenos Aires en 1947 e dous anos máis tarde aféctalle un
cancro de pulmón. Publícase "As Cruces de Pedra na Galiza" ao pouco
do seu pasamento, o 7 xaneiro 1950, sendo soterrado no Panteón do
Centro Galego do cemiterio de La Chacarita, Buenos Aires, coa masiva
asistencia e cariño de persoeiros chegados expresamente de todo o
mundo. O Senado de Arxentina daquela erixiulle un monumento á súa
honra como tal fixo o concello de Buenos Aires dándolle o seu nome a
unha praza. Desde entón, parte da inxente obra de Castelao ten sido
publicada en varios idiomas, do húngaro ao italiano, do francés ao
ruso, do inglés ao chinés, do basco ao portugués..., e desde a caída
do réxime do dictador Franco os restos do máis egrexio galego de
historia repousan no Panteón de Galegos Ilustres, en Galicia.
Fte:
www.riasbaixas.net
