Camiñando a Santiago por Galicia
por
Teresa
Márquez Sanmartín (
Versión en castelán
)
Fai pouco máis dun ano que fixen o Camiño e aínda sego falando, escribindo e
revivindo esa experiencia. É que o Camiño meteuse debaixo da miña pel, calou tan
fondo no meu corazón que non podo desprenderme del.
De regreso á miña casa, os primeiros tempos non quería falar moito do Camiño;
ocorréuseme pensar agora que quizais era unha maneira de mantelo vivo dentro de
min e que non se diluíra en palabras. Tiña tanto que elaborar, gozar, estrañar,
comprender... O tesouro debía estar gardado por algún tempo. É un recordo que
non se afasta co tempo, está sempre presente, coma ó alcance da man.
Cómo esquecer a miña primeira noite no Camiño, no albergue do Cebreiro, onde por
primeira vez na miña vida durmín nunha bolsa de durmir. O chan era
escorregadizo, frío e duro, pero iso non importaba. As emocións danzaban sen
parar da risa ó pranto. Estaba na miña amada Galicia, tantos anos querendo estar
debaixo dese ceo, deixando as miñas pegadas, sen présa, ulindo a terra,
deluvando a alma, para ir sementando ese amor por tanto tempo gardado.
O serán en Triacastela, asolagando a paisaxe, a placidez, a satisfacción dos
primeiros quilómetros percorridos.
O desexo de que o novo día alborexara para continua-la marcha a pesares da
calor, da mochila e das pernas doridas. É que xa se comeza a saborea-la emoción
do imprevisto, do descoñecido, dos encontros non programados. Iso é o
marabilloso do Camiño, un ábrese ó que suceda, sen previr, sen medos nin
resistencias. Sinxelamente acéptase, sen queixa, porque en definitiva escollemos
facelo, comprendendo que na vida tamén escollemos cada paso que imos dando.
Seguín a marcha coas miñas dúas compañeiras, en silencio por moitos treitos,
cada unha cos seus propios pensamentos. Por momentos sentímonos desfalecer;
faltábanos o aire, o sol era abrasante, realmente había que buscar motivos moi
importantes que nos estimulasen a continuar.
Eu sentía que me conectaba coas febras máis profundas do meu ser, que cada
célula do meu corpo estaba presente nese momento, e nun intre toda a miña
materia se esvaecía e o espírito era o único que continuaba camiñando. Chegando
a Portomarín, a vista reconforta e xustifica o esforzo; o río Miño, coas súas
augas quedas, falábame da miña infancia e amoreábanse na miña memoria imaxes que
amosaban a miña nai, moza, traballadora, sempre cantando cancións da súa terra:
"Río Miño, anda caladiño que espertas o meu meniño". O corazón se me
estrulla pensando en canta morriña terían por aqueles tempos ela e meu pai. O
Camiño ten a virtude de que agromen na conciencia lembranzas esquecidas,
emocións esvaecidas no tempo, novas sensacións. Ás veces tiña a sensación de ir
camiñando noutra dimensión.
Será que se ten moito tempo, o silencio, sentir que se está cara a cara cun
mesmo e con Deus. Momentos de quietude, oración, compromiso e esperanza. Non
existen as circunstancias externas que moitas veces nos fan mentírmonos,
xustificármonos, adorna-las situacións para que non magoen tanto. Tamén as
dúbidas fanse presentes: ¿para que estou a facer isto? Pero seguimos camiñando,
co mesmo entusiasmo co primeiro día porque sempre se atopan motivos para
prosegui-la marcha, e aínda hoxe sigo atopando respostas. Benditos bosques os da
Coruña que invitan ó goce, ó goce dos sentidos e do espírito. A liberdade de
vivir sen reloxo, sen compromisos, sen rutinas. Era como camiñar polo ceo, ese
ceo que todos temos dentro e que na vida dámonos poucas oportunidades para
descubrilo.
Deus, Santiago, o Universo máis eu estabamos en sintonía.
A lentitude íase apoderando de nós. Todos nos pasaban, pero non nos importaba,
seguiamos camiñando pousando cada paso rítmico e profundo amasado coa
transpiración que percorría o corpo. Queriamos atrasa-la chegada, non queriamos
deixa-lo Camiño, sabiamos que unha parte nosa ficaría impresa nel. Como
esquece-las sestas debaixo das árbores, os encontros cos peregrinos con tantas
historias, os almorzos e as ceas compartidas, as despedidas.
Santiago xa estaba preto; estaba tan mobilizada coma ó principio do Camiño, a
experiencia fora forte, xa non era a mesma, comezaba un novo camiño, quizais
máis difícil do que estaba a rematar. Novamente as preguntas: ¿como volver á
vida cotiá? ¿Como inserirse outra vez nos horarios, compromisos,
responsabilidades, traballo, contas que pagar? Non foi doado, pero gracias á
extraordinaria capacidade de adaptación que ten o ser humano máis o que
aprendemos no Camiño, foi posible.
Os derradeiros quilómetros maila entrada a Santiago xa nos van preparando; o
tránsito, a xente, a cidade
vannos anunciando o que virá. Entrabamos novamente ó mundo das restriccións, ás
leis dos homes, á "civilización". O noso espírito que vagueara ceibe durante
sete días debía volver o seu "estoxo". O conforto das costas e dos pés non se
pode comparar coa sensación de expansión e liberdade que se ten durante o
Camiño. Todo o relacionado co mundo material vólvese trivial e carecente de
significado.
Aínda non atopo as palabras que poidan describir ese momento máxico, onde a
Catedral emerxe diante da vista, o aperta o Apóstolo, o botafumeiro, a
Compostela. Estréanse emocións. O tempo detense. O corpo non existe. Unha nova
vida comeza. O meu querido amigo Tino lévanos no seu coche a Fisterra, agora sen
mochila e comodamente sentadas; iso facía que xa comezásemos a estraña-lo
Camiño. No Cabo Fisterra cumprimos cos dous ritos: o de queimar unha peza de
roupa que usamos no Camiño e mira-la posta de sol. Outro momento máxico. O
éxtase. As tres convimos volver a camiñar a Santiago. Isto faime lembrar outra
época da miña vida, onde alguén me dixo: "Se gásta-las solas dun par de
zapatos sobre un escenario, non poderás baixarte nunca del".
-
Queremos agradecer á profesora
Teresa Márquez Sanmartín por achegarnos este material.
Para contactarse coa autora podedes facelo a :
peregrinosdelcamino@yahoo.com.ar
Volver a:
Experiencias do camiño
